BÁSICO E INICIACIÓN
Os que xa rematastes a proposta de puntos sobre zapato da semana pasada, e xa como debuxo final desta serie, esta semana faremos o denominado COMBINADO.
O combinado quere dicir que utilizarei dun xeito libre e combinado todo o que vimos anteriormente co recurso da liña con estilógrafo: liña contorno, liña volume, puntos e tramado de liñas.
FASES:
- Debuxo un zapato ou calquera calzado co método anterior utilizando o lapis HB.
- Realizo o rotulado do contorno e o límite de formas procurando ser preciso fixándome ben no acabado dos detalles do zapato.
- Ilumino cun foco para potenciar os volumes.
- Analizo os tons e as texturas, valorando a utilización que farei tanto de texturas visuais como de escala de grises cos estilógrafos.
- Aplico o aprendido sen límite intentando axustarme á realidade que vexo. Utilizarei o estilógrafo 0.2 e 0.4.
Deixo algúns exemplos doutros anos. Fixádevos ben en como se combinan liñas e liñas e puntos... Ánimo!!
Como proposta da semana para a libreta pequena e libreta de acuarela: Continuaremos cos exercicios da semana anterior. Os que rematastes colledes outra lata ou obxecto pequeno con acabado de cor acuarela e liña.
GRUPOS SUPERIORES
Captar o movemento en poucos trazos
Exercicio de execución rápida utilizando a mancha ou a liña a partir de imaxes de peliculas.
O ideal para este exercicio sería saír á rúa e observar o movemento da xente e captalo na libreta, pero neste estado de confinamento utilizaremos o cine como recurso para escoller os modelos.
MATERIAIS:
Deixo liberdade na utilización de rotuladores, tinta, pincel, acuarelas, executando ou en liña ou en mancha sobre a libreta ou no block grande. A utilización de cada técnica condiciona o papel que vou escoller, se colledes acuarela utilizade a libreta de acuarela.
FASES:
- Collo os materiais de traballo ben organizados e me sitúo fronte a pantalla.
- Escollo unha película. O cine clásico e as películas moi recoñecibles sempre son mellores. Resultará divertido adiviñar posteriormente as películas escollidas por cada un de vós.
- Debuxo os personaxes captando o movemento sen facer un esquema previo co lapis. Pensade que é un exercicio de execución rápida pero se queredes podedes parar o film... COMO MOITO 1 MINUTO, xa que tamén queremos desenvolver a retentiva. Iso si, os personaxes deberán de aparecer enteiros.
- Debuxade os presonaxes en pequeno cubrindo toda o folla. Gozade, observade, xogade co medio, non pensedes en que quede ben ou mal... unicamente facédeo.
Deixo varios Exemplos:
1. Onte Natalia, alumna do grupo Superior A, envioume esta proposta xa feita. Ela utilizou a liña dun xeito moi solto, gozando dese medio, buscando o movemento e a proporción e visualizando unha película moi recoñecible.
2. Eu no verán cando vou á praia acompáñome da libreta e ás veces fago bocetos das poses da xente traballando a primeira liña co rotulador de punta de pincel. Tamén vos pode servir como exemplo.
4. Hai un artista que lle gusta moito tamén a Natalia, a nosa protagonista de hoxe, que debuxa incansablemente nas rúas neoyorquinas a toda a xente coa que se atopa. Chámase Jason Polan e está empeñado en debuxar a toda a xente da súa cidade. Para iso nesesita ser moi rápido na execución de cada debuxo. Empapádevos do seu traballo.
VIDEO DE JASON POLAN DEBUXANDO
AGARDO QUE O PASEDES BEN
Noraboa,Natalia!Encántanme os teus pequenos "genekellis". Ca que está caendo, quédome, sen dúbida, ca túa alegre chuvia de talento.Bicos!
ResponderEliminarNatalia este comentario é de parte de Uxía..que non pode publicalo.