luns, 20 de abril de 2020

Grupos tradicionais senlleiros: Os Rosales de Asados (Rianxo) [CAIM GAITA]

Imos comenzar con este grupo, que xa non está en activo, pero temos a ledicia de contar entre nós a tódolos compoñentes, que por riba son grandes amigos da miña familia. Os Rosales foron un grupo familiar, encabezado por Maruxa Miguéns e Xosé Romero, cos seus fillos Pepe, Mario e Sandra.


Temos que remontarnos ao ano 1940 para encontrar a orixe deste grupo co nome "Aires da nosa terra"​ . Xosé Romero Suárez, con dez anos, decide formar este grupo que conta con catro compoñentes:
  • Xosé Romero, gaita
  • Ramón Carou, gaita
  • Alfonso Romero, bombo
  • Vicente Carou, tambor

A súa duración chegará ao 1950, ano en que Xosé ten que facer o "servizo militar". No 1952 volve facer grupo e cambia o nome por "Os Rosales"
Esta formación permanece ata o 1962 con Xosé e Alfonso estables pero vai cambiando os outros dous membros a cada pouco por diferentes razóns (emigración, navegación, servizo militar, etc.). Neste ano, Alfonso sofre un pequeno accidente (cae do palco en Escarabote) e escorda un brazo. Ante a necesidade de cumprir cos compromisos que aínda lles quedaban e non encontrando sustituto por ningures, é o momento no que entra no grupo a dona de Xosé, Maruxa Miguéns, que xa prestaba apoio nos ensaios. O grupo queda formado por:

  • Xosé Romero, gaita
  • Tomás de Bexo, gaita
  • Maruxa Miguéns, bombo e canto
  • Eloi Franco, tambor


O grupo, que xa tiña pezas de canto dende o seu comezo, adoita unha nova imaxe con Maruxa. Ela presenta e fai as recensións de cada un dos temas que interpretan.
No ano seguinte, 1963, incorporan ao seu primeiro fillo Pepe Romero (seis anos), pois xa tocaba dúas pezas na gaita. No 1966 incorpórase definitivamente no grupo facéndose cargo do tambor.
No 1972 entra a formar parte o segundo fillo, Mario Romero, que toca a gaita, e no 1983 a filla Sandra Romero, tamén tocando a gaita.
O grupo continuará ata o ano 2003, no que deciden parar.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!