martes, 21 de abril de 2020

Referentes 1 [Coiro]

José Villar no seu Obradoiro
Nesta ocasión queremos falar cun Amigo da EMAO, que xa nos visitoou en varias ocasións na Escola, con dúas Master Class e panticipando en varias exposicións, e algunha visita furtiva... José Villar.
No personal teño moito que agradecerlle a este “Irmán Maior"que o Coiro puxo no meu camiño de aprendizaxe. A primeira vez que oín falar de José foi porque un alumno da Escola, Víctor, preguntoume por el xa que levara a un familiar a Silleda a facer unas oposición e aproveitou a mañá para coñecer a vila dezá, e viu a súa tenda e o seu traballo e veu marabillado.
Anos despois, na Biblioteca da Escola, vin un dos seus traballos nun catálogo do certame Antón Fraguas, a caixa 1924, e dende ese día namoreime dela, ata que ese mesmos verán a vín en persoa en Allariz e non me defraudou, ó contrario… E xa no ano 2015 púxenme en contacto con el para que participase co seu traballo na exposición “Coiro… aínda que non o pareza” na que nos enviou unas lámpadas que deron moito que falar.
¿Por que lle facemos esta “entrevista”? Porque para min é un referente, a nivel nacional e a nivel internacional. Aínda que non sexa coñecido por moitos, aqueles que o coñecen quedan impresionados polo su dominio da técnica tradicional, pero máis se cabe polo seu espírito innovador en técnicas coma o batik, o cuir bouilli, os lacados ou a policromía, sen deixar atrás o su espirito ferreteiro, que lle serve para desenvolver unas ferramentas impresionantes, das que dou fe son mellores que moitas que se poden mercar, ou que son imposibles de igualar.

-¿Canto tempo fai que traballas o Coiro?¿Como empezaches?
-Inicieime no traballo do Coiro no inverno do 1992-1993, nunhas chuviosas tardes-noites de sábado, da man de D. Manuel Gómez, encadernador artístico natural de Madrid pero afincado en Santiago de Compostela. Coa inmellorable fórmula “preceptor-alumno”, ademais de ensinarme o abc do cosido, tinguido e repuxado, contáxiame do seu enorme amor e respecto polo material... Tiven un dos mellores mestres posibles: os que ensinan incluso sen dicir nada... Naquela época eu facía algo de talla en madeira, pero a fascinación (e adicción) co coiro foi tal, que regalei as gubias “Mifer” a un amigo carpinteiro e púxenme a facer ferramentas (troqueis e burís) que, daquela,  non se topaban por aquí, había que ir a Villaverde a Madrid para mercalos.

-¿Que ten o coiro que non teña outro material?
Ten moitas cualidades que o fan único: impermeable á auga e permeable ao aire; é extremadamente sólido e ao mesmo tempo dunha flexibilidade inigualable; é calorífico (mal condutor da calor); ten prestancia (é dicir, un anaco de coiro, deixado un certo tempo na posición e forma na que foi estirado, conserva a conformación que se lle dou). Este conxunto de propiedades (e algunhas máis) fano inagotábel en posibilidades tanto funcionais como decorativas... Hai que lembrar tamén que acompaña o home desde a caverna: foi “vestido” antes que os tecidos, vasilla antes que o barro, papel antes que o papel, calzado, casa, moble, embarcación... O desenvolvemento do transporte terrestre, a navegación e o inicio da aeronáutica, mesmo a 1ª Revolución Industrial, non serían posibles sen a existencia do coiro... Pódese afirmar que a Historia da civilización sería moi diferente sen este grande aliado. A ver, ¿cando argallades un Seminario -longo- con esta pregunta como título?

-¿En que peza estás a traballar?
Estou a traballar en dúas pezas: unha multifunción, que poderíase titular “3 en 1”, pero como xa estaba pillado o “dominio”, vaise chamar “Para llevar corbata hay que tener cuello”; e a outra, un bowl que seguramente titularéi “Tecla”. Ah¡, esquecía unha mochila moi “bauhaus” que tamén estou elaborando.

-¿Que peza tes ganas de facer e aínda non fixeches?
En Xaneiro rematei un proxecto -con resultado bastante aceptable- que levaba tempo con gañas de solidificar: un botrillo. Mais, sen dúbida, a que máis gañas teño de ver rematada é unha iniciada e aparcada hai máis dunha década (só fixen a base): un botelleiro güibol.

-¿Cal foi a peza ou o encargo máis extravagante que fixeches?
A peza, quizais “Taca-taca para bebé gusano”; e o encargo, un pectoral para un can... Inesquecible por dous motivos: o can (grande) poñíase moi “nervioso” para tomarlle as medidas, e o cliente cando veu facer a encomenda, despois dos “bos días”, díxome: "Tes que facerme un chaleque pra un can".

-¿Dentro das técnicas que coñeces, cal é a túa favorita?
- Síntoo, mais non podo dicir só unha: “Cuir bouillí” e “Batik”.

-¿Que consello lle darías a alguén que está a empezar?
-  Aquí debo citar a meu pai e a meu padriño  (mestres canteiros que xa andan polo aire):
   1.- “Faino ben para que saia regular”,
   2.-  “Van preguntar quen o fixo,  non cantas horas levóu”.

A Suíza
-¿Tes algunha ferramenta especial?
- Si, “A suíza”

-¿Tes algun referente no oficio que consideres como inspirador?
-  ¿Algún?  Buf! Un cento! Coido que a pretensión de orixinalidade é ou ben un fallo da memoria, ou ben un descoñecemento da historia… A pesar de que a miña formación foi maiormente autodidacta, recoñezo débeda eterna con Mestres nacionais coma Selim, Juan J. García Olmedo, Martínez Escó, Ernesto Sánchez, Fernando Martínez, Pepe Pereira…, e intenacionais coma Franklin Pereira, Nelson Gómez Callejas, José M. Bernardo Sappia, Rex Lingwood, René Berends, Garry Greenwood, John A. Jeanpierre, Michel Raimbaud,  Kalinowski…, pois os seus traballos foron -e seguen sendo- didácticos e inspiradores compañeiros de viaxe.

¿Dende que empezaches ata hoxe que cambios notas no oficio?
-  Por unha banda, os derivados da aplicación de tecnoloxías “láser” e “impresións e transferencias” -que nin aplaudo,  nin subscribo-, e por outra o indubidable maior coñecemento de técnicas dos artesáns (profesionáis ou amateurs), que conleva unha maior calidade e diversidade de estilos nos traballos… E podo -xa no colmo da pedantería- citarme a min mesmo e decirche algúns dos culpables disto último: Miriam Campomar e Ernesto Sánchez (desde Allariz), e un tal Pepe de Campolongo, que circula (cando o deixan) entre Pontevedra e Vigo.
Caixa 1924


Mandala

Corset

Verme

Maletín

Maletín

Cerámica con Noces

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!