Álvaro e Xosé Seivane |
Imos coñecelos un pouco máis.
De todos é sabido que o xerme do Obradoiro Seivane foi o voso pai Xosé, pero cóntanos como comezou a vosa historia.
Gaita Sargadelos |
A nosa historia comezou a carón do noso pai, dende pequenos xogamos coas ferramentas do taller, daquela no obradoiro pouco máis cabía que un mesmo. O taller era moi pequeniño e medramos xogando nel. Eu, Álvaro, estudei Automoción no Instituto As Mercedes en Lugo. Despois marchei a Barcelona, por estudos de Mestre Industrial, iniciando Enxeñería, e alí entrei en contacto coa industria e palpei o espírito empresarial. Ía para 2 anos pero foron case 15, alí acabei montando o meu propio obradoiro á vez que seguía traballando e empezamos a servir a gaiteiros de Barcelona, Cataluña e de toda Europa. Meu irmán, Xosé, quedou na Ribeira de Piquín, xunto meu pai. Ata que no 86 voltei a Galicia co proxecto de reunirnos os tres nun único taller e facer así un obradoiro grande, que era algo fóra do usual por entón, artesanal pero ó mesmo tempo cunha visión empresarial de futuro, capaz de resolver dunha maneira integral todos os aspectos da gaita.
Gaita de barquín |
Abofé que o conseguíchedes, mais que foi o que vos fixo montar o obradoiro tan lonxe da ubicación orixinal en Ribeira de Piquín?
Puido ter sido na Ribeira de Piquín, por que non? O problema era que Susana con 8-9 anos estaba no conservatorio, e para que continuara os seus estudos tiña que ser unha cidade con conservatorio, así barallamos varias, Santiago, Vigo… Ao final, por visión de amigos, gaiteiros e certa simpatía que tiña pola zona o meu pai, eliximos Cambre, na Coruña, e o Obradoiro comezou a súa actividade aquí, na ubicación actual, no ano 1995.
Na actualidade sodes varios a traballar no obradoiro, polo que podemos supoñer que a fabricación de gaitas é realmente rendible?
Nós non miramos a rendibilidade, agora mesmo somos 9 persoas traballando, porque houbo tempos que eramos nós sós e chegamos a traballar ata 17h diarias e sempre investigando e innovando, case sen descanso, con tanto traballo non tíñamos tempo para gastar. Hoxe en día se buscásemos a rendibilidade, en vez de 9 persoas teríamos que ser a metade e adicarnos a comprar e vender exclusivamente, sen investir tempo en investigación, pero isto vai contra a nosa filosofía, sempre buscando facelo un pouquiño mellor e ofrecendo a máxima calidade.
Gaita de galleto |
Podes contarnos algo sobre as investigacións e innovacións que levades feito ó longo destes anos.
Podiamos empezar polo propio deseño do obradoiro, cremos que serviu de modelo para moitos de aquí e fóra, non era habitual ver traballar a varias persoas sincronizadas. Traballamos en cada tonalidad herdada, Dó, Sib, Re, Si Natural, ás que lle fomos dando o noso xeito, unificándoas. E fomos completando unha extensa gama de tonalidades, todas cun timbre identificable. Na actualidade construímos unha escala de tonalidades cromática que vai dende Dó4 a Sol5. Mentres tanto recuperamos o fol de cabrito, máis tarde introducimos o Goretex. Recordamos cando apareceu o Goretex aplicado á roupa e calzado, transpirable, nós pensamos nunha cousa similar pero que non perdera o aire, para poder aplicalo á gaita. Puxémonos en contacto coa central en EEUU no ano 1992, e despois de múltiples contactos e tras enviarlles un patrón, empezamos a testalo. Daquela mandaran 20 foles e puxémosllos a distintos gaiteiros de diferentes puntos de Galicia que non se coñecían entre eles para estudalos. Enseguida tivemos moi boas sensacións con este novidoso material, era a primeira vez que o Goretex era introducido na gaita e funcionou. Estivemos dous anos probándoos ata que a finais do 1994 a central estadounidense derivounos a Escocia, por aquel entón tamén eles empezaron a utilizalo nas gaitas escocesas, e así ata hoxe. Tamén o deseño dos patróns, formas, etc. do vestido, do fol, da disposición dos elementos sonoros da gaita contemporánea. Outras innovacións foron o Seitor, sistema de afinación regulable de punteiro. O Seipón, a válvula do soprete. A boquilla desmontable do soprete. O Seinox, unha aleación inoxidabre exclusiva nosa. O Seipal, o pallón sintético. O sistema de trade interior das pezas por brocas de canón aplicable ás gaitas. E tamén foi moi novedoso no seu momento o sistema de presentación dos nosos produtos, o sistema de venda online, o noso configurador de gaitas, a nosa páxina web, etc.
Gaita multibordón |
Recentemente presentáchedes unha gaita multironco, como xurdiu a idea e que funcionalidade ten?
Esta gaita que nós chamamos multibordón, naceu como celebración do noso 80 aniversario, e xurdiu da necesidade de moitos gaiteiros de ter todo nun. Quixemos facer esta gaita para que o instrumento se adaptase á tonalidade da peza, xa sexa tradicional ou de nova composición, puidendo tocar así en Dó, Re, Mi, Fa, Sol e La.
Punteiro Seitor |
Como vos afecta a, cada vez mais numerosa, competencia de novos artesáns?
Recordamos cando noso pai dicía que en Galicia eran 5 artesáns e podía nomealos. Hoxe non saberiamos dicir cantos artesáns somos, sei que moitísimos, e os que están saíndo! Hoxe os novos artesáns teñen referencias, poden coller unha gaita Seivane ou Corral e xa teñen onde poder basearse. Antes o camiño aínda había que facelo. Toda esta competencia é boa, a calidade e o interese aumenta, e a música galega expándese e é coñecida en todo o mundo. Nós mantémonos e seguimos sendo 9 persoas traballando, continuando o noso camiño.
Que visión tedes do panorama da música tradicional no presente, e de cara ó futuro?
A música tradicional está nun moi bo momento, nunca tantos gaiteiros involucrados houbo, e os rapaces van collendo o relevo. Se saben exportalo sen complexos, terá un futuro marabilloso.
Por último, unha pregunta imprescindible nestes momentos que desgraciadamente nos tocou vivir. En que medida vos está afectando a crise do coronavirus?
Isto aínda está por ver pero sen dúbida son tempos moi difíciles para todos, agora o máis importante
é coidarnos moito, coidándose un coida a todos, o primeiro sempre é a saúde. A pesar de non estar obrigados a iso, decidimos dende o inicio do Estado de Alarma paralizar a actividade do noso taller como medida preventiva, e así levamos máis dun mes. Isto é porque non miramos a rendibilidade do negocio senón a saúde dos nosos traballadores e de nós mesmos. Pronto reanudaremos a nosa actividade porque non nos damos sen estar fronte ao torno, e afortunadamente a situación desta pandemia parece estar mellorando, oxalá siga esta tendencia polo ben de todos. E tamén esperamos pronto poder recibir ós nosos gaiteiros, aínda que seguimos mantendo o contacto e respondendo as súas consultas vía teléfono e email, estamos desexando velos de novo. Para acabar simplemente dicir que agora fai máis falta que nunca a música, é a mediciña da alma, así que animámosvos a todos a tocar, o que sexa e como sexa, porque a música sánao todo.
Gaita en DO4 |
Moitas grazas Alvaro e Xosé por dedicarlle ós nosos alumnos un anaco do voso tempo, longa vida ó voso obradoiro, e moita sorte nestes incertos momentos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!