luns, 27 de abril de 2020

Mulleres escultoras: Os obradoiros do silencio (parte 8). Camille Claudel a Escultora (1ª parte) [TALLA E ESCULTURA]

Camille Claudel



Se hai unha escultora que foi inapreciada na historia por ser apaixonada e namorarse dun gran escultor, esa foi Camille Claudel. A súa vida transcorre sempre á sombra do seu mentor e amante August Rodin. Nos libros de historia só era mencionada como a inestable axudante, musa e moza amante do escultor, que viviu de tal maneira a paixón que a levou á tolemia e a un final tráxico. Iso é certo pero totalmente inxusto con Camille, ela foi moito máis que a alumna amante dun importantísimo escultor, que non a deixou nunca brillar e que se aproveitou do seu talento e a súa debilidade. Camille á parte da súa propia mente, foi vítima dunha sociedade machista contra a que non lle importou enfrontarse e iso levouna á escuridade. A súa obra foi tan importante como a do seu mentor. Moitas das obras outorgadas a Rodin crense obras da escultora; segundo afirman moitos historiadores a súa obra foi máis innovadora, xa que ela foi capaz de romper co estilo neoclásico de Rodin para expresarse a través dunha escultura moito máis expresionista. Por iso é de xustiza coñecer a Camille como a muller escultora que foi, e non só como a sombra de Rodin. En 2017 inaugurouse un museo, Musée Camille Claudel, co seu nome e a súa obra, outorgándolle así por fin independencia artística do seu mestre.
Femme acrupie, 1885
Camille naceu en 1864 en  Tardenois, filla dunha familia burguesa, dende moi pronto mostra unha inclinación á arte, concretamente á escultura. Con 12 anos comeza a  modelar a arxila. O seu irmán, o poeta  Paul  Claudell, e o seu pai son o seu apoio para poder acceder aos seus estudos de arte, xa que a súa nai e irmá sempre se opuxeron radicalmente, porque non era o estilo de vida que debía levar unha muller da súa condición social.


Camille traballando no taller
En 1876 a  família trasládase a unha localidade próxima a París, Noguet-sur-Seine, alí entrará no estudo do que foi o seu primeiro mestre, o escultor Alfred  Boucher, quen a apoiou para poder asistir en París á academia  Calarossi, onde coñeceu a outras mulleres coas súas mesmas inquedanzas e dificultades para acceder á formación. Se nesa época ser pintora era complicado, ser escultora moito máis. Cando en 1882  Boucher se traslada a Italia, o grupo de mulleres queda baixo a formación de  August  Rodin. Camille tiña entón 19 anos. Alí coñece á súa amiga a escultora inglesa Jossie  Lipscomb. Un ano despois Camille convértese en asistente, modelo e musa no traller do escultor.

L´ home  penché, 1886
Aínda que traballa todo o día para el, tamén saca tempo para realizar as súas obras. Entre eses primeiros traballos destacan  Femme  accrupie (1885) e  L´ home  penché (1886), obras moi  introspectivas que mostran a súa timidez. Esta timidez cambia cando se converte en amante de Rodin. Entre eles desátase unha relación  tormentosa na que Camille é minusvalorada polos celos artísticos que o escultor sentía cara a ela e o seu medo por ser eclipsado pola súa asistente. Esta relación durou case10 anos. Rodin tiña outras amantes e unha relación estable cunha costureira que o coidaba, pero ataba a Camille con promesas na súa relación, o que comeza a xerar nela dependencia e sentimentos encontrados de amor-odio provocándolle frustración e humillación, o que a leva a unha existencia atormentada.

Os anos que Camille estivo no taller de  Rodin, xamais recibiu un salario fixo polo seu traballo, o escultor pagáballe un estudo no que vivía xerando así unha total dependencia tanto económica como profesional do escultor. 

Entre os traballos realizados pola escultora no taller de Rodin están un gran número de figuras pequenas da obra do escultor As portas do inferno (1880-1900), partes da obra dos Burgueses de Calais (1886), a obra Irmán e irmá (1890) e a talla dalgúns dos seus mármores, obras que Rodin asinou como propias. O tempo que Camille estivo a traballar con Rodin foi o máis frutífero e máis innovador na obra do escultor.

La petit Châtelaine,1896
É a partir de 1893 cando comeza o deterioro na relación co escultor, unha das causas é o aborto que  Rodin aconsella que realice prometéndolle abandonar á súa parella para estar con ela, algo que xamais sucedeu. Isto causoulle un trauma e estivo un tempo realizando cabezas de nenos. Morre o seu pai e a súa familia abandóaa, sentíndose moi soa e deprimida nese momento. A partir de aquí comeza un novo período na súa obra. (continúa na próxima entrada do blog)

-Bibliografía e enlaces Web:

Camille Claudell, Anne Delbee. Circe
Mujeres, Eduardo Galeano. Siglo XXI
Escultoras en su contexto, Raquel Barrionuevo Pérez. Visión Libros

1 comentario:

  1. Fragil y fuerte, encuentro en sus esculturas un reflejo autentico de los sentimientos mas tormentosos cuando se es tan vulnerable ante los instintoa mas bajos de la condicion humano. Entiendo que el estilo de los clasicos no fuese suficiente para expresarse necesitaba más y quiza no solo a Rodin sino mas y lo ahogaron en el maldito manicomio, lugar onde tamen acabaron seus dias outros artistas, porque, onde estan os verdadeiros tolos?

    ResponderEliminar

¡Anímate a participar cos teus comentarios!