Atopámonos no século XIX, caracterizado principalmente como século de revolucións, tanto sociais como tecnolóxicas. Esta revolución tecnolóxica chegará aos usos gráficos coa aparición da litografía en 1796 e da fotografía en 1839; posteriormente xa o cine, en 1895. Estes dous descubrimentos ou invencións, litografía e fotografía, popularizarán o acceso ao mundo da imaxe, xa que a súa realización e copia se abarata. Popularízase a prensa periódica ilustrada e o libro ilustrado.
Como estilos artísticos, visto dun xeito xeral , o século comenza co Neoclásico herdado do XVIII. Este estilo remata coa caída de Napoleón en 1815. Continúa co Romanticismo entre 1820 e 1850 ,o Realismo entre 1855 e 1870, e o Impresionismo e Postimpresionismo desde 1873 ata finais de século. Non podemos esquecer outras correntes como a irmandade Prerrafaelista británica, os posteriores Arts & Crafts o Rexionalismo en España e o inicio en 1893 do Expresionismo co "berro" de Munch... Unha sorte de estilos que cambiarán para sempre o xeito de entender a imaxe artística, e por conseguinte a imaxe como ilustración.
Pedra litográfica |
O Quixote aparecerá en edicións xa de todo o mundo. Italia, EEUU ou a francesa de Tony Johannot, todas estas edicións en branco e negro... e xa se aprecia a realización dos debuxos en lapis litográfico.
Edición ilustrada por Johannot. 1853. As ilustracións son anteriores a esa data. |
EDICIÓN DE MELLADO DE 1855
E o ilustrador..., quén é? ...Curioso que non apareza.
Destacar tamén a edición realizada en Barcelona polo obradoiro imprenta de Tomás Gorchs en 1859. Nas fontes consultadas, aínda que nunha edición de 1863, aparece como debuxante L Madrazo e gravador P Ortigosa, posiblemente en prancha de metal, non litografía. Deixo o enlace para que poidades ver a edición Quixote de Gorchs
GUSTAVE DORÉ. O mellor Quixote do XIX
En 1867 vaise publicar o mellor Quixote ilustrado do S. XIX, e posiblemente de todos os tempos Trátase do Quixote de Doré.
Este pintor e ilustrador francés viaxará por España en 1863, facendo escala tamén en Galicia como cronista gráfico.
Baile galego. Ilustrado por Doré |
Esta viaxe tivo que ser inspiradora para ilustrar posteriormente o texto cervantino, xa que intenta recoller graficamente os costumes, traxes, paisaxes de Galicia, Valencia, Cataluña, Andalucía... cunha visón sen depurar... Froito desta viaxe, ao ano seguinte publicaranse unha serie de crónicas de cidades Españolas.
Doré xa era por aquel entón un ilustrador coñecido e admirado. Traballara para a prestixiosa e pioneira revista ilustrada "L´ilustratión", en1851. En 1853 publicara as obras de Rabelais, con máis de 100 ilustracións sobre o famoso Pantagruel, que foi todo un éxito. En 1861 publicou outro notable éxito, a edición ilustrada da Divina Comedia. Grazas a ela foi nomeado Cabaleiro da Lexión de Honor polo Ministro de instrución Pública francesa. É dicir, cando Doré se enfrontou ao Quixote como ilustrador xa era unha institución en Francia, e puido rodearse dos mellores gravadores do momento, o que lle permitiu experimentar o trazo e a augada sobre madeira.
O Quixote de Doré consta de 370 ilustracións realizadas en gravado, non en litografía. Destas, 120 son a toda páxina. A imaxinería quixotesca creada por este ilustrador é a mellor que se coñece, polo que as súas ilustracións son o punto culminante da estética quixotesca. Cun marcado estilo romántico, influíron a autores tan actuais como Tim Burtom, e son o referente para as adaptacións cinematográficas.
IMAXES DO QUIXOTE DE 1867. DORÉ
CINE
Destacar que Doré publicaría posteriormente as fábulas de La Fontaine ilustradas en pranchas xilográficas e tamén os textos de Perrault, converténdose en grandes clásicos da ilustración, e que hoxe se seguen editando coas mesmas imaxes... pero isto xa daría para outro capítulo.
Barbazul |
Carapuchiña vermella |
O QUIXOTE DE APELES MESTRES. 1879
Apeles Mestres é un dos máis notables ilustradores españois da segunda metade do S. XIX e principios do XX, como caricaturista, pioneiro da banda e autor de álbum ilustrado. Colaborou con numerosas revistas: La Ilustración, Madrid Cómico, El Globo...
O seu concepto de libro era como unha forma de arte global, que ben queda reflexado no seu marabilloso poema ilustrado LILIANA, obra mestra do bibliófilo modernista.
Liliana. 1905 |
Pero Apeles Mestres, moito antes deste libro, e sendo un novo ilustrador, realizou as imaxes para unha edición do Quixote de 1879 que a min me resultan moi novedosas, incluso diría adiantadas á súa época e que distan moito do traballo de Doré uns anos anterior. Son fantásticas, a toda cor, e enlázannos xa co século XX, coa vangarda que está por chegar.
IMAXES DO QUIXOTE. EDICIÓN DE 1879
Feliz día do libro!!!
Que pena Federico, temos unha edición do Quixote de 1879 pero non é a de Barcelona ilustrada por Apeles Mestres.
ResponderEliminarAínda que deste ilustrador temos algunha obra, entre elas unha pequena joyita "La hija del Rey de egipto" dous volumes con acuarelas de Arturo Mélida e debuxos a pluma de Apeles Mestres, da mítica colección Biblioteca "Arte y letras"
Esta biblioteca está chea de tesouros...tomo nota para cando voltemos.
ResponderEliminarGracias Federico por esa lección sobre os Quixotes ilustrados e descubrirnos a eses artistas. Da gusto leer e aprender. Encantoume
ResponderEliminar