Hoxe imos falar da nosa biblioteca, xa sei que a maioría dos alumnos/as viñestes ás presentacións que facemos na hemeroteca, pero convén lembrar que recursos posúe.
O fondo histórico: as publicacións máis antigas remóntanse ao século XVI. Neste fondo inclúense ademais dos fondos cos que se dotou á Escola nos seus primeiros anos de vida, outras coleccións de diferente procedencia:
- Biblioteca Pública García Barbón,
- Hemeroteca Fernando Conde Domínguez,
- Biblioteca do Casino de Vigo
- E outras doazóns persoais e institucionais.
Este fondo pode verse incrementado nun futuro pola incorporación de novos legados, o que dependerá da súa adecuación ao espírito e ás características desta Biblioteca.
Na actualidade conta con máis de 5700 rexistros bibliográficos e 430 títulos de revistas (estes son datos aproximados pois aínda hai bastante material bibliográfico por catalogar).
O fondo moderno é a colección formada polas obras adquiridas nos últimos anos. Formado por todo tipo de publicacións (monografías,
publicacións periódicas, obras de referencia, documentos audiovisuais,
etc.) seleccionados pola súa especialización en artes plásticas, artes
aplicadas e oficios artísticos e tradicionais.
Conta con máis de 2940 rexistros bibliográficos e 58 títulos de
revistas. A este fondo uniuse recentemente o fondo bibliográfico do
Centro de Artesanía Tradicional (CAT) composto por monografías, publicacións seriadas e folletos que poden sumar máis de 300 rexistros.
O fondo artístico e histórico non bibliográfico: formado por cadros,
pezas escultóricas, mobiliario, maquinaria, instrumentos, etc.
Testemuñas dos 133 anos de historia transcorridos.
A nosa colección pode consultarse a través do Catálogo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Tamén se pode acceder directamente
desde o noso blogue aos catálogos do fondo histórico, fondo moderno e
fondo histórico de publicacións seriadas.
Os servizos que a nosa biblioteca ofrece aos seus usuarios inclúen: o
Servizo de Lectura en sala, o Préstamo a domicilio, Información bibliográfica e referencia, Formación de
usuarios, Extensión cultural, o Servizo da internet, e o
Servizo Desideratas ou Suxestións Bibliográficas.
Desde o ano 2010 a Biblioteca ofrece os seus servizos ao público de
forma continuada, permanece aberta 35 horas semanais en horario de mañá e
tarde.
Inicia a súa presenza na internet a través do Blogue BIBLIOTECA DA EMAO, das redes sociais (facebook e twitter) e o seu canal de Youtube.
Desde o ano 2015 a biblioteca conta cun novo Regulamento que define as
condicións dos servizos prestados e dos seus espazos físicos.
Por mor da declaración do estado de alarma e as necesidades de prevención e contención da pandemia do corona virus a Escola e polo tanto a Biblioteca permanecen pechadas, é por isto que se puxo en marcha este blogue EMAO EN LIÑA, no que participa tamén a biblioteca, que servirá tanto para manter un contacto permanente entre docentes e alumnado como para aportar recursos informativos e didácticos de cada unha das especialidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!