Nunha entrada anterior falabamos da nosa biblioteca, dos fondos que conserva, o fondo histórico, o fondo moderno, e o fondo artístico e histórico non bibliográfico. Nestes días anteriores ocupámonos das novas adquisicións para o fondo moderno especializado en arte e en oficios artísticos e tradicionais. Hoxe imos sinalar algunhas das obras máis interesantes e curiosas que se conservan no fondo histórico.
O libro máis antigo que se conserva na biblioteca:
Libri de Re rustica / M. Catonis, M. Terentii Varronis, L.Iunii moderati colymellae ; eiusdem de arboribus separatus ab alys Palladii.-- Basileae : Ex Officina Ioan Hervag, Anno 1535
Esta obra é a máis práctica e exhaustiva exposición coñecida de agronomía antiga. Recolle os tratados nesta materia de varios autores clásicos como Catón O Vello, Varrón e Paladio, recollidos por Lucio Junio Moderato Columela.
A Biblia más antiga:
Biblia ad vetustissim exemplaria nun reens [...] in quibus praetera [...].-- Lugduni : Apud Gulielmun Rovilliumm, 1573
Exemplar impreso por Guillaume Rouillé (1518-1589) en Lyon, presenta o texto a dúas columnas con apostilas marxinais. Intercala numerosas ilustracións que son gravados xilográficos con escenas bíblicas. A marca deste impresor era un aguia representada nunha palma, un globo ou un pedestal, cunha ou máis serpes coas colas entrelazadas coa divisa “ In Virtute et Fortuna”.
Primeiras edicións:
Ierusalen conquistada : epopeya tragica / de Lope Felis de Vega Carpio... a la magestad de Felipe Hermenegildo. En Madrid : en la imprenta de Iuan de la Cuesta, 1609
Impreso por Juan de la Cuesta, que catro anos antes imprimira a 1ª edición do Quixote. Encadernado en pergamiño. O texto ten apostilas marxinais. As letras iniciais e cabeceiras de texto son gravados xilográficos.
A primeira edición do poema épico A Xerusalén conquistada, recolle a tradición lendaria da intervención do rei castelán Alfonso VIII na Terceira Cruzada. Nesta obra Lope tenta emular e superar, literariamente falando, á Gerusalemme liberata de Torquato Tasso, poema editado en 1581, do que toma o título, o tema das cruzadas, a división en vinte cantos, a métrica e algúns episodios e situacións.
Los trabaios de Persiles y Sigismunda : historia setentrional / por Miguel de Ceruantes Saauedra. Em Lisboa : por Iorge Rodriguez, 1617
Última obra de Miguel de Cervantes, publicada de forma póstuma en Madrid en 1617, de maneira simultánea en Barcelona, Lisboa, Valencia, Pamplona e París. O noso exemplar está editado en Lisboa, carece de portada pero conserva o colofón. Está encadernado en pel, aínda que non é a encadernación orixinal. O libro sufrira anteriormente unha “restauración”. Está guillotinado na cabeza e pé, deixando moi pouco espazo á grafía.
Corresponde ao xénero coñecido como novela bizantina de raíz helenística. Narra a complicada relación amorosa de Periandro e Auristela (Persiles e Sigismunda), unha historia de aventuras á maneira da novela grega pero con matices adaptados á visión dunha España católica.
Laurel de Apolo : con otras rimas / por Lope Felix de Vega Carpio . En Madrid : por Iuan Gonçalez, 1630
Este exemplar tamén carece de portada, sabemos que é unha 1ª edición polo colofón.
O «Laurel de Apolo» preséntase como a crónica ou memorial do sucedido nas Cortes convocadas pola Fama no Parnaso, "para que a elas viñesen os pretendentes de maiores méritos". No desfile cara ao cume do monte Helicona concorre gran número de enxeños, e a voz narrativa de Lope enumera, cualifica e define modalidades líricas e realza textos, de máis de trescentos escritores, case todos poetas da época. Pero o «Laurel» non é un simple catálogo de enxeños notables, senón todo un gran mapa de referencias literarias, históricas e míticas.
Continuará...
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!