luns, 27 de abril de 2020

As Mulleres da Bauhaus [CERÁMICA]


Marguerite Wildenhain deu á cerámica un enfoque duradeiro, práctico e simple. Era filla de alemán e inglesa e, tras estudar na Escola de Artes Aplicadas de Berlín, chegou á Bauhaus cando o obradoiro de cerámica só era "unha habitación cun forno". 

En 1929 alcanzou a meta Bauhaus das cerámicas manufacturadas en serie, grazas a contar cun forno de proba e cooperar coa Royal Porcelain de Berlín, lanzando produtos funcionais e baratos co slogan de 'porcelana para a nova vivenda'. Quizá polo éxito, a pesar da súa ascendencia xudía, puido continuar producíndoa durante o período nazi, borrando o apelido dos papeis públicos.

Casou cun colega da Bauhaus, Franz Wildenhain, en 1930, e decidiron mudarse a Putte, en Holanda, onde abriron o obradoiro de cerámica Het Kruikje (A Ola). Sete anos despois volveu asociarse coa industria e, por encargo do Goberno holandés, creou o xogo de té “Five O’ Clock” para a Exposición Internacional de París. 


A invasión nazi dos Países Baixos, en 1940, decidiuna a emigrar aos Estados Unidos. E en California, Marguerite ensinou no Colexio de Artes e Oficios de Oakland e formou a unha lexión de mozos ceramistas en “Pond Farm”, unha colonia de artistas en Guerneville, onde acabou placidamente os seus días.









1 comentario:

  1. Este movimiento me gusta mucho. Hay algún modo de ver el texto en español. Intento adivinar pero hay cosas que me escapan.

    ResponderEliminar

¡Anímate a participar cos teus comentarios!