xoves, 9 de abril de 2020

Mulleres escultoras: Os obradoiros do silencio (parte 4) Anne Seymour Damer [TALLA E ESCULTURA]

Anne Seymour Damer


Nesta nova entrega de mulleres escultoras imos falar da aristócrata británica Anne Seymour Damer. Nada o 7 de novembro de 1748 no seo dunha familia privilexiada, foi unha muller que rompeu cos convencionalismos do momento, decidindo a súa maneira de vivir á marxe do que se esperaba dunha muller da súa clase social.



Casou en 1767 con John Damer, fillo maior de Lord Milton, herdeiro dunha gran fortuna, ao que lle gustaba vivir por riba das súas posibilidades. O seu matrimonio dura sete anos, sepáranse, e tres anos máis tarde o seu marido suicídase deixando débedas, das que Anne ten que facerse cargo. Nunha época na que as mulleres da súa clase non traballaban e contaban con servizo nas súas casas, ela decide coidar dos seus fillos e non seguir a forma de vida que se espera da súa condición de xénero e a súa posición social.

A partir deste intre Anne decide ser ela mesma e dirixir a súa vida cara ao que realmente lle gusta; a escultura e a escritura. Comeza modelando en cera xunto a Isaac Gosset continuando a súa formación como escultora no estudo do famoso escultor Giussepe Ceracchi; tamén recibiu clase de talla en mármore de John Bacon e leccións de anatomía de William Cruikshank Cumberland, adquirindo así unha gran formación, grazas ás súas posibilidades económicas e á súa rebeldía cara aos convencionalismos establecidos sobre o que era ser unha dama nobre británica. De feito a súa forma de vestir masculina -levaba chapeu, zapatos e chaqueta-, fixo que en medios da época se cuestionase a súa sexualidade con desprezo, o que fixo que Anne non só non cambiase o seu modo de vivir, senón que se manifestou abertamente homosexual e recoñeceu a súa relación coa súa parella Mary Berry.

Durante uns anos viaxa por Europa Occidental, sobre todo Italia e Portugal, ampliando os seus coñecementos. Anne foi unha escultora cunha enorme formación clásica. Manexaba a terracota, a talla en mármore, ou o baleirado en bronce. Especializouse no estudo do retrato, mediante a realización de numerosos bustos neoclásicos, tomando como modelos a familiares, amigos e persoas influentes da súa contorna social. Debido á dificultade para ter modelos pola súa condición de muller, tamén realiza autorretratos destacando unha talla en mármore realizada en 1778 que presentou á Royal Gallery of Florence, onde se pode ver na actualidade.


Realiza múltiples esculturas naturalistas onde representa animais. Destaca a realizada en mármore en 1784, Two Sleeping Dogs. Pola cantidade de obras encargadas en mármore crese que contaba con axuda para o desbaste da pedra. A partir de 1800 comeza a realizar obra en bronce, material destinado a obra pública e conmemorativa dado o seu alto custo. Unha das súas pezas máis destacadas é o busto de Sir Joseph Bancks, realizado en 1814, que se atopa no British Museum, Londres. Recibiu algúns recoñecementos oficiais, foi valorada por Napoleón e o Rey George III, e a súa obra foi exposta desde 1784 a 1818 na Real Academy de Londres. Algunhas das súas obras máis destacadas son as cabezas de Isis e Thames esculpidas en pedra en 1785 para decorar o arco central da ponte Henley en Oxfordshire. En 1795 esculpe a estatua en mármore a tamaño natural do Rey George III, que se atopa na casa do rexistro en Edimburgo, ou o retrato da princesa de Gales Caroline en terracota en 1814. En 1801 publica a súa novela Belmour.


En maio de 1828 morre e é enterrada xunto á súa nai coas súas ferramentas e o seu mandilón de traballo e os ósos do seu can favorito. Hoxe os seus restos atópanse no cemiterio de St. Mary, xunto á igrexa de Sundridge, en Kent.

A súa vida como escultora queda relegada a un segundo lugar nos libros de historia, facendo máis fincapé e destacando datos persoais máis anecdóticos da súa biografía, facendo referencia á súa forma de vivir e á súa homosexualidade.

Bibliografía e enlaces web
Anne Saymour Damer: the "sappho of sculture"
Anne Saymour. The Twickenham Museum

Escultoras en su contexto, Raquel Barrionuevo Pérez, Visión Libros

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!