xoves, 9 de abril de 2020

Cerámica Crúa [CERÁMICA]

A obra de Shinichi Sawada 1987 (Shiga, Xapón) situariámola nun tipo de arte que Jean Dubuffet en 1945 denominou como Art Brut ao referirse a un tipo de traballos creados por xentes alleas ao mundo artístico sen ningunha formación académica. O termo sería posteriormente redefinido como Outsider Art.

Shinichi, diagnosticado como autista, atopou emprego na panadería do hospital. Máis tarde asistiu a un taller onde traballou con arxila. En 2001 o profesor puxo en marcha un austero taller construído con chapa metálica e provisto dun forno de leña nun lugar a poucos quilómetros da institución. É aquí nesta instalación lonxe do trafego da cidade onde Shinichi Sawada, xunto con outros pacientes, crea as súas esculturas.

As súas criaturas máxicas e monstruosas parecen ser o froito dunha mitoloxía persoal. O creador traballa en silencio cunha vontade inquebrantable. As súas formas evolucionan a partir de volumes básicos que cobre densamente con púas. As súas pezas son cocidas nun gran forno que se acende só dúas veces ao ano, achegándolle as calidades características da cocción de leña. 

A obra de Sawada atópase na colección de Art Brut de Lausanne, no Museo de Arte Moderna de Shiga, nas coleccións abcd en París e Dammann en Suíza. Presentouse no "Palacio Enciclopédico" da Bienal de Venecia en 2013 e máis recentemente en "The Doors of Perception" na Feira de Arte Frieze de Nova York.









2 comentarios:

¡Anímate a participar cos teus comentarios!