martes, 14 de abril de 2020

Exercicios de modelado para bosquexos de pezas de forxa [OURIVARÍA]


En este artigo quero propor un novo exercicio dirixido a todos os grupos...
O que hai que facer é modelar pequenas pezas que nos servirán de bosquexo ou maqueta para despois materializar unha peza forxada en metal.

Este exercicio serviranos para deseñar un obxeto a partires do modelado para reproducilo posteriormente en metal practicando as técnicas de forxa,
que traballamos ao longo do curso e en tódolos cursos.
Estas son técnicas unidas aos procesos construtivos, a transformación plástica do metal
para xerar volumes.


¿Que é a forxa?

  Pois é a técnica coa que transformamos plasticamente o metal mediante percusión e batido con martelos, mazos, tases planos ou curvos e estacas tanto de metal como de madeira.
Xa sabemos polos traballos de clase que cando golpeamos cun mazo de madeira modelamos a forma para adaptala ou aplanala; en cambio, cando golpeamos cos martelos de metal o que facemos é modelar estirando e afinando o metal, iso é forxar.

A forxa tal como nós a aplicamos é unha técnica que se realiza en frío
ao contrario da forxa en ferro e aceiro.

No seguinte vídeo, moi interesante, do artista xaponés Okuyama Hoseki, podedes ver
o proceso completo de forxado dun floreiro ou vaso, onde tamén aplica outras técnicas decorativas da tradición nipona.


Agora que xa coñecemos a idea xeral do exercicio, o que quero que fagades son os bosquexos para despois forxar, para iso...

 imos modelar en plastilina ou outra pasta, mínimo tres volumes de distintas complexidades, dos que despois escolleremos un e o realizaremos en cobre ou en prata.

Como exemplo aquí tedes unhas formas que modelei en pasta de sal, pois  non tiña plastilina.


Son pezas pequenas, como máximo 6 centímetros de altura.
Modeleinas macizas pois a pasta de sal non é moi flexible, pero serve ben para 
xerar os volumes.


Traballei esta masa cos utensilios que vedes na imaxe, ou co que teñades na casa, pódese estirar cun rolo, cortala, modelala coas mans, raiala, etc.
Para unir distintas partes é mellor humedecer a zona cunha pouca auga, pois agarrará mellor. 

Por se acaso tampouco tedes plastilina podedes facer calquer masa. Aquí tedes varios enlaces onde atoparedes distintas receitas caseiras, ademais algunhas delas son aptas para traballar cos nenos.




Tamén podedes facer bosquexos en papel coa silueta da forma e as medidas a tamaño real, 
pero o modelado nos permite entender os volumes e a súa complexidade.

A seguir déixovos algunhas imaxes de pezas de artistas e despois dous vídeos sobre pezas forxadas, 
algunhas delas construídas dunha soa peza e otras feitas con varias soldadas. Analizade os volumes e como faríades para forxalos, coa observación e a análise tamén se aprende.
Outro consello: non vos quededes só con estes exemplos, buscade formas que non teñen por que ser de pezas de metal que vos sirvan como exemplo, observa o mundo que te rodea. 





















No seguinte vídeo amósase a construción dun xerro feito a partir de dúas pezas soldadas.



E aquí a elaboración de pezas de cobre nun obradoiro de Xapón



Espero os vosos bosquexos, para poder despois aplicar estas técnicas ancentrais que non se poden perder e que teñen moitas aplicacións. 



Espero que vos guste e vos inspire!!! ;D



Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!