mércores, 8 de abril de 2020

Guía sobre xemas I [OURIVARÍA]

GUÍA BREVE SOBRE
AS XEMAS MÁIS EMPREGADAS  (PARTE I)

Nesta serie de artigos imos tratar as xemas máis empregadas, para coñecer algunhas das súas características e particularidades. Para nós é importante a súa cor e tallas nas que se comercializa, inclusións que pode ter, a dureza e a súa sensibilidade á calor, pois haberá procesos que non poidamos realizar se son moi sensibles ou fráxiles.

Comezaamossss......

 ADULARIA


A adularia ou pedra lúa é un feldespato. Podemos encontralo de distintas cores pero a máis habitual é transparente ou leitosa e ten un efecto óptico característico chamado adularescencia.
A dureza desta pedra é 6, atopámola en talla cabuxón, e hai que telo en conta porque é sensible a calor.


É una variedade de feldespato, a súa adularescencia é producida pola reflexión da luz nas capas alternadas de albita e ortoclasa de feldespato, que produce unha luz azulada ou blanquecina que flota no seu interior.





ÁGATA




A ágata é un tipo de Calcedonia, un cuarzo microcristalino, dos que hai variedades fibrosas ou granulares. A fibrosa é a mais común e encóntrase con colores sólidos (calcedonia) ou con inclusións dendríticas ou bandeadas como as ágatas.

As ágatas preséntanse como masas modulares que no seu interior amosan unha fascinante variedade de cores e motivos. 
Podemos encontrar as ágatas en distintas cores, habitualmente tinguidas para reforzar a súa cor. Soen tallarse en cabuxón, a súa dureza é 7 e tamén son sensibles á calor. 

Tipos de ágata:

Ágata bandeada: as cores das bandas dependen das impurezas no seu crecemento, ofrecendo zonas máis translúcidas e máis opacas dependendo da intensidade de cor.



Ágata dendrítica: É unha ágata translúcida que contén belas escenas "arbóreas" como unha paisaxe, grazas ás inclusións dendríticas formadas por hidróxidos ou por óxidos de ferro. 


Ágata musgosa: o seu fondo é translúcido ou leitoso pero con inclusións musgosas de manganeso de cor parda ou de cloruros verdosos. 


Ágata "lume": É unha xema moi particular, con burbullas “aceitosas” iridiscentes que flotan nun fondo pardo. As cores débense a difracción da luz nas capas de óxido ferroso.




AGUAMARIÑA



A aguamariña pertence á familia do Berilo. Brasil, Mozambique e Afganistán producen a mellor aguamariña, pero o material de cor azul máis escuro procede de Nixeria ou Madagascar. 

Esta xema é dunha cor verde mar, azul ceo ou azul escuro. É unha pedra dicroica. Isto produce que a intensidade da cor cambie en función do ángulo desde o que se observa, así que se talla tamén dende o ángulo máis favorable.
Ofrécese en variedade de tallas facetadas e tamén en cabuxón, a súa dureza é 8 e é translúcida, e tamén é moi sensible á calor. 




ALEXANDRITA



A Alexandrita é un tipo de Crisoberilo, xema transparente cunha notable propiedade de cambio de cor, pois ten unha cor verde ou verde azulada á luz do sol, e unha cor máis vermella ou violácea con luz artificial.

É unha pedra de dureza 8-9 que normalmente se comercializa en tallas facetadas, aínda que tamén existen alexandritas con efecto ollo de gato que se tallan en cabuxón.





AMATISTA




A Amatista pertence a familia do Cuarzo, é un dos cuarzos máis cristalinos e populares, 
a de mellor calidade procede dos Urales rusos, pero tamén se atopa en Namibia e Zambia. 
A súa cor abrangue todos os matices de violeta dende un lavanda claro, tons maxenta ou máis violáceo- azulados, a súa dureza é 7, é sensible á calor e atopámola en tallas facetadas e en cabuxón. É unha pedra que contén inclusións características, como uns canais paralelos cheos de líquido que semellan raias de cebra cando se examina coa lupa de 10x. 




AMAZONITA




A Amazonita pertence ao grupo dos feldespatos como a adularia, é unha xema opaca de dureza 6-6,5, o centro de produción é a India, pero tamén se encontra en Brasil, Canadá, Namibia, Rusia, Tanzania e Estados Unidos.

A súa cor é azul verdosa con raias ou vetas brancas, a distribución da cor é irregular. Esta é a cor máis solicitada, pero tamén se atopa de cor amaralela, rosa, vermella e gris. O seu brillo é vítreo pero á vez sedoso. É unha xema fráxil e sensible á presión, por iso atopámola en cabuxón e tamén en contas.




ÁMBAR



O ámbar é unha resina fosilizada de árbores que existiron hai 50 millóns de anos. Ten moi pouca dureza, un 2-2,5 na escala de Mohs. O ámbar máis recoñecido procede de Polonia e Rusia, pero tamén o hai en toda Europa, en Canada e en Estados Unidos. 
A súa cor é amarela con variacións de ton a laranxa ou vermello, e vai de transparente a opaco dependendo das inclusión. O seu brillo é resinoso ou céreo, a miúdo contén insectos e liquens que quedaron atrapados cando a resina era pegaxosa.
É moi sensible á calor e comercialízase en bruto, cabuxón ou contas.





APATITO




O Apatito ten unha ampla gama de cores puras transparentes, azul, amarela, verde, azul verdosa, rosada, violeta, pero en xeral o máis solicitado é o azul ou o azul verdoso de Madagascar, como o da seguinte imaxe:


É unha xema de brillo vítreo e vivo pero fráxil, ten unha dureza de 5, é moi sensible á calor,
un lastre é que o material xemolóxico que se extrae aparece con moitas inclusións como copos negros de carbono, inclusións nubosas ou fluídas tipo "seda". 
É unha pedra bonita con pureza de cor pero delicada, debe protexerse co engaste.  




AVENTURINA




O cuarzo aventurina é unha xema de cor verde medio a escuro, é semitranslúcida con pequenas inclusións de mica fucsita verde; tamén pode atoparse de cor laranxa parda con inclusións broncíneas de hematites. O habitual é que se comercialice en cabuxón ou en contas. 
Como cuarzo que é ten unha dureza de 7 e é sensible ás altas temperaturas. 



E ata aquí por hoxe ;D seguiremos noutro artigo, 
xa sabedes que sempre podedes buscar máis información pois a xemoloxía é un mundo moi extenso. 

Espero que vos sirva de axuda e vos inspire!!!
Grazas ;D

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!