Para empezar poderíamos remitirnos a moitos autores cos que comparto o seu xeito de entender o Debuxo, como John Berguer, Betty Edwards ou o xa citado Peter Jenny ou resumir o que aparece na convocatoria do curso ou no PEMAO, pero penso que é interesante facer unha reflexión desde dentro do obradoiro, achegando traballos realizados por alumnado relacionando estes con obras de grandes mestres para que vexades que a aprendizaxe do debuxo é posible, que os debuxantes non están tocados por unha divindade que lles dá poderes extraordinarios na observación e a execución dos debuxos... pero require esforzo, moita práctica, concentración e dedicación. O debuxo é sobre todo unha actividade mental que cansa moito.
O INICIO
O Debuxo é unha actividade primaria, esencial, xa que só necesitamos un útil e un soporte. Calquera utensilio en acción que deixe marca sobre unha superficie considérase debuxo. Se nos remitimos a elementos próximos para executar unha actividade tan básica, podemos pensar no soporte area, terra e no útil man ou pau. Posiblemente o Debuxo comezou así... alguén trazou unha liña sobre a area que foi efémera, do mesmo xeito que se debuxou, o mar levou esa liña cando chegou a onda. Como unha canción de berce, un son que se escoita e marcha... pero que queda na memoria.
LIÑAS NAZCA
Liñas nazca. Perú |
A historia da arte comenza aquí, no debuxo na area, na terra, na relación do home cos elementos da natureza sinxelos e próximos e a súa manipulaión, para rematar no século XX co Land Art. Segundo Fernando Castro Florez "o Land Art é a última tentativa da arte antes da desubicación da arte no virtual".
O debuxo é a primixenea forma artística coa que o home se expresa graficamente. No debuxo atópase o inicio. Todo este percorrido de séculos para chegar á mesma conclusión de que a arte como a vida é efémera... e de que por moito que nos empeñemos todo ten un principio e un fin e entre eses dous puntos atópase a beleza. O debuxo ten esa esencia de que a súa durabilidade vai ser curta, por iso representa tan ben o espírito humano.
ANDRÉS AMADOR
Debuxo sobre area do artista Andrés Amador |
PETRÓGLIFOS DE MOGOR
Petróglifos de Mogor. Galicia |
Aínda que a orixe do debuxo atópase nese momento inicial da humanidade, por ese carácter esencial e efémero que ten, e mantense durante tódolos períodos da historia, non foi ata o Renacemento cando esta disciplina adquire identidade propia non supeditada a outra disciplina maior. O debuxo proponse como medio de coñecemento e investigación. Giorgio Vasari define o Debuxo como "pai da ciencia" polo seu valor intelectual. Pero o factor material vai ser importante e non desdeñable no auxe desta disciplina. A utilización do papel como soporte que se populariza en Europa desde o final da Idade Media e a punta de prata como útil de trazado. Pero tamén o carbón, a sanguina, as sepias e as tintas ferrogálicas, fai que os artistas atopen nestes materiais un medio sinxelo e preciso de plasmar as súas ideas. Será neste período cando nace o Debuxo moderno. Aquí comezamos.
Estudo de mans. Durero. 1494 |
Estudo de plantas. Leonardo. 1506 |
EXERCITAR E OBSERVAR
Para chegar a coseguir esa conexión case catárquica no que se refire ao debuxo do natural, de observación, que nos ensinou Leonardo, é importante comezar por aprender dúas cousas:
- AS POSIBILIDADES PLÁSTICAS DO ÚTIL E O SOPORTE, en tódalas técnicas do debuxo que podemos denominar clásico. Lapis, carbón e tintas, con tódalas variantes posibles que hoxe o mercado nos ofrece, materiais e soportes adaptados para cada un deles.
- OBSERVAR O MUNDO E RECREALO utilizando método, de xeito que iniciemos esa recreación do que vemos, guiados, analizando e entendendo a forma dos obxetos e o espazo que os rodea.
1. POSIBILIDADES DO ÚTIL
2. OBSERVAR O MUNDO E RECREAR
Debuxo de mans |
Debuxo de zapatos |
Debuxo de obxectos |
Outra das guías metódicas na ensinanza do debuxo, convertidas en norma no século XIX, é a consolidación dos convencionalismos da perspectiva. A perspectiva comeza a desenvolverse no Renacemento coa finalidade de representar o espazo e o volume dun xeito naturalista. Brunelleschi representa en 1420 o Baptisterio de San Xoán de Florencia visto desde a Catedral cun método que imita o espazo nunha superficie plana. É o nacemento da perspectiva.
O estudo do método e o coñecemento dos convencionalismos da perspectiva "italiana", xa fixada na cultura occidental case como o único xeito de ver, aínda que non o único, é outro dos pilares na ensinanza do debuxo na Emao. Non se trata dun tema no que abordemos a perspectiva dun xeito teórico, máis ben trátase de poñer en práctica eses convencionalismos básicos que nos permitan debuxar na rúa como fixera Brunelleschi desde a Catedral de Florencia, recreando o espazo con criterio en base a eses convencionalismos.
"O debuxo foi ao longo da historia da arte o medio para fixar, sistematizar e codificar as formas e ideas artísticas. A isto debe todas as opcións do clasicismo, como tendencia baseada no desenvolvemento dun código... elevado á categoría de norma. O culto á norma e ao valor academicista da forma ensínanse e apréndense a través desta disciplina."
Esta foi unha tendencia da que resulta dificil escapar na ensinanza do debuxo. Moito do alumnado segue a considerar o debuxo como a primeira fase, como a ensinanza que lle permita facer estudos preliminares para seguir logo en pintura, deixando o debuxo como a obra preparatoria. Moitos comentan "Primeiro fago debuxo para logo facer pintura", " Un bo pintor ten que ser bo debuxante". Todas estas afirmacións son consideracións do modelo clasicista que temos tan enraizado pola presenza que tiveron as academias e que veñen da herdanza Neoclásica do século XVIII. Penso que na ensinanza do debuxo non podemos mirar para outro lado con respecto a esta herdanza tan fixada, considerando ademais que estamos nunha escola de Artes e OFICIOS. O valor da norma, dos convencionalismos clásicos da perspectiva, a apliación das técnicas, as veladuras, a relación das escalas de grises, a consecución de texturas visuáis, o coñecemento da proporción... Todo isto si, pero o debuxo ten independencia, é obra en si mesma, delicada, efémera, máis inmedita, pero obra. Abordamos todos estes aspectos, trasladamos a forma observada dun xeito analítico, memorizamos fixando a imaxe... Construímos todo ísto para logo deconstruír.
OUTROS DEBUXOS
Coa aparición da fotografía no século XIX toda a ensinanza clásica do debuxo académico comeza a non ter moito sentido. Os artistas queren expresar dun xeito individual. Buscar novos camiños. O valor da forma vai ser disolta polo impresionismo e o postimpresionismo, así como moitas das obras dos fauves e os expresionistas. Kandinsky, vinculado á Bauhaus, publica en 1925 o seu libro " Punto e liña sobre o plano" onde leva a cabo un intento de consolidar unha gramática universal da forma e funcional para a arte. A cor, o punto, a liña, son entendidos como elementos puros e eternos que transmiten a esencia do movemento. O seu libro presenta paralelismos coa psicoloxía da Gestalt que se desenvolve tamén naquel momento en Alemaña.
Paul Klee e Kandinsky porán en práctica estas teorías na ensinanza de Debuxo na Escola da Bauhaus. Cooperan nunha nova forma de debuxar atendendo ao "que" concepto e ao "como" expresión. Pasan da reprodución realista e obxectiva ata a abstracción ou subxectiva nas súas clases de debuxo. Neste contexto enténdese o Debuxo como unha linguaxe transversal para a arte, o deseño e a industria... exposición que eu compato. Construír para decontruír. Aprende os convencionalismos, coñéceos, utilízaos se queres e logo, se queres, os desmontas.
Outras vangardas indagan no subconsciente motivadas pola aparición da psicanálise, como fixeron os surrealistas co debuxo automático. André Bretón afirma que o surrealismo é "un automatismo psíquico puro por medio do cal inténtase expresar verbalmente, por escrito ou por calquera outro medio, o funcionamento real do pensamento. É un ditado do pensamento, sen a intervención reguladora da razón, alleo a toda preocupación estética ou moral".
Debuxo automático. André Masson. 1925 |
A tradición segue estando aí. As vangardas desafían toda relación co pasado, pero demostran tamén que a tradición ten tanto peso que resulta moi difícil matala. Os cubistas desenvolven unha nova perspectiva, "perspectiva múltiple", creando un "novo debuxo", denunciando a tiranía do clasicismo, pero creando un "novo clasicismo".
Perspectiva múltiple de Juan Gris. 1912 |
A MORTE DO DEBUXO
O artista que verdadeiramente mata o Debuxo é Pollock, negando o debuxo e desfacendo a diferenciación entre Debuxo e Pintura. Cando os surrealistas chegan exilados desde Europa a NY nos anos 40, André Bretón, Max Ernst, André Massón... contactan cos artistas mozos que protagonizarán as segundas vangardas nos anos 50. Pollock alivia a súa frustración de "mal debuxante" grazas ao debuxo automático que coñece dos surrealistas. Descobre que a verdadeira arte non depende do virtuosismo e converte o seu "facer" en expresión pura, en expresión primaria. Pollock é xesto e enerxía, é pura acción e momento. Non require dunha aprendizaxe porque é unha acción intuitiva.
Desde o punto de vista da ensinanza do debuxo, o automatismo paréceme unha experiencia a ter en conta, un modo máis de investigar sobre os procesos da creación, das posibilidades da expresión plástica e unha vía aberta cunha gran riqueza para a creación.
PECHANDO O CÍRCULO
Pero o debuxo volta ao mesmo punto do que partiu. O século XX, tan vital, dinámico e transformador mata ao Debuxo pero vólveo recuperar conectando co comezo, coa terra. O Land Art de Robert Morris, que viaxa a Perú nos 60 e nos 70 para intentar comprender as liñas Nazca, sostén que a lóxica da obra é a do debuxo e non a da escultura. Atópase en consonancia coa obra de Jean Dry Lake, debuxando cunha motocicleta, de Smithson... todos eles fascinados pola dimensión e a grande escala. Segundo Morris, desde Rodín "toda obra tridimensional procede do Debuxo" e Smithson realiza debuxos constantemente desde bosquexos ata os máis desenvolvidos. Os debuxos son considerados documentos de obras destinadas a desaparecer, como os de Christo, aínda que os de Smithson sexan menos meticulosos.
Spiral Hill. Robert Smithson.1971 |
O DEBUXO ENTENDIDO DUN XEITO INDIVIDUAL
Pero existen artistas con posicións aparentemente desvinculadas das vangardas, illadas do discurso pero con gran recoñecemento internacional e exemplo dentro do concepto de representación e figuración. Individualistas como Antonio López, Balthus, Lucien Freud, Francis Bacon, e un autor co que comparto a seu xeito de ver o debuxo... de mirar e de executar... David Hockney. Eles, entre outros, son o contrapunto dos outros discursos e son difíciles de analizar. Temos que entendelos no contexto complexo da modernidade. Eles reflexionan sobre o problema de construción do real, no só constrúen unha representación, un simulacro. O autentico tema non é a realidade, máis ben o proceso de representación e o debuxo como elemento de coñecemento. Penso que aquí é onde nos debemos situar para ensinar debuxo no século XXI. A observación. A representación, o debuxo como actividade universal de coñecemento.
Debuxos de libreta. David Hockney |
Estas obras de Hockney fálannos, entre outras moitas cousas, da importancia do bosquexo como base de coñecemento. Esa base é fundamental para traducir logo as ideas propias en imaxes máis complexas, de aí a importancia que ten a libreta de apuntamentos. No obradoiro de Debuxo bosquexamos a partir do natural, co fin de memorizar o mundo e ser quen, posteriormente, de traducir as nosas ideas a esas libretas. Pensamos que dese modo traballamos coa tradición pero situámonos tamén na contemporaneidade xa que deixamos a porta aberta á experimentación, á busca, cunha serie de pautas que consideramos moi reveladoras. A utilización da libreta e o trazado do bosquexo ou o trazado do que vexo, pero máis acabado, é unha ferramenta que nos axudará a ter control sobre o espazo, a forma, a textura.
4. OBSERVAR O MUNDO E COÑECER
Da igual o motivo, unha paisaxe, un retrato, o corpo humano, un obxecto cotián... o importante é atoparse individualmente coa forma, comprendela, comprender como se posiciona no espazo e como se relaciona con outras formas, como dialogan entre elas... para compoñer logo o noso debuxo no espazo de traballo, traducindo a forma observada a ese espazo. Dalgún xeito estes debuxos de bosquexo son como a nosa rúbrica, o noso xeito de grafar que resulta único, pero tamén o noso xeito de observar e de coñecer o mundo, particular e individual.
5. O MOTIVO NON IMPORTA
Corpo humano. Posados do natural |
Retrato e paisaxe |
Obxectos da contorna |
Fronte ao espello |
O debuxo de observación é o que potenciamos na aula. Esa obsesión por aprender a ver e por entender a forma e por memorizar o mundo é unha constante que traballamos arreo. Inicialmente potenciamos o debuxo de observación posteriormente o de memoria, para por fin ser quen de levar a cabo un debuxo creativo. Este debuxo de idea xa se traballa dun xeito individual intentando potenciar as capacidades creativas do alumnado. Analizando como resolven outros as súas ideas para chegar a conclusións que faciliten as tarefas dos proxectos do alumnado.
5. COÑECER PARA IDEAR
O proxecto de Bety era unha idea de transformación de espazos da cidade que lle resultaban pouco atractivos. A súa proposta consistía en proxectar xardíns con ese fin transformador. Sería interesante poder executalos na realidade, como Christo.
A proposta de Gerardo era ben diferente xa que cabalgou entre o debuxo e a pintura co fin de executar retatos a mancha-cor-pastel en formatos moi grandes, rompendo coa convención establecida do debuxo pequeno.
María traballou a idea en formato papel co fin de trasladar os seus deseños propios ao mundo da tatuaxe. O soporte final vai ser a pel. Hoxe María é tatuadora.
O FUTURO É HOXE
Todas estas reflexións facendo un percorrido pola ensinanza do debuxo, a súa importancia e validez ao longo da historia serven para situarnos no hoxe e aquí. Nesta Escola e neste obradoiro no contexto actual. Coñecer o desenvolvemento histórico do debuxoaxúdanos a reflexionar sobre o momento e o lugar que ocupa na actualidade. Reflexionar sobre o perfil do alumnado que temos, as súas motivacións e inquedanzas o tipo de formación que estamos a impartir e o que queremos conseguir serviu para elaborar o currículum de cada especialidade e que aparece no Plan de Estudos PEMAO 2015. No PEMAO poderedes informavos nos tres documentos de tódolos elementos do currículum de cada especialidade e da súa normativa.
O curso 2020-21 vai ser especial, complexo. Temos certa incerteza a causa do COVID e temos que adaptarnos ás circunstancias. O alumnado do curso pasado vai repetir para poder completar a súa formación, polo que a oferta de prazas é moi limitada xa que se ofertan as vacantes existentes. Toda a información das vacantes, horarios, cursos... podédela atopar na convocatoria neste sitio WEB. Fixádevos que este ano ofértanse tamén vacantes para os grupos Medio, Superiores e Avanzado. Para acceder a estas prazas requírense coñecementos previos acreditados.
Agardamos que o próximo curso poidamos seguir compartindo todo o que sabemos e seguir tamén aprendendo con vós na viaxe desta disciplina tan apaixonante que é o Debuxo...
Parabéns Federico, paréceme un resumo moi completo, interesante e motivador
ResponderEliminarGrazas Bety e aos que participastes activamente para que este obradoiro poda ensinar con dignidade os vosos fantásticos traballos....e todos os que non ensino, que sosn moitos.
EliminarUn post muy interesante. Gracias Federico.
ResponderEliminarEstá xenial o resumo!
ResponderEliminar