venres, 31 de xullo de 2020

En agosto, a EMAO pecha.... ¡vémonos en setembro! [ADMINISTRACIÓN]

Proxecto de teito para sala de lectura realizado
polo alumno José Cameselle
(que anos despois crearía a histórica
Cristalería La Belga).
Ano 1910 -Arquivo da EMAO-
Rematamos hoxe, 31 de xullo, un curso moi  complexo, cheo de incógnitas, de necesaria e continua autoavaliación, de tomas de decisión sobre un terreo ignoto e esvaradizo, no intento de paliar no posible os efectos sobre a actividade da nosa Escola da crise do COVID-19.

Dous días despois de decretado o peche de tódalas actividades da Escola por mor da declaración do Estado de Alarma, decidimos crear este Blog, como un instrumento de emerxencia para manter o contacto co alumnado e coa sociedade neses momentos difíciles.
Eramos conscientes, obviamente, de que o Blog non podería substituir ao traballo e a docencia en aulas e talleres, especialmente tratándose dun ensino que como o noso, está intimamente vencellado á práctica e á experiencia directa.

A medida que pasaron os días o noso Blog foi medrando e collendo a forma e a autonomía abonda como para que, aos poucos, se fose despegando do motivo da emerxencia inicial para irse consolidando  como unha desas cousas extraordinarias que finalmente conseguen vir para quedárense.
Queremos que se convirta nunha publicación destinada, xunta con outras que proporciona internet, a complementar, no próximo curso e no futuro, a actividade presencial na aula e para servir como unha privilexiada canle de expresión e difusión non só para o alumnado, senon tamén para o público en xeral cada vez máis interesado polo rico mundo das artes aplicadas e dos oficios artísticos.
Estatística Blog EMAOENLIÑA marzo-xullo 2020

Entrementres, fomos aprendendo, con maior ou menor acerto e intensidade, a utilizar os recursos que internet e as redes sociais puxeron á nosa disposición para manter unha relación máis permanente entre o profesorado e entre cada mestre e o alumnado da súa especialidade: dende ferramentas de webinar, ata os grupos de Watshap ou o uso sistemático do correo electrónico e Instagram...

Abrimos a Biblioteca en Fase 2, coas restricións que esta fase establecía e logramos unha reapertura parcial das instalacións para atender, na medida do posible e previa cita co profesorado, ás  inquietudes e necesidades concretas do noso alumnado.
Tamén fumos quen de reabrir o Espazo EMAO e poder seguir ofrecendo ao público a exposición "50 anos da arte de Diego de Giráldez", unha mostra deste artista consagrado que na súa adolescencia e xuventude nos anos 70 se formaba e daba os seus primeiros pasos artísticos na Escola.

Polo medio, ata ousamos por primeira vez facer unha pequena enquisa online entre o alumnado sobre diversos aspectos relacionados co confinamento e a actividade da EMAO, utilizando os formularios de Google.

A crise, pesia aos graves problemas que acarrexa, transformouse tamén nunha oportunidade para mellorar a relación co noso alumnado e coa sociedade, máis alá da cotidianeidade da aula e do taller. Agora sabemos máis, adquirimos experiencia e saberemos poñela en valor e mellorala neste incerto futuro que apunta o curso 2020-21.

Escoitamos, debatimos, diagnosticamos, avaliamos e decidimos que o curso 2019-20 era necesario repetilo, con tódolos pros e contras que isto significaba. A concellería de Educación estivo permanentemente atenta ás nosas reflexións e atendeu á nosa proposta de repetición, lanzando a convocatoria de curso, a día de hoxe e ata o 4 de setembro aberta online, cunha menor oferta de prazas de novo ingreso ao estaren ocupadas na súa maioría polo alumnado do curso anterior. O noso alumnado que, como previamos polas consultas realizadas, maioritariamente respostou á convocatoria e confirmou a súa matrícula no mesmo nivel e especialidade que tiveron no acurtadísimo curso 2019-20.

A pandemia cortounos iniciativas exitosas recén postas en marcha como os Venres da EMAO que, iniciada en xaneiro de 2020, cada semana trouxo á sala da nosa Hemeroteca os saberes, o coñecemento e a experiencia de persoas fondamente vinculadas coa arte, a artesanía, o emprendemento e a creación nas áreas que abranguemos coas especialidades EMAO. O seu último acto estaba programado, precisamente, para o día anterior ao da declaración do Estado de Alarma.

Coutou tamén o desenvolvemento de ducias de actos culturais externos xa comprometidos para desenvolverse nas nosas salas, o programa de exposicións e, sobre todo, a dinámica retomada nas aulas despois duns meses nos que a celebración de procesos selectivos do profesorado dalgunhas especialidades retrasou tres meses o inicio do curso nestas.

Conxelou tamén o noso Blog "Biblioteca da EMAO", que deixou xenerosamente paso a este que agora lédes e que será, a partir de agora, integrándose nunha nova páxina web da EMAO, un dos principais medios de comunicación da Escola para o exterior.

Queda moito por reflexionar, moitas conclusións que tirar destes tempos de confinamento e distancia social, da súa repercusión non só sobre a actividade da nosa Escola, senon tamén sobre as nosas vidas e as nosas relacións. Non é aínda o momento.

O curso que vén, o 2020-21 terá, ademais da repetición de curso, outras adaptacións espaciais, protocolos para o funcionamento das clases, distancia social, hidroxel, mascariñas e moita prudencia. Teremos que ir aprendendo e adaptándonos. Pero o curso que vén debe traernos tamén a recuperación das gañas, a ilusión por ensinar e aprender, a colaboración, a interdisciplinariedade, a compensación da obrigada distancia dos corpos co esforzo de proximidade e empatía que dá compartir arte, técnica, saber tradicional e contemporáneo, a creatividade persoal e a da comunidade de estudos.

As mans, que agora dificilmente poden unirse sen provocar sobresalto, saberemos unilas a través da materia, da maxia de trasformar materialidade en creación, ideas en formas, ilusións e pensamentos en imaxes.

Esperámosvos en setembro na Escola e nas páxinas deste Blog. Daquela temos preparada tamén unha apaixonante sorpresa: a exposición Confinamento que montaremos --comisariada por Rosa García, Federico Fernández e Darío Basso, en colaboración co claustro de profesores- nos vestíbulos e corredores dos nosos edificios. Nela exporemos traballos e propostas creativas realizadas polo noso alumnado por iniciativa propia ou como exercizos propostos a distancia durante aquel tempo tan extrano de quedarse na casa que invadiu as nosas vidas neses meses de confinamento.

¡Ah! para rematar:  lembrar que a preinscrición, tando de novo acceso a cursos básicos como a de convalidación para acceso directo aos superiores e para a presentación aberta de proxectos para o curso Avanzado, segue aberta ata o vindeiro 4 de setembro.

¡Moita forza e moita saúde!

Rafael Ojea

Compañeiro de confinamento. Foto: R.Ojea. Abril 2020

4 comentarios:

  1. Cómo alumna estoy estou moi agradecida do esforzó Feito pola escola, neste tempo. Dexesolles unhas moi boas vacacions. Ata setembro

    ResponderEliminar
  2. Grazas Irima. Nós tamén estamos moi orgullosos/as do noso alumnado.
    ¡Felices vacacións!

    ResponderEliminar
  3. Estou totalmente de acordo co que di Irima.-
    Deséxolles moi boas vacacións a todo o equipo da Emao de Vigo.-
    P.D.: preciosas fotografías do compañeiro de confinamiento.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas Beatriz
      Temos un traballo precioso que temos que coidar.
      ¡Que disfrutes dun feliz agosto!

      P.D. O pardal pousou confiado no silencio da cidade neses días :-)

      Eliminar

¡Anímate a participar cos teus comentarios!