xoves, 9 de xullo de 2020

Presentación Especialidade de Ourivaría [OURIVARÍA]

Neste artigo explicaremos que é e que podedes aprender realizando
a especialidade de Ourivaría na Escola Municipal de Artes e Oficio de Vigo,
para elo imos comezar polo principio ;D

Ourivaría 
é unha palabra que procede do latín "Auri faber" e que se refire
ao artesán do ouro. 


Segundo a Real Academia Galega, ourivaría é a 
"arte de traballar os metais preciosos para facer xoias, obxectos de adorno ou de culto, 
útiles para as casas nobres, etc".

Polo tanto un ourive é o "facedor de obxectos de todo tipo, que manipula o ouro e calquera outro material empregando as mesmas ferramentas e con diversas técnicas" 
como expresa Carles Codina no seu libro “Orfebrería”.

Todas estas definicións podemos completalas dicindo que a
Ourivaría é
unha actividade artística que emprega como materiais de construción os metais preciosos pero tamén outros metais base e tamén distintas materias primas (xemas preciosas, esmaltes, madeira, etc), aplicando no proceso creativo diversas técnicas e procedementos metalúrxicos e creativo-artísticos. 


Pendentes de Alexandre Hermida - prata e amatistas

Historicamente a arte da ourivaría data dos inicios dos primeiros asentamentos humanos alá pola prehistoria, os primeiros adornos de metal foron feitos con ouro batido que atopaban en forma de pepitas. O desenrolo desta arte foi unido nos seus comezos ao dominio do lume e a tecnoloxía da cerámica, pois cocendo as arxilas déronse conta de que os minerais metálicos que estas contiñan podían fundise e transformar.

Tocado, colares e cinturón da 
Raíña Puabi. 2600 a.C. aprox.
O traballo cos distintos metais preciosos ou non, 
foi de tal importancia que forma parte da evolución humana, 
tanto é así que a fase final da prehistoria divídese en tres periódos: idade de cobre, idade de bronce e idade de ferro abranguendo dende o 6000 a.C ata o 600/200 a.C dependendo da zona xeográfica. 

Nestes primeiros 6000 anos de historia inventáronse as técnicas e procedementos metalúrxicos que seguimos aplicando hoxe en día, o noso traballo non varía moito do que facían os antigos ourives, a maior diferenza son as melloras nas ferramentas, maquinaria e tecnoloxía, pero a base das técnicas foi e seguirá sendo sempre a mesma. 

O exemplo que podedes ver a esquerda é o tocado da raíña Puabi de Sumeria (Mesopotamia) que forma parte do Mundo Antigo xunto coa civilización exipcia, da cal seguramente coñecedes máis de unha peza de ourivaría por exemplo a máscara funeraria de Tutankamon datada sobre o 1354-1340 a.C. Estas civilización adquiriron unha extraordinaria calidade artística e técnica na arte da ourivaría. 



¿Pero que é, que podedes aprender e cómo podedes acceder 
a especialidade de Ourivaría da EMAO?

O próximo curso 2020-21 vai ser especial pois a causa do Covid-19 aos alumnos matriculados no curso 19-20 déuselle a posibilidade de repetir por non poder completar a súa formación,
isto supón que as prazas que se ofertan non serán as ordinarias, senón as vacantes.
No caso da nosa especialidade temos todos grupos completos,
menos o de Iniciación no que se ofertará unha praza de novo ingreso, 
pero si queredes optar aos cursos en horario de tarde estas sairán para o curso 2021-22.
Toda a información relativa as convocatorias podédela atopar na WEB,
tamén veredes que no caso de algunhas especialidades ofértanse prazas para os segundos cursos,
nese caso o acceso realizase por convalidación pois requirese ter coñecementos,
aquí tedes a información, oferta e convocatoria.

A Especialidade de Ourivaría pode realizarse seguindo dous itinerarios en horario de tarde ou en horario de maña, nas dúas vías a asistencia é obrigatoria, danse os mesmos contidos e séguese a mesma metodoloxía, as diferenzas son:
  • Ourivaría en horario de tarde (2 anos 700 horas), corresponde aos niveis Básico (1º curso) e Superior (2º Curso), estes niveis teñen unha carga horaria de 350 horas cada un, dous días a semana das 16:00 as 21:00 horas. Estes cursos compleméntase con dúas complementarias integradas dentro do horario que son Debuxo técnico (Básico) e Historia da Ourivaría (Superior). 
  • Ourivaría en horario de maña (3 anos 432 horas), corresponde aos niveis Iniciación (1º curso), Perfeccionamento I (2º curso) e Perfeccionamento II (3º curso), estes niveis teñen unha carga horaria de 144 horas cada un, martes e xoves en horario de 10:00 as 12:00 horas. Estes cursos non teñen complementarias.
  • Nivel Avanzado: este é un curso opcional ao que poden optar os alumnos que rematan o último curso da especialidade ou aspirantes con coñecementos demostrables, para elo requírese a presentación e aprobación dun proxecto persoal a realizar durante este nivel que ten unha carga horaria de 70 horas obrigatorias, e que se cursa os venres pola tarde. 
Unha vez se ofertan as prazas para un novo curso,
os aspirantes deben preinscribirse no nivel escollido (Básico ou Iniciación),
no mes de setembro deberanse presentar a proba de acceso na hora e día indicados
co seu DNI e un bolígrafo.
A proba de acceso consta dun cuestionario básico e unha proba práctica escrita
para a que non se requiren coñecementos previos de ourivaría.
Cos resultados desta proba realizase un listado ordenado segundo a puntuación obtida,
que marcará a orde de admisión, os 15 primeiros do listado serán os admitidos e terán que confirmar a matrícula para acceder ao curso. O resto dos aspirantes pasan ao listado de agarda por si se producise algunha baixa e así completar os grupos.
No caso de que se produzan máis solicitudes que prazas ofertadas terán preferencia os aspirantes empadroados en Vigo independentemente da súa nota na proba, os non empadroados pasan a lista de agarda e poderán acceder cando haxa vacantes.

Colgante de Casilda González - prata, ouro e amatistas

PROGRAMA OURIVARÍA

O obxectivo xeral da especialidade de ourivaría é capacitar aos alumnos da formación necesaria para que poidan deseñar e construír as súas propias pezas de ourivaría aplicando as múltiples técnicas e procedementos que esta arte require.

O aprendizaxe adquírese a través da práctica artística e construtiva, realizando unha serie de exercicios obrigatorios a través dos cales apréndense e aplícanse as técnicas e procedementos.
Estes exercicios van acompañados de explicacións teórico-prácticas das técnicas a realizar,
e neles se marcan uns requisitos construtivos que hai que cumprir,
dando liberdade sempre no deseño para que o alumno desenvolva un estilo propio e particular,
fomentando así a creatividade e a autonomía.


De acordo co Plan de Estudos PEMAO 15 os contidos de toda a especialidade
poden dividirse en dous bloques, 
o Bloque I que corresponde a os contidos que se dan no nivel Básico
e o Bloque II que se aplica ao no nivel Superior,
no caso do curso en horario de maña estes contidos adáptanse a súa carga horaria.

Bloque I:
  • Coñecemento do obradoiro: 
    • O obradoiro
    • O banco de traballo
    • Ferramentas
    • Maquinaria
    • Consumíbeis
    • Seguridade e hixiene
    • Mantemento, 
    • etc.
  • Metalurxia, fundición e tecnoloxía: 
    • Os metais preciosos: propiedades, títulos e contrastes
    • Os metais base 
    • Fundición e recuperación
    • Recocido, recrudecemento e decapado 
    • Tipos de soldadura e soldantes
  • Deseño: 
    • Concepto e utilidades
    • Debuxo aplicado, elaboración de despeces e padróns.
  • Técnicas básicas: 
    • Medición, trazo e reporte de padróns
    • Corte e calado
    • Limar e esmerilar
    • Soldadura
    • Pulir, satinar e brillar
    • Elaboración dos distintos perfís: Laminado e trefiado.
    • Técnicas de conformado: Dobrado, embutido, forxa, etc
    • Etc
  • Tratamento de superficies: Texturación; Coloracións e pátinas, etc.
  • Sistemas de articulacións e peches.
  • Incorporación de outros materiais. 

Bloque II: 
neste nivel amplíanse as técnicas anteriores e incorpóranse outras de maior complexidade:  
  • Técnicas de ornamentación: 
    • Filigrana
    • Cicelado e Repuxado
    • Reticulación
    • Granulación
    • Combinación de metais
  • Engaste:
    • Xemoloxía básica
    • Tipos de engaste: bisel, carril, nivel, garra, grao, tensión, etc.
  • Gravado: 
    • Manual 
    • Químico. 
  • Esmalte ao lume: 
    • Técnicas tradicionais
    • Outras aplicacións
  • Fundición creativa: xiba, area, e achega a microfusión.  
A programación adáptase ao desenrolo do curso podendo variar os exercicios de un ano para outro, sempre para mellorar o aprendizaxe e tamén para dar cabida as pezas que se realizan para a exposición temática de cada curso.

Exemplo de traballos resultantes do aprendizaxe dos contidos do bloque I:

Marcapáxinas de Ramón Moreira - cobre e coiro
Congantes e brazalete de Marisa Álvarez
Anel de Sabela Martínez - latón e madeira
Pulseira de Leticia Gestido - latón e madeira

Conxunto de anel e pendentes de Ana Freiría - prata, latón e cobre

Anel Marian del Hierro - prata
En primer término pezas de Marta Armada -
marcapáxinas, aneis e dous broches
Traballos de cicelado e forxa para realizar a peza da Exposición Proceso Público
"Unha bela concertina"
Montaxe de "Unha bela concertina" nesta obra realizaronse máis de
cincocentas follas de cobre, soldadas unha a unha en metros e metros de fío
de cobre de 2mm trefiado polos alumnos os grupos do curso 2016-17
Básico A, Básico B e Iniciación
Detalle de "Unha bela concertina"

Exemplo de traballos resultantes do aprendizaxe dos contidos do bloque II:

Broche de Geni Conde - prata e labradorita
Pendentes de Henar Quintas - prata
Anel de Isa Varela - prata e granate
Colgante de David Blázquez - prata, acibeche e esmalte
Gargantilla de Inés Elorrieta - prata e cerámica
Conxunto de Rosa Vázquez - prata e cobre esmaltado
Xemelgos de Dana Rodríguez - prata e acibeche

Pulseira de Mª Isabel del Hierro - prata e ágata

Pulseira de Susana Argibay - prata, adularia e esmalte
Colgante de Raquel Cendón - prata e acibeche
Estas imaxes son exemplo dalgúns traballos pero hai moitísimos máis, 
isto demostra a creatividade tan grande que ten o noso alumnado, o esmero por ser orixinais, a aplicación das técnicas e un magnifico acabado que os converte en profisionais.

AVALIACIÓN

A avaliación é continúa, valorando a actitude e as aptitudes, a elaboración dos exercicios e aplicación das técnicas, as probas teóricas ou prácticas, a implicación na creación das pezas expositivas que correspondan e en definitiva o desenvolvemento do traballo individual ou colectivo na aula.
Os alumnos que non alcancen os mínimos establecidos non obterán a cualificación de APTO/A e non poderán pasar ao seguinte curso ou optar ao nivel avanzado.

Pulseira de Henar Quintas - prata e coiro cru tinguido

RECURSOS e MATERIAIS

A aula está dotada do necesario para esta formación, existen 15 bancos de traballo para os alumnos co seu espacio de almacenaxe propio, catro postos máis dotados con micromotores, ademáis da ferramenta común básica para cada grupo de mesas que comparten os alumnos (mazos, tenaces, regras, compás de puntas, martelo de xoieiro, etc), outra ferramenta común como hileiras, lastras, dados de embutir e embutidores, tases, bigornias, abocardadores, caixas de brea e ciceis, martelos etc;
o obradoiro está dotado de sopretes e sistema de extracción de fumes, pulidoras, laminadoras, banco de estirado, ultrasonidos, bombos de brillado e satinado, fornos, etc.

Os alumnos invirten nun material básico do que se da un listado ao comezo o curso con os materiais máis esenciais e outros que se van adquirindo pouco a pouco, este listado comprende:
bata de traballo, arco de serra e serretas, xogo de alicates, limas de agulla e de desbaste, papel de esmeril de distintos graos, pinzas de soldar, tesouras de soldadura, etc.
Tamén deben comprar o metal precioso que precisen, normalmente prata, para realizar os exercicios individuais.

Entre todos os grupos elabórase un bote de clase de 20€ por curso, co que se compra prancha de cobre e varillas de latón para os primeiros traballos, tamén outros consumibles de uso comunitario como brocas e fresas, pastas de pulido, flux, pátinas e barnices, esmalte, etc.

Pendentes de Elena Rodríguez - Prata, coral natural branco e vermello

Todos os traballos que se realizan son dos alumnos, agás as pezas para as exposicións que nese caso o material e aportado pola Escola.

Conxunto de Ángeles Pombo - Prata e malaquita

A formación realizada na EMAO certificase coas horas cursadas,
polo carácter non regrado de esta ensinanza o noso valor é formar aos alumnos cunha ensinanza de calidade, e que cando rematen poidan desenvolver estes oficios artísticos e artesanais.

Animádevos a matricularvos!!!
Grazas pola visita ;D




2 comentarios:

  1. Felicidades a ti e a Carlos, dúas entradas completísimas e moi amenas. Ides ser o meu exemplo para presentar a especialidade de Debuxo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas Fredy!! ;DDD Desexando leer a túa ;D

      Eliminar

¡Anímate a participar cos teus comentarios!