Unha das cousas fantásticas que ten a práctica do debuxo é que se pode desenvolver en calquera lugar. Con un pequeno kit de praia e baixo un parasol podemos tomar apuntamentos do natural e exercitar a retentiva mentres gozamos da brisa mariña. Despois de tres meses confinados penso que merecemos que o noso espírito se nutra do aire e do sol. Pero tamén pode ser momento para estimular o noso ollo e exercitar a nosa man. Divertimento asegurado.
Eu son dos que vou á praia e teño que buscar unha actividade. Xogar cos nenos facendo un burato na area, buscar con eles algunha aventura. Ir ás rochas a coller peixes retidos nas charcas ou cangrexos agachados nas gretas, ler ou debuxar. Isto último con nenos resulta algo máis difícil... de tódolos xeitos eu levo o meu kit de debuxo por se acaso... e ás veces debuxo ou ben as miñas marcianadas, ou tomo apuntamentos do natural.
As miñas marcianadas |
Xa en abril deixara unha proposta para o alumnado dos grupos Superiores titulada "captar o movemento en poucos trazos" e remitíame a dous autores: Jason Polan e Elena Fernández. Deixara tamén un debuxo da miña man realizado en libreta. Os debuxos dos personaxes estaban tomados na praia hai dous anos, a primeira liña e co rotulador de punta de pincel Pentel.
Tamén vos fixen referencia noutra entrada aos debuxos do caderno de Gusti realizado no Ecuador. Neste caderno ten varios pequenos debuxos que pasan desapercibidos pero que realmente son moi destacables. Son pequenas manchas en acuarela, directos e sen perfilar pero moi bonitos.
Caderno de Ecuador. Gusti |
Nunha liña imaxinativa, perceptiva, interpretativa tomei os meus apuntamentos de praia utilizando a acuarela e o pincel de auga pensando en todas estas referencias. Pensando nun xeito de que vós tamén gocedes da mancha, a cor e o apuntamento rápido da forma humana. Temos que estar moi atentos, agudizar o ollo. A xente movese, pasea, cambia de posición... tedes que pensar, xogar co que vedes e co que sabedes do corpo. Primeiro observo e logo interpreto.
O ideal é ter a cor carne xa na paleta. Eu con esa base de cor antes de comezar a manchar fago varios tons da gama. Aplico un pouco máis de amarelo ou de vermello ou de tostado ou de branco para variar e conseguir diversos tons de pel. Se non teño a cor carne fagoa con branco, amarelo e vermello.
cor carne |
Unha vez que teña os diversos tons de pel comezo o debuxo aplicando manchas que representan as formas que xeran os corpor e reservo a forma bañador para despois. A aplicación da mancha ten que ser moi rápida. Se o resultado non che gusta pasa a outro... busca outro obxectivo e a por el.
Hoxe quero extrapolar esta proposta, que inicialmente sería para os grupos superiores, a todo aquel que lle apeteza, alumnado e non alumnado de Debuxo que nestes días a praia sexa o seu lugar preferido... sempre mantendo as distancias... claro.
Se non tedes cor podedes utilizar unha tinta. Xa tedes traballo para o verán. Agardo os vosos resultados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!