martes, 9 de xuño de 2020

Gusti. Caderno de Ecuador [DEBUXO]

Gustavo Ariel Rosemffet, máis coñecido como Gusti, é un ilustrador nado na Arxentina e instalado desde o ano 1985 en Europa, primeiro en París e logo en Barcelona, onde reside actualmente. Desenvolve entre outras actividades, como a formativa, un marabilloso traballo como ilustrador infantil. Os seus libros teñen o recoñecemento tanto en España como en outros países, publicando en prestixosas editoriais como Gakken en Xapón, Hachette en Francia ou Océano en México.  Foi galardoado en 1990 co Premio Nacional de Ilustración, en 1991 co Premio Lazarillo. Recibiu galardóns tamén na Feria de Bologna e na de Bratislava. Podemos dicir que Gusti é un referente como ilustador da literatura infantil do noso país. Pero ademais Gusti foi cofundador da Asociación Windown, que desde as artes plásticas traballa por unha sociedade inclusiva, realizando obradoiros con persoas con discapacidade. Este é un tema que lle toca moi de preto e que relata moi ben no seu libro máis persoal, Malko y papá, premiado en Bologna no ano 2016.
Como di Gusti, este libro é "un caderno de emocións", porque ten que ver directamente coa súa familia.

MALKO Y PAPÁ. Ed. Oceano




CADERNO DE VIAXE: ECUADOR



Pero hoxe quero ensinar outro libro de Gusti. Un caderno de viaxe que teño na aula e do que moito do meu alumnado queda prendado. No ano 2006 entre o mes de xullo e agosto Gusti viaxou á Amazonia ecuatoriana, onde habitan varios pobos indíxenas, co fin de traballar na conservación da aguia harpía, unha especie de ave moi descoñecida que sofre a destrución do seu hábitat e se atopa en perigo. Gusti foi como documentador gráfico, debuxando a xente, a selva e a aguia. Desta experiencia gráfica Faktoría K publicou unha edición de 2000 exemplares. É unha edición tan coidada que realmente parece un caderno orixinal. Os debuxos están realizados coa técnica que practicamos na aula no grupo Superior, acuarela e estilógrafo. Son debuxos do momento inmediatos e que relatan a experiencia vivida durante ese mes.








Penso que é un bo referente para eses traballos que estamos a abordar do corpo humano e do retrato en acuarela. Como vedes son sinxelos e directos. Poden resultar un complemento para a proposta da semana II, intentando aplicar o que sabemos con alegría na mancha e na liña.

Deixo esta fantástica entrevista para que o coñezades máis:

Entrevista GUSTI




1 comentario:

¡Anímate a participar cos teus comentarios!