Ilustración de McGuiness |
McGuines, sendo unha ilustradora nova, do noso tempo e en activo, bebe das augas dos clásicos do século XX aos que sempre nos achegamos e que os amantes da arte non nos fartamos de ver, eses clásicos xa convertidos en iconos pop pola industria, xa aceptados e citados moitas veces. Modigliani e Matisse atópanse aí, na obra de Mc Guinness... recoñecibles, recorrentes, universais.
Modigliani |
Por iso estas ilustracións de McGuinness entran tan ben, lense tan ben, porque dalgún xeito recoñecémolas, é como se xa as vísemos antes, teñen algo de famliar e están ben traídas ao noso século. A referencia a Modigliani e a Matisse sempre funciona porque as súas obras atópanse no noso imaxinario colectivo. Recorrer a eles é un acerto porque son imaxes sinxelas e o sinxelo funciona.
Ilustración de McGuiness |
Pero para ser quen de transmitir un momento, de facer chegar unha idea con algo sinxelo tes que demostrar un gran dominio da linguaxe visual e moito criterio e intuición. Ás veces non é necesario dicir moito máis, debuxar moito máis... hai que deixar pensar ao outro, facelo partícipe para que complete a idea... establecer un nexo de reflexión mutuo onde o artista só sitúa a saída acompañando ao espectador un momento, para que logo este faga a súa parte.
Debuxo de Matisse |
É importante que o espectador demostre unha tácita colaboración co artista para achegarse a estas obras e poder establecer ese diálogo. O ilustrador necesita de observadores intelixentes que respondan á proposta.
McGuiness entende moi ben isto cando debuxa. Leva esa simplicidade ao debuxo de moda e consegue personaxes moi cool, individualistas, impenetrables, hedonistas, un pouco Warholianos, moi do século XXI. A ilustación de moda sempre tivo eses caracteres, atribuídos ao bo gusto. Agora tamén vemos mulleres que transmiten forza e non delicadeza, mulleres que se agradan a si mesmas sentíndose ben e donas do seu destino.
Fixádevos na simplicidade do trazo, nas amplas manchas de negro, na resolución sinxela das texturas e na organización do espazo de traballo. Agardo que estas ilustracións sexan inspiradoras para o alumnado dos grupos Superiores na realización dos vosos traballos de corpo humano. Recordade que recorrer e citar obras de artistas presentes na nosa memoria de lectores de imaxes, como fai McGuiness, é un recurso que funciona.
ILUSTRACIÓNS DE McGUINNESS
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!