martes, 16 de xuño de 2020

A relación da talla en madeira e a xilografía como linguaxes expresivas (parte 1) [TALLA E ESCULTURA]

Unha relación moi produtiva

A talla e o gravado en relevo

Xilografía realizada por un alumno no taller de talla e escultura da EMAO


Como  alumn@s e exalumn@s da aula de talla e escultura xa coñecen por experimentalo, a nosa aula mantén unha estreita relación coa arte gráfica, máis concretamente co gravado en relevo e en particular cunha das súas formas de expresión máis antigas, a  xilografía.
O que nun principio podería parecer estraño deixa de selo no momento en que profundamos no porqué de que esta maridaxe suceda  e como esa relación  vincula técnicas e materiais como agora vou comentar.





Imos comezar por visitar o dicionario da RAE e buscar alí o significado da palabra Xilografía.


xilografía
De xilo- y -grafía.
1. f. Arte de grabar en madera.

2. f. Impresión tipográfica hecha con planchas de madera grabadas.

A palabra " xilografía" está formada por raíces gregas e significa "gravado sobre unha prancha de madeira". Os seus compoñentes léxicos son: xylon (madeira) e graphein (escribir), máis o sufijo -ia (calidade).
A partir de aquí empezan a encaixarnos algunhas cousas. Imos ir á definición da técnica.

A xilografía é unha técnica de impresión en relevo realizada sobre unha matriz de madeira. A matriz (prancha de madeira) desbástase retirando capas de madeira (o que en escultura denominamos como unha técnica sustractiva). As ferramentas para usar seguen sendo os burís, as gubias en U e V e os formóns, aos que poden engadirlle outro instrumental de corte e texturado como coitelos dentados, cepillos metálicos, garfos, microtrades, pirogravadores, etcétera. Tamén poden utilizarse mordentes que fagan resaltar a veta, como a sosa cáustica (gardar coidado na súa aplicación), todo isto e máis para realizar o deseño seleccionado.


Gubias para tallar a madeira na realización dunha xilografía

O proceso de traballo realizado ata este punto é o mesmo; non hai absolutamente nada que diferencie un gravado en madeira (xilografía) do traballo escultórico dun relevo en madeira. É a partir de aquí cando realizado o proceso da talla sobre a prancha ou matriz de madeira buscamos unha ou outra finalidade; é dicir quedámonos só co traballo escultórico ou buscamos unha reprodución dese traballo sobre papel.

No primeiro caso quedariamos cun proceso de traballo bidimensional de talla en madeira, no que a idea do artista toma forma a través do volume, dos cortes precisos na madeira e a cor se a consideramos necesaria.

Proceso de tallado dunha prancha ou matriz de madeira
No segundo caso ademais a diferenza reside na finalidade, mentres na talla en relevo quedamos coa beleza plástica dunha prancha tallada, na xilografía o fin do noso traballo na prancha ou matriz é súa estampaxe en papel. Isto quere dicir que o noso traballo tallado en madeira será realizado para ser trasvasado a un papel en forma de estampaxe que pode ser seriada na súa reprodución. Como diciamos ao principio a técnica da xilografía ou o tallado en madeira de matrices é unha das técnicas de gravado máis antigas. As primeiras xilografías en Europa foron naipes, de comezos do século XIII, seguidas de estampas relixiosas, como a famosa de San Cristóbal, impresa en 1423 e considerada ata data recente como a máis antiga xilografía datada.

Xilografía de San Cristobal, 1423
Aparte o seu valor artístico, a técnica do gravado en madeira ten un interese histórico, por canto despois se insere aos manuscritos e máis tarde acompaña aos incunables. Ademais, a finais do século XV convértese nun medio tipográfico e ilustra as primeiras edicións que inicia as artes da imprenta.

Muller tocando o teclado
Xilografía realizada por María,f alumna na nosa aula
De aí a forte relación entre estas dúas "disciplinas artísticas" que nun principio parecen estar en lugares moi diferentes, pero como podemos ver están totalmente relacionadas, e nós na nosa aula traballamos de maneira natural. Porque ademais cremos e defendemos a non "parcelación" das disciplinas artísticas como territorios estancos que dividen e acoutan o coñecemento, algo moi antigo e superado totalmente na pedagoxía da arte actual; cremos na transversalidade e na dotación do alumno de recursos que fomenten a súa capacidade expresiva, creando sinerxias de coñecemento para fomentar o desenvolvemento creativo.


1 comentario:

¡Anímate a participar cos teus comentarios!