venres, 19 de xuño de 2020

Proxecto Fran [DEBUXO]

Unha tarde cando chego á Escola atópome na porta cunha verdadeira xoia de dúas rodas perfectamente coidada, unha Triumph Bonneville do ano 68... preciosa. Cor mostaza con ribetes dourados no depósito, o guiador alto como se levaban nos 70, os cromados perfectos, brillantes... era unha desas motos que non só serve para desprazarse, estamos falando de escultura, de maxestosa obra de arte con motor. Marinetti non ía desencamiñado no que se refire a este apartado. Cando chego á aula descubro que a moto é de Fran, un alumno de debuxo. Eu sabía que Fran era moteiro, que posuía unha Triumph pero nunca pensei nunha clásica do 68.




Fran é un namorado das motocicletas, como moitos e moitas outras persoas que circulan pola Escola, coma min, diríase, e moitas veces comentamos que poderíamos ter o club moteiro da EMAO. Temos ese veleno das dúas rodas que resulta difícil describir. A moto de Fran puiden probala. Como soaba aquela moto, que delicada a condución... unha escultura que se despraza... maravillosa... pero pouco tempo máis estivo con el, ao final vendeuna. Non deixa de ser unha moto preciosa pero problemática na súa mecánica, pouco práctica para andar con ela habitualmente.

E pensaredes... que ten que ver isto co debuxo... pois moito, porque o proxecto de debuxo de Fran, como non podía ser doutro xeito, ten como fío condutor, como temática, a motocicleta. O seu proxecto consistiu en elaborar un  pequeno libro ilustrado retratando  persoas da súa contorna que sexan amantes das motocicletas, contando a expriencia moteira e acompañada cunha ilustación. O primeiro paso foi organizar, ordenar, e descubrir ilustradores vinculados á estética moteira, á tatuaxe,  á costumización,  e que traballan para publicacións ou marcas como Vice, Deus ex Machina, El Solitario, Juxtapoz, Moto Heroes, Sideburn Magazine, El Diablo... Ilustradores tan interesantes  e que a min me encantan, como:

MAXWELL PATERNOSTER




Cun debuxo en liña negra e unha estética de cómic underground  americano ben recoñecible caricaturiza ás motos e aos moteiros en compocicións francamente divertidas.

ALEX PATROCINIO



Cun estilo moi coidado simula as ilustracións clásicas dos 60 e 70 utilizando a mancha a modo técnica do grattage ou serigrafía pero realizadas en dixital.

RAULOWSKY





Este ilustrador español é un referente da ilustración temática, motos, cafe racer, surf, skate, custom... sendo o incondicional ilustrador dos carteis do Motorbeach Festival dos últimos anos.



STEVIE GEE




Outra das imaxes xa icónicas de marcas tan coñecidas como Deus Ex Machina, Vans, Nike ou Stela McCartney. Este ilustrador británico cun estilo que parece californiano, como fixeron no seu momento os míticos Barracudas na música, traballa tamén no campo da animación realizando campañas publicitarias e vídeos musicais.


Macarrada pura!!!

Unha chea de ilustradores que hoxe están de moda, grazas á paixón que se ten desenvolvido nos últimos anos pola customización das motocicletas e todo o merchandising que se xera ao seu redor. Son ilustracións... a maioría delas publicitarias, pensadas para atraer un determinado tipo de público.
Fran empapouse destes autores que xa coñecía pola súa afección, pero buscou unha liña propia adaptada aos seus coñecementos gráficos.

A liña que  seguiu  Fran para o seu proxecto é máis personalista xa que as ilustración son retratos reais, que contan unha hitoria dos protagonistas e o seu vínculo coa motocicleta. Fran investiga os porqués de ser moteiro, das sensacións que produce ir na moto, saír de ruta... gozar da liberdade que produce... e plasma sobre o papel o home e a máquina. Como di Fran, a experiencia deste proxecto foi moi positiva sobre todo por compartir cos outros ese amor polas dúas rodas e ver que non é o único mortal que ten as mesmas sensacións enriba dunha moto.

DEBUXOS DE LIBRETA








Fran utiliza os medios que coñece e que vimos na aula. Aqueles que lle permiten expresar mellor o que desexa, por iso aplica a cor. Nun principio pensara en imaxes realizadas en gravado a linóleo pero certamente a decisión de traballar inicialmente na libreta preparando os bosquexos xa aplicando a cor foi acertada. Resulta máis próxima á persoa que retrata, xa que dá a sensación de debuxo realizado in situ, co retratado e a máquina presentes. A libreta foi o seu campo de probas, tanto dos textos como dos debuxos, e xa é unha peza en sí mesma.






Posteriormente realizou a partir deses bosquexos iniciais na libreta as ilustracións finais. Son na mesma técnica, un pouco máis grandes e mellor rematados, pero seguen mantendo ese espírito do inmediato. Todo este material irá montado e maquetado con texto e imaxe co fin de realizar un pequeno libro ou fanzine, un monográfico das persoas da súa contorna que practican esta paixón.

ALGÚNS DOS DEBUXOS FINAIS







As persoas que aparecen neste proxecto debuxadas teñen nomes e apelidos, son reais e son tamén partícipes desta experiencia. Moitas grazas tamén a eles por formar parte do proxecto de Fran.



E para rematar un grupo británico con toque californiano que citei anteriormente. Agora que chega o verán... a gozar da moto.

THE BARRACUDAS



4 comentarios:

¡Anímate a participar cos teus comentarios!