luns, 15 de xuño de 2020

XV Premio internacional de arte gráfica Jesús Núñez 2020 [SERIGRAFÍA]

Appearance, de Wieslaw Haladaj. Premo 2018
BASES:


PRIMEIRA
Poderán optar ao Premio todas as persoas maiores de idade, que non obtivesen o premio nos cinco anos anteriores a este, e que presenten obras non premiadas en ningún outro concurso ou certame.

Cada artista poderá presentar un máximo dunha obra, en calquera das disciplinas das técnicas gráficas: gravado calcográfico, litografía, xilografía, serigrafía e as súas derivacións.

As medidas do papel non excederán de 76×112 cms e o tamaño da mancha impresa será, como mínimo, de 28×28 cms. O grosor das obras non poderá superar 1 cm.

A orixinalidade da obra e a súa autoría xustificarase mediante unha declaración responsable manifestando ser a persoa autora e titular de todos os dereitos. En consecuencia, a Deputación Provincial da Coruña non se fará responsable das posibles denuncias por plaxio ou eventualidade similar que poidesen xurdir, recaendo na persoa participante afectada as accións legais que procedan e asumindo, se é o caso, as indemnizacións que puidesen corresponder polos prexuízos ocasionados a particulares ou á organización.

As persoas participantes terán a obriga de comunicarlle á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do premio.

SEGUNDA
Establécense os seguintes premios:
* Primeiro premio dotado con 6.500 € e unha exposición na Fundación CIEC. Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables.
* Dous accésits consistentes cada un deles nuna bolsa de matrícula dun módulo do Máster da Obra Gráfica impartido pola Fundación CIEC.
O premio poderá quedar deserto e ser concedido con carácer ex aequo. Neste caso, o seu importe repartiráse proporcionalmente entre as persoas que resulten premiadas.

O premio non poderá concederse a título póstumo, sen prexuízo dos dereitos de sucesión que poidan exercerse se a/as persoa/s autora/s falecesen despois do fallo do xurado.
Os traballos premiados quedarán en propiedade da Deputación da Coruña; asimesmo, as autoras ou autores das obras entregarán outro exemplar, igual ao premiado, á Fundación CIEC, con destino aos fondos da súa Colección.
A Deputación poderá publicar ou expoñer os traballos premiados e, previo acordo coas súas autoras ou autores, poderá publicar ou expoñer aqueles traballos que non fosen premiados e que o xurado considere de calidade.
As persoas cuxas obras sexan incluidas na publicación recibirán cinco exemplares do catálogo.

TERCEIRA
O prazo de presentación das solicitudes de participación e as obras iniciará o día 15 de Xullo de 2020 e rematará o 11 de Setembro de 2020.

As solicitudes enviaránse á Deputación Provincial da Coruña, Avda. Porto da Coruña, 2, 15003 A Coruña, no modelo que figura como anexo.

As obras enviaranse á Fundación CIEC, Rúa do Castro 2, 15300 Betanzos, A Coruña, no sobre indicarase: “XV Premio internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica".

As obras presentaranse asinadas, sen enmarcar e ao dorso deberá figurar o nome e apelidos do/a autor/a, e o ano da súa realización e a copia da solicitude remitida á Deputación da Coruña.
CUARTA

A documentación que se ha de presentar coa solicitude é a seguinte:

* Currículo que non exceda dun tamaño DIN A4, por unha cara.

* Ficha técnica: título, técnica, data, tipo de papel, medida do papel (altura x base), medida da mancha (altura x base), número de matrices, número de tintas, tirada e taller de estampaxe.

* Fotografía da obra en tamaño A.

*Declaración responsable manifestando ser a persoa autora e titular de todos os dereitos e da súa cesión temporal para os efectos seguintes:

-Exposición na Fundación CIEC, de resultaren premiada.

-Reproducción total ou parcial da obra e a súa inclusión no catálogo das obras seleccionadas polo xurado.

* Declaración expresa de que a obra non foi premiada, ata a data da súa presentación, en ningún outro certame ou premio.

*Declaración de consentimento expreso para o tratamento dos datos persoais que constan na solicitude para a participación no XIV Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica, de conformidade co establecido na LO 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.

QUINTA
O xurado estará presidido pola persoa que ocupe a Presidencia da Deputación ou persoa en quen delegue, e formarán parte del: Jesús Núñez ou persoa en quen delegue e catro persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte gráfica nomeadas por aquela. Exercerá as funcións de secretaría o secretario da Corporación ou a funcionaria/o en quen delegue. Para o nomeamento do xurado respetarase a presenza equilibrada de mulleres e homes, en cumprimento do disposto no Capitulo I, artigo 5.2d) do Decreto lexislativo 2/2015, de 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. As persoas que integren o xurado estarán sometidas ao deber de abstención nos casos sinalados no artigo 23 da Lei 40/2015, de 1 de Outubro, de RXSP. A composición do xurado darase a coñecer con anterioridade na web da Deputación, co fin de que se poidan interpoñer, se é o caso, os recursos legais pertinentes.

SEXTA
O xurado actuará en pleno, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 17 da Lei 40/2015, do 1 de Outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público. As deliberacións serán segredas e delas redactarase a acta correspondente. O xurado poderá declarar deserto o premio, e a proposta que formule será obxecto da resolución da Presidencia, que resolverá a súa aprobación. O fallo do xurado será inapelable. Terá lugar no terceiro trimestre de 2020 e darase a coñecer na web da Deputación; a Deputación resérvase o dereito a cambiar a data se é necesario. O xurado poderá seleccionar un máximo de 30 obras que considere de calidade para seren incluídas nunha publicación, conforme o establecido na base segunda.

SÉTIMA
As obras non seleccionadas, enviadas dende territorio nacional, devolveránse ás súas autoras ou autores, por mensaxería a portes debidos; os envíos procedentes do estranxeiro deberán vir achegados de “cupóns resposta internacional de correos”, que cubran a totalidade dos gastos de envío no seu envoltorio orixinal.

No caso de que algunha obra non se envíe cos cupóns sinalados no parágrafo anterior, entenderase que a súa autora ou autor renuncia á súa propiedade, debendo achegar, neste caso, un escrito asinado, por medio do que fará renuncia expresa á propiedade da obra e á súa cesión á Deputación.

OITAVA .
A Deputación da Coruña correrá cos gastos dos seguros das obras durante o tempo no que permanezan no seu poder, e sempre que este non supere os prazos sinalados para a súa retirada.

A Deputación da Coruña e a Fundación CIEC non se fan responsables da deterioración, extravío, roubo, etc. que poidan sufrir no transporte as obras enviadas ao premio.

NOVENA. A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

DÉCIMA:  Os datos subministrados teñen a finalidade de poder tramitar esta convocatoria e están protexidos pola Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais O responsable do tratamento dos datos é a Deputación Provincial da Coruña,e o encargado será a empresa contratada pola Deputación Provincial para coordinar o premio, no caso de se contratar. A lexitimación para o tratamento dos datos persoais contidos nesta solicitude é o consentimento que o asinante outorga á Deputación Provincial coa súa firma. No caso de que sexa denegado o consentimento para o tratamento dos datos persoais, non poderá presentarse ao premio por imposibilidade de tramitación da solicitude. O destinatario dos datos é a Deputación Provincial que non cederá datos a terceiros, salvo obriga legal. Os datos facilitados conservaranse ata a finalización da tramitación da convocatoria. As persoas que participen na convocatoria teñen os dereitos a acceder, rectificar ou suprimir datos erróneos, solicitar a limitación do tratamento dos seus datos así como opoñerse ou retirar o consentimento e solicitar a portabilidade dos mesmos en calquera momento. Estes dereitos poderán exercerse perante as oficinas centrais da Deputación sitas na Avda. Porto da Coruña, 2, 15003 A Coruña, ou ben a través de medios electrónicos, dirixindo un correo ao enderezo delegadodeprotecciondedatos@dacoruna.gal. Pode consultar a política de privacidade da Deputación na dirección //www.dacoruna.gal/avisos/politica-privacidade

 http://www.fundacionciec.com/gl/1296-2/bases_g/

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!