mércores, 17 de xuño de 2020

A Tripitaka Coreana no Templo Haeinsa: Memoria do Mundo [BIBLIOTECA]



O templo Haeinsa é un dos templos máis importantes de Corea do Sur. Está situado nas ladeiras inferiores da Montaña Gayasan, rodeado de bosques e arroios. A historia do lugar comeza alá polo ano 802 cando dous monxes budistas, Suneung e Ijeong, fundaron Haeinsa, “Templo dun vasto mar de meditación”. A vida do templo sufriu diversos avatares e foi reconstruído en varias ocasións. A maior destas reconstrucións tivo lugar no ano 1818 tras un gran incendio que destruíu todo o complexo excepto a sala que garda un dos maiores tesouros de Corea do Sur: a Tripitaka (Conxunto dos libros canónicos do budismo). Tesouro Nacional de Corea do Sur nº 32, declarado Memoria do Mundo pola UNESCO e Patrimonio da Humanidade xunto co edificio que alberga as táboas, que é tamén á súa vez Tesouro Nacional de Corea do Sur nº 52.

Tri quere dicir tres; pitaka significa cesta, conxunto ou colección. O Tripitaka significa por tanto, “as tres cestas” ou as "tres colecciones" de textos sacros budistas, que se refire respectivamente ás conversacións con Buda, as normas budistas da vida ascética e comentarios sobre os sutras por monxes e eruditos eminentes. A Tripitaka Coreana é unha colección de escrituras budistas talladas en 81.340 bloques de madeira que datan do século XIII.
A miúdo chámaselle o Palman Daejanggyeong "Tripitaka de Oitenta Mil", polo número de pranchas que o forman. Esta impresionante colección ten máis de cincuenta millóns de caracteres chineses clásicos en 6.802 volumes, sendo a copia máis completa e antiga deste tipo de escrituras no mundo. Estes bloques de madeira teñen a particularidade e gran importancia de preceder á invención dos tipos móbiles de impresión, é dicir á imprenta de Gutenberg creada ao redor de 1450.


O proceso comezaba coa selección das árbores de onde se saca a madeira, ben unha cerdeira de montaña ou un peral silvestre, cuxa textura é máis suave. Logo realizábase un proceso de entibado ou enmadeirado e de transporte, tras o cal se aserra en taboleiros, se drena e fermenta a resina e finalmente córtanse a táboas, que se mergullaban en auga mariña, despois do cal cortábanse e fervían en auga salgada. Despois de tres anos de exposición ao vento, as sobreviventes a todas as inclemencias e variacións do clima, estaban dispostas a enfrontar o futuro enmarcadas en metal, gravadas e bañadas nunha capa dun produto tóxico que mantivese definitivamente afastados aos insectos.
Cada táboa mide 70 cm de longo, 24 cm de ancho e 2,8 cm de alto, pesando ao redor de 3,25 kg. Nas táboas de madeira un calígrafo gravaba os sutras por ambos os lados, e as esquinas decorábanse con ferros de cobre. Posteriormente, almacenábanse nun lugar con ventilación, temperatura e humidade controladas adecuadamente.


A Tripitaka atópase nuns pavillóns, construídos en 1398 como unha especie de biblioteca. O Palman Daejanggyeong componse de catro halls que forman un rectángulo. Dúas ás son alongadas e estreitas, mentres que os outros dous halls ocupan os extremos e teñen funcións auxiliares. O conxunto pasa por ser un dos edificios de madeira máis grandes do mundo. Aínda que non é o seu tamaño o máis destacable, senón o deseño case científico que ten. Sen apenas adornos, a disposición das xanelas orientada a unha boa ventilación demostra coñecementos de hidrodinámica moi avanzados. Chan e teito están compostos dunha mestura destinada a reducir a humidade e o impacto dos cambios de temperatura.



Nos últimoa anos a Tripitaka enfróntase ao futuro da súa conservación. Sobreviventes durante varios séculos, o certo é que a expectativa de vida das súas táboas non é infinita; ademais, o arquivo está exposto ao desgaste que significan as visitas turísticas ou riscos como o do lume. Por iso os responsables de Haeinsa e o patrimonio cultural coreano tomaron dúas decisións: por unha banda, limitáronse os horarios de apertura da biblioteca ao público; por outro comezouse un coidadoso proceso de dixitalización. En 2011 organizouse por primeira vez un festival temático dedicado ao intercambio cultural; e ese mesmo ano fundouse o Instituto da Tripitaka Coreana, co obxectivo de manter e investigar os bloques de escritura no arquivo que os contén: neste marco xerouse o programa “unha persoa – unha tableta”, unha sorte de apadriñamento  dedicado á investigación científica e ao mantemento de cada un dos volumes gardados no templo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!