venres, 5 de xuño de 2020

Pequenos Tesouros da Biblioteca García Barbón. A Primeira Edición de "La Regenta" [BIBLIOTECA]

Fondo histórico da Biblioteca García Barbón

O fondo histórico da nosa biblioteca segue a darnos agradables sorpresas, unha delas é esta primeira edición da novela de Leopoldo Alas (Clarín) "La Regenta", publicada por Daniel Cortezo en Barcelona en 1884 e 1885 en dous volumes.
A novela transcurre en Vetusta (nome alusivo a Oviedo) na que está representada a sociedade española da Restauración. Clarín somete a unha irónica crítica a todos os estamentos da cidade: a aristocracia decadente, o clero corrupto, as damas hipócritas, os partidos políticos. Todo iso conforma unha atmosfera social asfixiante e opresiva, coa que choca a protagonista, Ana Ozores. O seu temperamento sensible e soñador lévaa a refuxiarse no misticismo; pero o seu confesor, o cóengo Fermín de Pas, decepciónaa cando tenta aproveitarse dela. Cae entón en brazos de Álvaro Mesía, un mediocre don Juan, co que vivirá unha relación amorosa que non resultará ser máis que un sucedáneo dos seus ideais románticos, o que supón a caída da protagonista no pecado do adulterio e a súa consecuente desgraza social.
A súa publicación supuxo un verdadeiro escándalo no seu momento, especialmente na capital asturiana. Esta novela está considerada como a obra cume de Clarín e da novela española do século XIX, un dos máximos expoñentes do naturalismo e do realismo progresista.



A obra foi publicada en Barcelona nun momento de gran desenvolvemento da industria tipográfica, que coincidiu co auxe do esteticismo catalán nas artes decorativas e gráficas. Froito diso xurdiu, como máximo expoñente, a «Biblioteca Arte e Letras» onde, á calidade dos textos literarios, uníronse unha magnífica serie de ilustracións dos debuxantes máis prestixiosos da época así como unhas belísimas cubertas que, aínda hoxe en día, constitúen un modelo de encadernación artística.

A historia editorial desta colección é confusa e hai datos contraditorios. Hai que ter en conta que o marbete de Arte e Letras foi utilizado por un dos editores da colección, Daniel Cortezo, para outras publicacións e que en bastantes ocasións mesturáronse títulos da Biblioteca Arte e Letras con outras dúas coleccións: a Biblioteca Verdaguer e a Biblioteca Amena e Instructiva de Salvatella. Ademais Daniel Cortezo utilizou o nome e os símbolos de Arte e Letras para outras dúas series editoriais: a Biblioteca Clásica Española (cun formato case idéntico a Arte e Letras) e España. Os seus monumentos e artes, a súa natureza e a súa historia.
 
A colección comeza a publicarse en 1881. Nas páxinas iniciais constaba como empresa "Biblioteca Arte e Letras". Enric Domènech i Montaner e Celestí Verdaguer son os protagonistas da primeira época da colección e sacarían adiante os nove primeiros títulos da colección. Desta etapa conservamos na biblioteca "La hija del Rey de Egipto", de Georg Moritz Ebers, con ilustracións en branco e negro de Apeles Mestres e unhas espléndidas lamínas en cor de Arturo Mélida. Nesta obra, por primeira e única vez na historia da colección, intercaláronse unha serie de láminas a cor, na que Mélida buscou, con éxito e gusto, imitar a pintura exipcia.

Fondo histórico da Biblioteca García Barbón


Da segunda época dirixida por Enric Domènech conservamos "Mireya", de Frederic Mistral, "María", de Isaacs, e "Perfiles y colores", de Martínez Pedrosa, entre outras.




















Fondo histórico da Biblioteca García Barbón

Na terceira etapa Celestí Verdaguer falece repentinamente co seu negocio cargado de débedas. Enric Domènech, cede a colección e vende a empresa a outro empresario tipográfico barcelonés, Francisco Pérez. Ao longo de 1883 Francisco Pérez publicou seis libros da colección. Na nosa biblioteca conservamos "Narraciones de la Selva Negra", de Bertold Auerbach.

Fondo histórico da Biblioteca García Barbón

A cuarta época está dirixida por Daniel Cortezo que ao facerse cargo da empresa de Arte e Letras decide reducir radicalmente os custos de produción e edición. Os debuxos redúcense drasticamente, desaparecen as láminas exentas en papel de calidade diferente á habitual, elementos estes que apareceran en obras anteriores. As portadas sofren tamén grandes cambios: desaparecen os custosos gofrados, os dourados ou os relevos.
En 1891, a empresa de Daniel Cortezo desaparece. A maioría dos títulos de Arte e Letras volvéronse publicar, xa no século XX, por un editor italiano Manuel Maucci, que 1887 estableceuse en Barcelona cunha librería de vello. Amadeo Cros, o socio da empresa de Daniel Cortezo que quedou a cargo da editorial, era un comerciante e empresario do sector químico sen moito interese polo mundo editorial, foi por iso que Maucci puido adquirir os fondos da Biblioteca Arte e Letras, reeditando un bo número deles.
Deste período conservamos na biblioteca "Os contos fantásticos", de Hoffmann, do ano 1887. 

Fondo histórico da Biblioteca García Barbón

A colección Biblioteca Artes e Letras publicou entre 1881 e 1890 cincuenta e tres títulos, en setenta e cinco volumes, xa que algúns títulos teñen varios tomos. Ao longo da colección colaboran un total de vinte e seis ilustradores españois, tales como Francesc Gómez Soler, Mariano Foix, Apeles Mestres, Alejandro Riquer, Francisco Xumetra, Arturo Mélida, Ángel Lizcano, Juan Llimona e Bruguera, etc.
Algunos estudosos destacan a figura de Luis Domènech i Montaner, irmán do primeiro administrador, como director artístico da coleccion e como responsable das súas portadas. 
Por todo iso, pódese considerar a Biblioteca de Arte e Letras como unha obra colectiva do esteticismo catalán, desde os debuxos ata os gravados e as portadas. Mentres os Domènech se mantiveron a cargo da empresa, as cubertas de Artes e Letras ofreceron riqueza e calidade de deseño. Isto reduciuse drasticamente na etapa de Cortezo, que decidiu converter este proxecto nunha empresa rendible. 
Destacar tamén a figura do gravador Frances Jorba Curtils, principal artífice das cubertas de Artes e Letras. Jorba traballara restaurando edicións mudéxares e sacando despois unha serie de edicións neomudexáres que foran moi encomiadas polos especialistas. Esta recuperación do estilo mudéxar, moi en sintonía coa actividade do Modernismo, é moi perceptible en varias portadas, por exemplo os Dramas de Shakespeare.

Fondo histórico da Biblioteca García Barbón

A chegada de Daniel Cortezo supuxo un cambio importante no deseño das cubertas: máis uniformes, sen dourados, sen gofrados e de realización máis barata. A calidade e o interese artístico das cubertas é moito menor. Repítense motivos, moitas veces sen que teñan unha relación específica co interior da obra, flores de lis nos Contos de Hoffmann, en La Regenta aparece un trobador en primeiro plano, sen que teña ningunha relación co contido. 
Parece que ningún dos empresarios que se fixeron cargo da Biblioteca Arte e Letras conseguiu unha rendibilidade económica. Quizais os tempos non eran os mellores para lanzar unha colección que pretendía converter o libro nun obxecto artístico a un prezo módico.

FONTE: Rodríguez Gutiérrez, Borja. "Noticias de la bilioteca "Arte y Letras" (Barcelona, 1881-1898)." Cuadernos de Investigación Filológica [En línea], 35 (2010): 105-137. Web. 4 jun. 2020

1 comentario:

  1. Cando comence o curso temos moito que ver na biblioteca. Grazas MJ por estas deliciosa entradas.

    ResponderEliminar

¡Anímate a participar cos teus comentarios!