martes, 2 de xuño de 2020

Guía sobre xemas IV - O DIAMANTE [OURIVARÍA]

GUÍA BREVE SOBRE
AS XEMAS MÁIS EMPREGADAS  (PARTE IV)

Nesta entrega imos tratar o diamante como xema, pero tamén faremos unha achega histórica
aos diamantes máis importantes.

O DIAMANTE


É a xema de maior dureza coñecida, un 10 na escala de Mohs. Quimicamente componse de carbono 
que cristaliza nun sistema cúbico, formándose a gran profundidade ata os 450 km 
e en condicións de temperatura e presión extremas. 
Chegan á superficie co magma das erupcións volcánicas e encóntranse en chemineas de kimberlita. 
Os cristais de diamante que se atopan normalmente en bruto soen ter forma de octaedro, cubo, dodecaedro rómbico ou en maclas, e como podedes observar na imaxe anterior teñen alto brillo denominado adamantino. 


Chimenea de Kimberlita
Mina de diamantes MIrny en Rusia

Algúns dos principais países produtores son Angola, Australia, República de Botsuana, 
Namibia, Sudáfrica, Zaire, Canadá e Rusia.

A industria do diamante é independente do mercado das xemas de cor, 
ten unha estrutura e cultura que non existe nos demais sectores. 
Dinnos que o diamante é raro e valioso, pero a industria que os controla é forte e a gran escala en todo o mundo, as únicas restricións ao subministro desta xema son as que marca o cartel que os controla.
O seu alto prezo en parte é o resultado da coidadosa estratexia de mercado, e non á súa rareza, 
pois é a xema que máis se extrae. 
Algunhas das empresas lideres son Alrosa, De Beers e  Rio Tinto Group. 
De Beers controla a comercialización dos diamantes tallados operando en máis de 28 países, 
e tamén fabrica diamantes sintéticos. 

Os principais centros de talla do diamante son Amberes, Bombay, Nova York e Tel Aviv.

Aquí déixovos un vídeo sobre a mina de Diamantes de Jwaneng en Bostwana.




Todos os diamantes que se comercializan se clasifican e certifican obedecendo a uns estándares de calidade e gradación de cor  que afectan directamente no seu prezo. 


O certificado demostra que a xema é autentica e detalla as súas características particulares, é un seguro, aumenta o valor da xema, debe ser emitido por algún organismo de certificación de diamantes como o IGE, CIBJO, GIA, IGI, HRD, etc.

Exemplo de certificado dun diamante do Instituto Gemológico Español

Para protexer aos consumidores e aos laboratorios o número de certificado grávase a láser no filetín do diamante, onde só é visible coa lupa de 10X, non dana ao diamante, 
nin afecta á claridade nin á cor.

Os factores de gradación dos diamantes son: 
  • Peso: A unidade de peso que se emprega é o quilate, que equivale a 0,20 gramos. Por exemplo un diamante de 1ct de talla brillante ben proporcionada medirá aproximadamente 6,5 mm de diámetro.
  • Talla e forma: A forma refírese ao contorno da xema no plano do filetín (redonda, oval, marquise, etc.). Indicarase a talla que ten (brillante, esmeralda, princesa, radiant, etc.). Cando a xema non presenta unha talla concreta emprégase o termo talla "fantasía".
  • Medidas: As medidas determínanse en milímetros indicando dous decimais, empregando un calibre de precisión Leveridge. Na talla brillante danse dúas medidas, o diámetro e a altura, e nas outras tallas danse tres medidas, lonxitude, anchura e altura; nas tallas especiais poden aparecer mais medicións. 
  • Proporcións: Unhas boas proporcións repercuten no valor da xema, permiten que a luz saia reflectida a través da táboa da pedra, é o que se denomina lume da pedra.  Se a xema ten unha táboa pequena terá máís lume, e se a táboa é maior a pedra terá máis brillo. Os datos que se dan son o diámetro da táboa, o grosor do filetín (fino, medio ou groso) e se indica o seu estado (rugoso, facetado, puído, etc.), a altura da coroa e a altura da culata. 
Proporcións óptimas -   Culata demasiado profunda  -   Culata demasiado baixa
Efectos do brillo dependento das proporcións
  • Acabado: Nos acabados cualifícase a simetría e a calidade do puído con catro graos de valoración: moi boa, boa, media e deficiente. 
  • Grao de pureza: Esta é unha das características máis importantes, define o grao de transparencia e limpeza interna das xemas. Este termo vén determinado pola presenza de inclusións. Adóptase o termo diamante puro cando este non mostra inclusións ao ser observado coa lupa de 10X que estea corrixida de aberración cromática e de esfericidade. A clasificación da pureza realízase aplicando a nomenclatura CIBJO. 
          Neste apartado preséntase un diagrama da xema, neses debuxos indícanse en vermello as inclusións e en verde os defectos externos. As inclusións que sexan visibles observadas dende a coroa debuxaranse na parte superior aínda que estean na parte inferior da xema. As que se observen polo pavillón debuxaranse nesa vista. 


  • Grao de cor: a cor do diamante apréciase mellor examinando a pedra dende o pavillón e cun fondo branco. Baixo este aspecto os diamantes divídense en dous grupos, diamantes incoloros e diamantes de cor fantasía. A calidade avalíase de distinto modo en cada grupo. A determinación da cor realízase por comparación visual cunha escala padrón, nas condicións impostas internacionalmente. Os diamantes incoloros poden presentar lixeiros matices amarelo palla sen chegar a ser considerados cor fantasía. A clasificación realízase aplicando a nomenclatura CIBJO: 
D,E,F: serán diamante incoloros. 
G,H,I,J: case incoloros. 
K,L,M: amarelo pálido. 
N,O,P,Q,R: amarelo moi claro. 
S,T,U,V,W,X,Y,Z: amarelo claro. 
Fantasía claro, Fantasía, Fantasía intenso: amarelo. 


  • Fluorescencia: As xemas nas que a súa cor reacciona ao exporse a luz ultravioleta denomínanse "fluorescentes". A fluorescencia obsérvase con luz ultravioleta de 365nm de lonxitude de onda. As cores de fluorescencia azul, amarelo e verde cando se manifestan limpas indícase como tal anotando tamén o distinto matiz (amarelo-verdoso, mostarda, etc.). A fluorescencia determínase como nula, lixeira, media e forte. 
  • Outros: Cada laboratorio pode engadir outros datos no seu certificado, que axuden a establecer a súa identidade de forma inequívoca, e que sirva para no futuro recoñecer ou detectar posibles cambios na xema (substitución ou deterioro). E tamén se deixa un apartado para comentarios para explicar calquera particularidade da xema que mereza ser salientada. 


Cetro do Soberano con Cruz -  Coroa de Inglaterra onde está montado o Cullinan I,
realizado en 1661 para a coroación de Carlos II.

¿E queredes saber cales son os diamantes máis grandes do mundo?
Todos eles teñen e terán unha gran historia detrás.

O máis grande atopado ata o momento é o Diamante Cullinan, descuberto na mina Premier de Transvaal (Sudáfrica) o 25 de xaneiro de 1905, cun peso de 3106 quilates (603g aprox.). 
En 1907 o goberno Surafricano entregoullo a Eduardo VII de Inglaterra polo seu 66 aniversario, 
e dende aquela pertence á Coroa de Inglaterra. 
Esta gran pedra foi cortada polo xoieiro Asscher en Amsterdam tras un estudo de seis meses, dividiuse en 9 pedras principais 
e en 96 pequenos diamantes que se aproveitaron dos pedazos.

A máis grande delas é o Cullinan I do tamaño dun ovo de galiña e un peso de 530,20 ct,
está tallada en forma de pera e é coñecida como a Gran Estrela de África, e que podedes ver no Cetro da Coroa de Inglaterra. O Cullinan II de 317ct colocouse na Coroa do Imperio Británico debaixo dun gran rubí. 

Réplicas das xemas que se cortaron do Cullinan


O Cullinan III e IV están montados nun broche que podedes ver na imaxe a seguir que porta 

a Raíña Isabel II de Inglaterra






O segundo diamante en bruto maior do mundo é o Sewelo, encontrado en Abril de 2019, foi atopado en Botsuana na mina Karowe explotada pola empresa canadense Lucara Diamond Corp. O seu peso é de 1758ct, é un diamante de calidade variable, o seu nome significa "achado raro". 

Este diamante foi mercado pola compañia Louis Vuitton, e aínda non foi cortado.


Diamante Sewelo


O sewelo destronou a outro gran diamante extraído da mesma mina, 

o Diamante Lesedi La Rona
mercado pola xoiaría Graff por 59.5 millóns de euros, o seu peso en bruto era de 1109ct,
 unha vez cortado e puído a talla esmeralda quedou en 302.37 quilates.
Del tamén saíron outros 66 diamantes satélite que van de 1 a 26 quilates. 
O Ledesi La Rona é un diamante incoloro de altísima calidade.  

Diamante Graff Lesedi La Rona


O Golden Jubilee é o diamante de cor máis grande do mundo unha vez cortado e tallado. 
É de cor marrón dourado, pesa 545,67 quilates, foi descuberto na Mina Premier, onde se atopou tamén o Cullinan, o diamante Burton Taylor, e o diamante Centenario. A empresa De Beers contratou a Gabriel Tolkowski para cortar este diamante e así poder probar as ferramentas e métodos especiais que estaban desenvolvendo para o seu uso no corte dun diamante incoloro de calidade D chamado O Centenario. Despois de dous anos de estudo a pedra foi rematada de cortar en 1990, describindo o seu corte como forma de "almofada Rosa lume".

Diamante Golden Jubilee

Diamante Centenario
O Diamante Centenario atopouse na Mina Premier en 1986, en bruto pesaba 599,10 quilates, é un diamante incoloro de alta calidade que despois de cortalo e tallalo con 247 facetas quedou en 273,85 quilates. O Centenario leva ese nome en honra ao primeiro século de vida da compañía que o posuía, De Beers Consolidated Mines. 



Diamante Orlov
Outro gran diamante é o Orlov, este ten un peso de 189,62 quilates e unha longa e misteriosa historia pois segundo parece era o ollo dunha estatua nun templo hindú e alí foi roubada por un desertor francés, pasou por distintas mans e en 1775 vendeuse en Amsterdam ao conde Gregory Orlov que llo regalou á Emperatriz Catarina como mostra do seu amor. Actualmente atópase montado na parte superior do cetro ruso e é parte da colección de diamantes do Kremlin. 
Está tallado en forma de media cúpula facetada, ten a claridade típica dos diamantes indios e presenta un matiz azul-verdoso.
A historia deste diamante levouse ao cine en 1932 na película "O diamante do Zar", de Max Neufeld.  



Á esquerda o diamante Koh-i-Noor na Coroa da Raíña Nai 
e á dereita O Cullinan II Na Coroa do Estado Imperial.
Outro moi importante é Koh-i-Noor, un diamante de 108 quilates. O seu nome significa montaña de luz, foi un dos diamantes máis grandes do mundo, é orixinario da India, en distintos momentos da historia foi tomado como trofeo de guerra, pero acabou en mans da Compañía das Indias Orientais que llo regalou á Coroa Británica e actualmente está montado na Coroa da Raíña Nai.  


Outros grandes diamantes son O Rexente, que pertence á Coroa Francesa, é incoloro e ten un peso de 140 quilates.

Diamante O Rexente - xoias da Coroa de Fracia, Museo do Louvre


O diamante Taylor-Burton foi atopado en 1966 na Mina Premier. En bruto tiña 240,80 quilates, ao cortarse e tallarse en forma de pera pasou a pesar 69,42. En 1969 comprouno a casa Cartier e foi vendido ao actor Richard Burton para regalar á súa esposa Elizabeth Taylor. Nun primeiro momento foi engastado nun anel, pero facíase incomodo polo seu peso, así que pasou a formar parte dun belo colar de diamantes. 



E para finaliza,r un dos mais belos diamantes, o diamante Hope, tamén coñecido como diamante azul ou pedra maldita. É un diamante de cor azul mariña, e de 45,52 quilates. Foi propiedade de Luis XIV, desapareceu durante a Revolución Francesa e apareceu no 1830 cando o comprou Henry Hope, de quen recibe o seu nome, e tamén a súa maldición, pois a familia Hope morreu na indixencia, asóciase á mala sorte dos seus donos. 

O Blue Hope e Evalyn McLean
En 1911 Evalyn Walsh McLean comprou a pedra e así se converteu no belo colar que podemos admirar hoxe no Museo Nacional de Historia Natural de Washintong. 

Espero que vos guste este breve repaso sobre os diamantes, 
cheos de historia, fama e misterio. 

Grazas pola visita ;D

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!