Escultores hiperrealistas (parte 5): Gehard Demetz [TALLA E ESCULTURA]
Gehard Demetz
Resulta difícil unir a imaxe dun neno a unha imaxe dura, inquietante ou violenta cando falamos da infancia. Gehard Demetz utiliza xusto ese recurso estético para falarnos da problemática do mundo actual e a súa tendencia destrutiva a través dos poderes fácticos, a guerra, a relixión e a política; de como o mundo, e en representación deste a infancia e a mocidade, están inmersos en sociedades nas que se esquece o importante e o transcendente e a necesidade de entender e de coñecemento que se ten nestas etapas da vida. As súas figuras de nenos son frías e distantes, rodeadas de símbolos que cuestionan a súa existencia e transmítennos vulnerabilidade e incerteza. As súas esculturas tocan temas como a vulnerabilidade, a tristeza ou mesmo os malos tratos infantís, a través deses nenos de madeira tristes e sós rodeados de obxectos agresivos do mundo adulto substituíndo os seus xoguetes, provocándonos unha reflexión incómoda sobre como entendemos e tratamos a infancia na nosa sociedade.
Demetz é un deses escultores que se formaron na tradición da imaxinería en madeira do Norte de Italia. Naceu en Bolzano (1972), rexión baixo os Dolomitas, ao Sur do Tirol. Estudou no Instituto de Arte da rexión, especializándose despois en escultura. Vive e traballa en Selva dei Val Gardena.
As súas esculturas elaboradas con bloques de tileiro encolados e ensamblados coma se dun quebracabezas se tratase, no que a forma perde a súa identidade deixando presente o oco nun xogo de lecturas que poderiamos relacionar coas formas máis hieráticas; formas poliédricas e pixelizadas nas que o espectador debe reconstruír a imaxe fría, encher o baleiro non só achegando a falta de material visual, senón recompoñendo psicoloxicamente esas imaxes de nenos cheos de angustia e tristeza, a través da nosa empatía co que sofre malos tratos, incomprensión ou calquera outro tipo de violencia. O seu traballo é dunha beleza inquietante que non nos deixa indiferente.
"... En cierto modo, los niños de Demetz nos recuerdan a los personajes herméticos de Sartre, siempre inmersos en la busqueda de las certezas de su existencia"
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!