Perrault é coñecido por ser o autor recompilador de contos universais como Barba azul, O gato con botas, Polgariño, A bela durminte do bosque, Cincenta e posiblemente o máis universal de todos, Carapuchiña vermella. Todos estes contos foron escritos para satisfacer a pequena sobriña de Luis XIV, Elisabeth de Orleans.
Temos que ter en conta que neste século comezara un movemento que foi decisivo para a literarura infantil: Os recompiladores de contos populares e a adaptación escrita dos mesmos por parte destes autores. O primeiro recompilador dos contos de tradición oral foi o napolitano Basile no seu libro O Pentamerón. Posteriormente e no mesmo século teremos en Francia a Jean de La Fontaine a Madame D´Aulnoy, e como non o noso protagonista Charles Perrault.
Os contos de Perrault aparecen por primeira vez no seu libro Historias e contos de tempos pasados, máis coñecido como Contos de mamá Gansa. Foron escritos no ano 1683 pero publicados en 1697, cando Perrault xa contaba con 69 anos. Existe unha controversia coa autoría destes contos atribuídos tamén a Pierre Darmancour, fillo de Perrault. Son contos denominados morais. En todos aparece unha moral final na historia que determina unha maneira de comportarse.
Perrault ten unha extensa obra literaria, pero a que perdura e pola que sempre será recordado será por esta serie. Todos os contos que aparecen en "mamá gansa" son moi coñecidos e ilustrados dun xeito moi diverso ao longo da historia. Adaptados para o público infantil. Temos que pensar que o concepto de infancia non ten nada que ver no século XVII co que coñecemos hoxe. Foi o pedagogo Joan Amos Comenius neste mesmo século o que adopta un discurso pedagóxico moi novedoso, no que o neno é un suxeito activo da aprendizaxe e fala da educación como ferramenta fundamental para o desenvolvemento do home, todo un avance de pensamento.
CARAPUCHIÑAS ILUSTRADAS
Dos oito contos que aparecen en Contes Ma mere l´oie, Carapuchiña vermella ten un encanto especial para ser ilustrada. A popularidade das historias de Perrault axiña evidenciaron a necesidade de crear a súas representaciós iconográficas e Carapuchiña foi a primeira. Na edición de 1697 impresa por Barbín aparece xa a representación de Carapuchiña. Son dúas imaxes, a nena soa no bosque, e a nena na cama co lobo. Son representacións xilográficas moi sinxelas de autoría descoñecida.
Edición inglesa con esa primeira imaxen |
Na edición holandesa de 1742 Simón Fokke adapta a primeira imaxe de Carapuchiña e tradúcea nunha escena máis dinámica, na que o lobo en acción morde a cabeza da súa victima. É un gravado posiblemente en prancha de metal.
Edición en francés co gravado de Fokke |
Thomas Bewick é posiblemente un dos mellores gravadores da historia. Foi o pai do gravado a contrafibra ou a contratesta. Basicamente a peza de madeira utilizada non está cortada en vertical, que é como se cortan os taboleiros, senón en horizontal. Este xeito de traballar é máis custoso, precisa de gubias moi finas, as usadas para metal, pero permite máis detalle na ilustración. Bewick desenvolveuna e especializouse neste método conseguindo varias series dos mellores debuxos de paxaros que se coñecen, cun nivel de detalle moi difícil de acadar en xilografía. As ilustracións de paxaros realizadas por Bewick son uns clásicos da iconografía británica e unha referencia para autores posteriores como Beatrix Potter
É curioso ademais que son gravados de mínimo formato. Deste mesmo formato son as Carapuchiñas ilustradas por Bewick no ano 1784. Unha serie de estampas soltas e das que non teño máis referencias.
A tradición iconográfica permanece máis ben pasiva no século XVIII, pero no século XIX a mellora das técnicas de gravado e estampación e a invención da litografía darán un novo impulso ás manifestacións gráficas e ás interpretacións dos textos clásicos.
Dulcifícanse as estampas cun marcado estilo naturalista da época, como as que nos deixou Eugène Feyen, realizadas en litografía en 1846.
CARAPUCHIÑA NO LOUVRE
No museo do Louvre podemos atopar un cadro que ilustra unha escena do texto de Perrault e que eleva a este personaxe ao que podemos denominar arte con maiúsculas. Sen dúbida 125 anos despois da publicación de Carapuchiña esta xa era un icono da cultura popular europea.
O cadro está datado en 1820 e o seu autor é o pintor Fleury Francois Richard, discípulo do mestre Neoclásico Jacques-Louis David. O estilo, aínda que recoñecido como pintor Trovador utópico, podería definirse como un previo ou precursor do simbolismo. "Os pintores e poetas xa non pretenden plasmar o mundo exterior senón o dos seus soños e fantasías por medio da alusión e o símbolo".
CARAPUCHIÑA PORTADA DE PRENSA
Le Petit Journal foi un dos principais diarios da Francia do S. XIX. A partir de 1884 apareceu cun semanario ilustrado que chegou en 1895 a ter unha tirada de 1 millón de exempleres. Fortuné Méaulle traballou como ilustrador destacado para esta revista. Estamos nun período de esplendor para este medio e a icónica Carapuchiña foi portada no ano 1898. Unha adaptación caricaturesca do conto traducida á actualidade da época.
GUSTAVE DORÉ
Pero se temos que destacar a un ilustrador no século XIX que nos deixou unha Carapuchiña realmente icónica foi Doré. Como xa víramos nos Quixotes ilustrados III, Gustave Doré é un dos máis destacados ilustradores da historia. A adaptación da Carapuchiña realizouna en 1883. Son xilografías que destacan pola ausencia de detalles que desvíen a atención, potenciando unicamente aqueles elementos principais da escena con poucos artificios e en branco e negro. Hoxe séguense editando os contos de Perrault con estas ilustracións. Eu teño unha edición de "Contos de antaño" de 1979 con ilustracións de Doré. Fixádevos na moral final clásica de Perrault.
Se podemos falar dun ilustrador destacado pola súa contribución ás imaxes da literatura infantil no século XIX ese é Carl Offterdinger. Este autor alemán ten títulos ilustrados tan destacados como Robinson Crusoe, As viaxes de Gulliver, pero tamén os contos clásicos de todo este imaxinario. As súas ilustracións están realizadas en litografía a toda cor e son un exemplo das posiblilidades plásticas que cara á edición achegou a litografía no S. XIX.
As viaxes de Gulliver |
En Alemaña traducirase o conto de Carapuchiña por primeira vez en 1790 e popularízase decontado. Os irmáns Grimm realizan a súa propia versión en 1812. Nesta nova versión haberá varios cambios con respecto ao texto orixinal de Perrault. Elimínase a moral final, o lobo disfrázase para protagonizar o engano e aparece a figura do cazador. Esta versión dos irmáns Grimm é a que máis se coñecerá posteriormente e a que Offterdinger ilustra. No caso desta imaxe de Carapuchiña Offterdinger fíxase nos detalles, nos obxectos que hai na escena e tamén na caracterización do lobo que dá lugar ao engano.
outras imaxes de Offterdinger
WALTER CRANE
Walter Crane é outro ilustrador imprescindible do século XIX. Influido pola irmandade Prerrafaelista, unha versión do movemento Realista pero en Inglaterra, formou parte da corrente Arts and Crafts. Nas súas ilustracións aprécianse claras influencias da arte xaponesa, xa que imitou o xeito de facer xaponés nas xilografías e resultan moi características. A Carapuchiña de Crane editouse en 1882 a partir da adaptación do texto dos irmáns Grimm.
outras imaxes de Walter Crane
No século XX Carapuchiña é xa un icono da cultura popular aínda que Disney nunca a levara ó cine. Existe unha gran cantidade de versións e revisións que darán para outra entrada. Novas imaxes actualizadas de textos tamén actualizados. A Orquestra Mondragón no ano 1980 deixounos este pepinazo musical co que imos rematar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!