martes, 26 de maio de 2020

Proposta da semana II [DEBUXO]

Co alumnado dos grupos Superiores traballamos durante estes días en varias propostas co fin de aproximarnos ao corpo humano, ao movemento e á proporción do mesmo. Imos a modo, intentando gozar de cada unha das propostas e asentando un modo de traballar no que se  potencia o esquema como base de todo este proceso.
Se recompilamos as propostas, foron as seguintes:

  1. Realizamos os nosos propios esqueletos partindo dos manuais de Andrew Loomis. Deixo este enlace que creo que irá mellor que o anterior, co que tivestes problemas.
  2. Utilizamos revistas para poñer en práctica a utilización dos esqueletos.
  3. Captamos o movemento en poucos trazos recuperando os clásicos do cine e vendo o traballo de Elena Fernández e de Jason Polan.
  4. Estimulamos a nosa habilidade na observación e o trazo analizando os fantásticos debuxos de  Diebenkorn.
Hoxe pasamos xa á proposta final, poñendo en práctica o esquema e a cor acuarela para rematar os nosos debuxos dun xeito similar ao  primeiro manual que vos enviei.

MATERIAIS



Libreta de acuarela, lapis 2B ou 4B, caixa de acuarelas, pincel de carga de auga, estilógrafos, rotuladores.  
Polo xeral para a acuarela todos os libros falan de utilizar lapis H pero eu utilizo os B, calco moi pouco no encaixado e serve para remates finais. Podemos rematar cos estilógrafos ou cos lapis. Neste exemplo remato cos lapis.

FASES

1. Proporciono a figura tomando a cabeza como módulo. Tomo a medida desta e relaciónoa co todo, de xeito que a figura encaixe no meu formato. Neste caso como a personaxe está sentada sáenme 6 cabezas. No exemplo calco moito para que o vexades pero vós faredes marcas de trazo moi suave.


2. Realizo o esquema do esqueleto atendendo á posición dun xeito moi sinxelo. Penso en como será a estrutura básica desa posición. O tempo de execución será moi curto... é unha primeira aproximación de forma, posición e encaixe.


3.Cando vexa ben esa primeira aproximaxión fago un esquema da forma exterior cubrindo o esqueleto con elementos xeométricos básicos e utilizando a liña recta. Teño que fixarme non só na forma senón tamén no fondo... a información dos ocos axudarame moito. Todo isto realízoo calcando moi pouco.


4. Agora xa defino un pouco máis a forma anterior. Vou ser máis concreto. Pensade que sempre debuxamos do xeral ao particular. Sigo calcando moi pouco. Eu calco moito para que vexades ben os trazos.


5. Realmente o que fixen nas dúas aproximacións anteriores foi definir tamén espazos cromáticos que agora xa vou abordar. As augadas das cores van ser moi claras, deixando secar un pouco e subindo en intensidade. Traballo do mesmo xeito que que cando facíamos os obxectos.



6. Sigo aplicando a cor e definindo e concretando coa mancha. Reservando os claros e os medios e escurecendo de xeito progresivo.



7. Remato cocretando coa mancha e neste caso redebuxando co lapis brando. Podería acabar tamén definindo cos estilógrafos ou rotuladores. 



Ánimo. Agora a aplicar o que sabedes que é moito. Sen medo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!