xoves, 21 de maio de 2020

As Bibliotecas da Antigüidade V. Biblioteca Ulpiana no Foro de Trajano [BIBLIOTECA]


En Roma apareceron as primeiras bibliotecas públicas. Construíanse xeralmente despois dunha batalla vitoriosa, por orde do emperador. Eran de acceso público con sistema de préstamo mediante fianza económica. Á fronte das bibliotecas públicas estaba o Procurator Bibliotecorum, a cuxas ordes estaban os bibliotecarios que traballaban en cada unha delas. Estas bibliotecas públicas construíanse á beira dun templo e tiñan unha sección latina e outra grega.

No ano 112 d. C., o emperador Trajano completou a construción dun inmenso complexo de edificios de uso múltiple no corazón da cidade de Roma. Este Foro incluía prazas, mercados e templos relixiosos, pero tamén incluía unha das bibliotecas máis famosas do Imperio Romano, a Biblioteca Ulpiana.



Ilustración de James E. Packer

A súa historia comeza cando Trajano ordenou a súa construción, coa intención de que se convertese na biblioteca e centro de estudos máis grande de Roma. Tamén quería que se convertese no arquivo público da cidade. A parte administrativa chegou a ter 20.000 libros, ao que se sumaron outros 30.000 textos provenientes na súa maior parte dunha biblioteca privada. Construíronse dous edificios, un para os textos latinos e outro para os gregos, estaban situados nos lados opostos dun pórtico que albergaba a Columna de Trajano, un gran monumento construído para honrar os éxitos militares do emperador. Ambas as seccións estaban elegantemente construídas en formigón, mármore e granito, e incluían grandes cámaras centrais de lectura e dous niveis de habitacións repletas de textos. Os historiadores non están seguros de cando deixou de existir a biblioteca dual de Trajano, pero aínda se mencionaba por escrito ata o século V d. C., o que suxire que se mantivo durante polo menos 300 anos.

Pouco se sabe do destino dos fondos desta magnífica biblioteca. Hoxe en día pódense visitar algúns dos restos arqueolóxicos e existen visitas onde se reconstrúe virtualmente o seu antigo esplendor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!