martes, 19 de maio de 2020

Novos Libros para a Biblioteca da EMAO. 7 [BIBLIOTECA]


Continuamos coa difusión dos libros adquiridos recentemente pola biblioteca para o seu fondo moderno especializado en arte e oficios artísticos, e que apenas tivestes ocasión de consultar. 
Espero que vos gusten!!!


Dibujo científico : arte y naturaleza, ilustración científica, infografía, esquemática / Lino Cabezas... [et al.].-- Madrid : Cátedra, 2016

O debuxo científico fixo visible o observado e o imaxinado, dando forma, por igual, ao pensamento e ao coñecemento. Este cuarto volume da serie "Debuxo e profesión" dedícase ao estudo da arte ao servizo da ciencia. En "Debuxo científico" analízanse aquelas imaxes concibidas para: mostrar, coñecer, recoñecer, organizar, clasificar… non só os fenómenos do mundo material senón tamén o complexo universo das ideas; particularmente, cando o discurso escrito se mostra insuficiente, como xa anunciaba Leonardo da Vinci, paradigma da integración de arte e ciencia: "A pintura presenta as obras da natureza ante os sentidos con maior autenticidade e certeza do que o fan as palabras ou as letras".


Enciclopedia de técnicas de dibujo / Hazel Harrison.-- Barcelona : Acanto, cop. 2017


Neste libro móstranse máis de 50 técnicas de debuxo diferentes. Con fotografías que ilustran con detalle as instrucións paso a paso. Tamén inclúe unha extensa galería con algúns dos mellores debuxos de diferentes artistas do mundo. Con esta obra pódese aprender como adaptar estas técnicas para usalas con outros medios, incluíndo exemplos para ver os efectos producidos. O libro inclúe tamén un repaso moi completo das técnicas dixitais de debuxo. O lector descubrirá como mellorar os seus debuxos usando programas e ferramentas informáticas.


Dibujo de luz y sombra / textos, Gabriel Martín ; realización de los ejercicios, Merche Gaspar... [et al.].-- Badalona : Parramón, 2018


O sombreado é o recurso máis utilizado nos manuais de debuxo, e un dos que máis tempo de aprendizaxe require. A colocación das sombras non é unha cuestión arbitraria, senón que responde a unhas regras sistemáticas que determinan a súa posición, forma, extensión e densidade. Esta obra expón varios procedementos para racionalizar o sombreado e sacar o máximo partido á súa representación. Estúdase nela como se debuxan as sombras, cales son os métodos máis habituais, cal é a súa relación correcta coa luz, e como representar os volumes coas técnicas básicas de clarescuro para lograr o efecto de tridimensionalidade e profundidade desexado.  


El retrato de niños : expresiones, proporciones y técnicas de dibujo y pintura / Daniela Brambilla.-- Barcelona : Promopress, 2018


Retratar a persoas é seguramente un dos temas máis difíciles de resolver no debuxo. A falta de publicacións sobre o retrato especificamente de nenos fai que as particularidades relacionadas coa representación da nenez queden sen resolver. Este libro enche o baleiro dedicando unha monografía a este tema, un método para adquirir un bo manexo das técnicas de pintura e de ilustración. Con modelos en vivo ou a partir de fotografías e vídeos, retratos de fronte, de corpo enteiro, pousando ou sinxelamente ao natural, o libro explica paso a paso, por medio dunha introdución ás proporcións ademais de ensinar a liberar o trazo, as particularidades específicas de debuxar a nenos, captando as transformacións físicas e psicolóxicas, nun exercicio de introspección e recordo da propia infancia. Está dirixido tanto a ilustradores como a afeccionados ao debuxo, a pais e familiares e a todos aqueles que queiran capturar ese momento memorable, entrañable e fugaz propio da nenez.  


Urban sketcher : técnicas para dibujar in situ / Marc Taro Holmes.-- Madrid : Anaya Multimedia, D.L. 2018

Neste libro, repleto de arte e de consellos, atoparás canto necesitas para debuxar bodegóns e edificios, persoas e escenas rueiras. Non importa se es principiante ou artista experimentado, "Urban Sketcher" levarache ao mundo, a debuxar desde a primeira páxina. Ao terminar os debuxos in situ nunha soa sesión, conseguirás transmitir a impresión, non só do que se ve, senón ademais do que se sente ao estar alí... Historias gráficas da vida cotiá que se converten en historias insólitas.
Este taller dirixido por Marc Taro Holmes, cofundador de urbansketchers.org, mostra como inspirarse nas trivialidades e os esplendores da vida real, e, sobre todo, como trasladar esa emoción a un caderno de bosquexos.


Taller de fotografía fantástica / Jan von Holleben ; texto de Monte Packham.-- Barcelona : Gustavo Gili, D.L. 2019


Gustaríache voar cal superheroe? Pasear por paraxes imposibles? Converter os teus pensamentos en cores e obxectos visibles? Por fin podes facelo! Este libro ensinarache a facer realidade calquera fantasía imaxinable. Consegue unha cámara ou un móbil, pon en marcha a túa imaxinación e descobre todo o que podes chegar a crear neste taller de fotografía fantástica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!