Hemeroteca Fernando Conde Domínguez. Biblioteca García Barbón (EMAO) |
Hoxe traemos ao noso blog algunhas das publicacións máis interesantes que conservamos no noso fondo histórico. Desexo que vos gusten.
Historia física, política y natural de la isla de Cuba / por Ramón de la Sagra.-- Paris : Librería de Arthus Bertrand, 1842-1861
É a obra monumental de Ramón da Sagra, sociólogo, economista, botánico, escritor e político español. Director do Xardín Botánico de La Habana entre 1823 e 1832. Viaxa polo continente americano e en 1838 comeza a publicación da súa obra publicada en 13 volumes ata 1858. Da Sagra investigou a biodiversidade cubana. O seu terreo de acción abarcou de maneira extensa a economía, a socioloxía, a xeografía, a botánica e a zooloxía. A obra comprende dous excelentes atlas ilustrativos, cuxas láminas, dun esmerado labor científico e artístico, foron realizadas coas técnicas máis modernas de impresión da súa época.
Dado que foi unha obra editada en circunstancias inusuais é difícil atopar a colección completa. O goberno español encargou 300 copias, moitas das cales se perderon en almacéns durante os 20 anos que tardou en completarse.
O volume VIII de zooloxía inclúe 147 gravados, a maioría retocados á man.
O volume XII de botánica inclúe 120 gravados, a primeira serie de 20 coloreadas á man.
Roi, reine, prince : récit humoristique égyptien peint et écrit d'apres nature, l'an 1302 avant la naissance de J. C. / par C.M. Seyppel- Düsseldorf : Bagel, 1886
O seu autor Carl Maria Seyppel (1847-1913) foi un pintor e ilustrador alemán que publicou na década dos oitenta do século XIX varios libros editados nun estilo pseudoexipcio. A súa imitación do grafismo exipcio e os seus xogos coa disposición dos textos na páxina convérteno nun precursor avanzado do que hoxe chamamos cómic.
Esta obra en concreto é un auténtico libro de artista xa que ademais das orixinais láminas, Seyppel coidou a presentación exterior para dar ilusión de que se trataba dun volume antigo, atopado nunha escavación... Publicouse en 1883 en alemán e en 1886 en francés.
Himno a Vigo / letra de Pío L. Cuiña ; música de R. Soutullo. [Manuscrito], [1907]
O músico Reveriano Soutullo Otero (1880-1932), natural de Ponteareas, é un dos autores máis importantes e influentes do xénero lírico na España do primeiro terzo do século XX. Foi alumno da nosa escola, onde estudou solfexo e piano no curso 1894-95. Ten varias composicións dedicadas á nosa cidade coa que estivo moi vinculado.
Este documento que conserva a biblioteca é con toda probabilidade unha copia manuscrita do Himno de Vigo que se estrea en agosto de 1907 e que foi un encargo do alcalde Ricardo Senra. A letra é do poeta e xornalista galego Pío Liño Cuiña (1851-1927).
Continuará
Verdaderos tesoros
ResponderEliminar