xoves, 21 de maio de 2020

A Rosca. Gaita de lingüeta simple do Baixo Miño. [CAIM GAITA]

Hoxe imos coñecer, da man do artesán e investigador Pablo Carpintero, esta curiosa gaita que se tocaba en Galiza, pero só na zona do Baixo Miño.
Rosca antiga cedida por Alfonso Álvarez Pousa (Cristelos, Tomiño, Pontevedra).
A parte orixinal corresponde ao tubo cantor, o resto foi reconstruído
polo autor (Pablo Carpintero) seguindo as indicacións do informante.
Colección do autor. Fotografías Alba Vázquez Carpentier.

Trátase dun segundo tipo gaita de fol con punteiro de lingüeta sinxela. Achámolo só na comarca do Baixo Miño (Pontevedra), e recibe o curioso nome de rosca seguramente debido á rechamante ornamentación en aneis que ostenta o tubo cantor, tamén denominado rosca, que nos fai lembrar as voltas dun parafuso. O tubo cantor facíase de sabugueiro e remataba nun resoador de corno que vai ornado arredor cun característico dentado e fornecido con tres furados non dixitais. A rosca construíase atando nun fol dous asentos para o tubo cantor e o soprete, estas buxas feitas de sabugueiro levan a mesma ornamentación en aneis que o tubo cantor. O fol facíase dunha vincha de porco ou máis usualmente dunha pel de cabrito curtidas como xa indicamos máis arriba. A presenza das buxas facilitaba moito a substitución e manipulación da lingüeta sinxela do tubo cantor, que se denominaba pallón coma no caso do roncón das gaitas de fol.

Para soprar dentro do fol, nun destes asentos introducíase un soprete, feito de sabugueiro e tamén coa característica ornamentación en aneis. Para evitar o refluxo do aire dispúñase no extremo distal do soprete, o que vai dentro da buxa, un anaquiño de coiro. A rosca carecía sempre de bordón e tanto o tubo cantor como o soprete eran tallados a navalla sempre sobre pólas secas de sabugueiro (Sambucus nigra) duns 2 cm de grosor, ao que corresponde un furado interno duns 7-8 mm de diámetro.

O tubo cantor introducíase noutra das buxas, ía ornamentado tamén cos citados aneis e máis cunha característica cruz na súa parte posterior. Para emitir o son equipábase cunha lingüeta sinxela duns 4-5 cm de lonxitude, fabricada de cana ou sabugueiro, sempre coa lingüeta cortada cara ao tubo cantor. Para obter as melodías perforábanse no cantor, axudándose dun ferro quente, sete furados tonais dun diámetro moi semellante (uns 5-6 mm). O primeiro furado fica en posición posterior á mesma altura que o segundo furado (o primeiro dos anteriores). A distancia entre os furados tonais era calculada, coma sempre, segundo a separación dos dedos do tocador, malia que nas roscas esta distancia é lixeiramente superior á observada nos outros aerófonos galegos semellantes dos que vimos de falar, acadando uns 30 mm. Curiosamente a afinación da rosca segue un patrón lixeiramente diferente aos das escalas das gaitas de fol da zona, fenómeno que non é nada frecuente. Indicamos aquí as escalas de dúas das roscas que puidemos documentar, fabricadas por Alfonso Álvarez Pousa (Cristelos-Tomiño, Pontevedra), a nº 1 cando era rapaz e a nº 2 no ano 1998. A dixitación coa que se tocaban estes instrumentos era totalmente aberta, é dicir, levantando os dedos secuencialmente. As desviacións respecto á escala temperada exprésanse en cms.

GraosRosca nº 1Rosca nº 2
Do#-40Do#
Re+40Re#-20
Mi+30Mi+30
Fa#+20Fa#
Sol#-20Sol#-30
La#-20La#-20
Do-20Do+20
Do+10Do+30
Como se pode apreciar, as roscas producen unicamente unha escala heptatónica a partir da tónica, posto que o primeiro furado posterior, aquel destinado ao polgar da man esquerda, ao estar situado á mesma altura que o primeiro furado anterior, non emite unha nota diferente á deste.
A rosca tocábase como calquera gaita de fol, introducindo o fol debaixo do brazo esquerdo, insuflando aire no fol a través do soprete e manexando os furados do tubo cantor cos dedos das mans. No caso da rosca os dedos meniños e o polgar da man dereita non tapan ningún furado.

Só dous portadores nos deron referencias deste instrumento, e foi do xa mencionado Alfonso Álvarez Pousa, de quen obtivemos o exemplar antigo que amosamos, outros que el nos construíu, e a maior parte da información que aquí vertemos. Nas conversas mantidas con Alfonso este deixou claro que rosca refírese tanto ao instrumento con fol, como ao tubo cantor só, que tamén podía ser tocado directamente coa boca.

Alfonso Álvarez Pousa
(Cristelos, Tomiño, Pontevedra) tocando a rosca.
Fotografía de Pablo Carpintero.
A rosca resulta extremadamente similar ás dúas gaitas de fol que aparecen representadas na iluminación da cantiga nº 260 do famoso Códice Escurialense, mandado confeccionar por Afonso X (s. XIII). Este instrumento é unha gaita de fol cun resoador na parte final do seu tubo cantor que é cilíndrico e, polo tanto, cabe supoñer que iría equipado cunha lingüeta sinxela. Pola súa destacable semellanza coa rosca, pensamos que este instrumento do Baixo Miño podería ser a herdanza deste tipo de gaitas de fol que forman parte dunha familia de instrumentos medievais, os albogues, á que pertencen tamén a gaita de Gástor (Cádiz), a gaita serrana de Madrid ou o alboka vasco, e que se caracterizan por ser clarinetes cun resoador de corno no seu extremo. Outros albogues semellantes a estes tres aparecen por toda a península ibérica, por exemplo: a turuta de El Torno (Cáceres), a chifla de Campoo (Cantabria) ou as curiosas gaitas de lingüeta sinxela existentes en Olea (Cantabria), Alcaine (Teruel), Burbágena (Teruel), Guadalajara e na serra norte de Burgos, das que nos informa Luís Payno, todas elas ben con pavillón final de corno, ou cun engrosamento na madeira coa mesma función.

Se ben o alboka vasco só compartilla coa rosca a presenza de resoadores de corno, as semellanzas coas gaitas serrana e gastoreña son máis que destacables, pois, á parte da presenza do resoador de corno en todas tres, na gaita serrana aparece exactamente a mesma ornamentación en aneis que na rosca, e na gaita de Gástor as mesmas cruces que na parte posterior do cantor da rosca. Aneis e cruces forman unha ornamentación que aparece tamén noutros instrumentos semellantes de lingüeta sinxela que se documentan en Bosnia ou Croacia e incluso no norte de África e Asia, caso dun clarinete duplo documentado por Anthony Baines en Palestina e Iraq. Este autor opina que a ampla distribución das gaitas con cantores de tipo clarinete e con resoador de corno (hornpipes), presentes en toda Europa e norte de África, indicaría unha grande antigüidade e incluso unha diseminación en época neolítica.

Outro detalle ornamental moi característico das roscas, compartillado tamén con multitude doutros clarinetes rematados nun pavillón de corno, é un dentado arredor deste resoador. Xa vimos que este tipo de dentados asócianse decote con reminiscencias de cultos solares e que en toda a Hispania indoeuropea se practicaron este tipo de culto , por canto este reborde denticulado das roscas galegas podería indicar que na súa orixe máis remota estas gaitas de corno estaban relacionadas con algún tipo de culto.

Os albogues caracterizaríanse entón por posuír un tubo cantor cilíndrico, ás veces dous, de lingüeta sinxela, e sobre todo por un resoador, un pavillón acampanado no extremo distal do mesmo. Este resoador construíase caracteristicamente cun corno, lembremos que o arábigo būk significa corno, de aí al būk, alboka e albogue. En instrumentos menos antigos, nos que a cana coa que se facían orixinalmente os cantores foi substituída pola madeira, este pavillón pode ser labrado no mesmo taco de madeira co que se fai o tubo cantor. Os albogues serían inicialmente tocados directamente coa boca, pero despois do espallamento do sistema do fol, algúns deles adoptaríano, pasando así a formar toda unha familia dentro do grupo das gaitas de fol, familia á que pertencerían a rosca do Baixo Miño e a pipa do Bierzo da que pronto falaremos.

A rosca podería ser entón a herdanza dos albogues que floreceron durante o medievo na península ibérica, pero equipado con fol; en todo caso, xa vimos que Alfonso de Cristelos insistía en que podía ser tocada tamén directamente coa boca. A este respecto, unha das citas literarias máis coñecidas e temperás deste tipo de instrumentos é a que aparece no Libro del Buen Amor de Juan Ruíz (c. 1330):


“Dulçema, e axabeba, el fynchado albogón,

çinfonia e baldosa en esta fiesta son,…”


Fynchado albogón interpretouse por varios autores como referencia a un tipo de gaita de fol, non entanto outros, como Ramón Andrés, desestiman esta interpretación. Á vista do que sucede coa rosca, que recibe o mesmo nome teña ou non fol, ben podería suceder que realmente algúns albogues tivesen fol e fosen diferenciados das gaitas de fol con lingüetas duplas.
Segundo Ramón Menéndez Pidal os albogues foron inicialmente instrumentos de pastores; co paso do tempo parece que pasaron a formar parte do instrumentario culto acadando unha certa relevancia, polo menos a partir de aproximadamente o século XIII, de xeito que aparecen citados en numerosos textos e representados en multitude de iconografías, sempre amosando os seus pavillóns. A presenza destes instrumentos no extremo occidental de Europa debe rachar dunha vez coa vella asociación das gaitas de fol con cantores de tipo clarinete a Europa do Leste. Tamén debemos salientar que a conservación das roscas en Galicia reforza a grande antigüidade e orixinalidade do noso acervo organolóxico, do que xa vimos dando conta ao longo deste traballo.

Curiosamente a ornamentación en aneis e as cruces gravadas no tubo cantor aparecen tamén nun instrumento pastoril de lingüeta dobre que se conservou en Portugal, a palheta. Trátase dun pequeno óboe de perforación cilíndrica e rematado tamén nun pavillón. Esta coincidencia podería indicar que ou ben o sistema de lingüeta deste aerófono trocou para a lingüeta dobre nalgún momento, pois os tubos cilíndricos asócianse normalmente a lingüetas sinxelas, ou ben que realmente sobreviviron ata a actualidade instrumentos de perforación cilíndrica e palleta dupla. De ser isto certo, a familia dos albogues medievais puido estar tamén composta por instrumentos de lingüeta dobre.

As roscas, como as gaitas de cana con fol e outros instrumentos que vimos de describir, serviron de método de introdución para os nenos e rapaces cara á gaita de fol, facilitándolles todas as habilidades necesarias para o seu correcto manexo, tales como construción de pallóns, afinación dos cantores, construción e tempero dos foles, dixitación etc. Na elaboración dunha rosca, que se facía completamente a navalla, investíanse moitas horas, polo que non era un instrumento indicado soamente para que os rapaces xogaran, senón que foi tamén moi empregada polos adultos. Usábana con frecuencia os pastores para distraer as longas horas de coida do gando no monte e tamén era tocada nas noites de Reis e Noiteboa para acompañar as cantigas que se executaban de casa en casa recadando os aguinaldos. Tiña polo tanto un status de verdadeiro instrumento musical e un claro uso ritual asociado ao tempo do Nadal, quizais unha reminiscencia do seu antigo uso en rituais de morte-resurrección ao que tamén apunta o dentado do seu resoador. Por outra parte, o seu carácter era totalmente masculino, sen que teñamos referencias de rapazas ou mulleres que as tocasen ou fabricasen.

Na clasificación de Hornbostel e Sachs modificada por nós, a rosca do Baixo Miño pertencería ao grupo 422.221.2 das gaitas de fol con cantores de tipo clarinete, perforación cilíndrica e furados tonais.

Artigo de Pablo Carpintero
Publicado na web do Consello da Cultura Galega



Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!