mércores, 20 de maio de 2020

O Quixote ilustrado IV [DEBUXO]

Chegamos ao século XX. Se hai unha palabra que defina a arte deste século poderíamos dicir que é vangarda. A esencia revolucionaria dese termo maniféstase xa que implica ir na primeira liña de fronte con ansia transformadora e de ruptura. Esa transformación cultural, social, será rupturista e desemboca nas grandes Guerras do século e na guerra Civil española.
No século XX haberá crises económicas, movementos sociais na procura de dereitos civís. Loita de poderes antagónicos. Reordenamentos nas fronteiras do mundo. Armamento nuclear. Conquista do espazo... No século XX o home alcanza un desenvolmento tecnolóxico e social descoñecido en toda a historia da humanidade e ademais en moi curto espazo de tempo.
No mundo da imaxe, o cine e a banda deseñada irán da man e popularizaranse. A ilustración toma a rúa xunto coa publicidade. Os movementos artísticos "maniféstanse" e a figuración perde a hexemonía, pero esta será de ida e volta. Mátase a pintura moitas veces, aínda que sempre renacerá. O concepto e a verbalización  son esencia da arte contemporánea en detrimento da técnica e do obxecto artístico.  O acceso á cultura popularízase. A música farase imprescindible para a xuventude... marcará o seu modo de vida e a sua estética. O século XX foi tan intenso que aínda temos que dixerilo.
Pero neste contexto  o Quixote segue aí, traducido a máis de 140 linguas como obra magna da literatura universal en lingua española.  O seu autor da nome ao Instituto Cervantes, presente en 45 paises, promove no mundo a ensinanza e o estudo e a difusión do español.

OS QUIXOTES NO SÉCULO


O século XX comeza coa gran edición en inglés do Quixote ilustrada por Daniel Urrabieta en 1906. Urrabieta era un ilustrador nado en España pero afincado en París. Estudara en Madrid co pintor romántico Federico Madrazo e o paisaxista Carlos de Haes. En París ilustrou para Le monde Ilustré. Foi cronista gráfico da guerra Franco-Prusiana, a Comuna de París e a terceira Guerra Carlista en España, adquirindo por estes traballos unha gran popularidade. Ilustrou as obras de Víctor Hugo, entre elas "Os Miserables" en 1879.
Pero cando estaba no cume da súa carreira, competindo en prestixio co gran Doré, sufriu unha hemiplexía. Isto aconteceu en 1882, tiña 30 anos. A hemiplexía deixoulle o lado dereito do corpo paralizado e obrigouno a ter que aprender a utilizar a man esquerda para debuxar. Todo un reto que superou cunha enorme capacidade de resistencia. En 1893 comenza a ilustrar o Quixote, por encargo da editora Charles Scribner´s Sons. Viaxa pola Mancha entre o 1893 e 1896 para desenvolver o encargo. Morre en 1904 sen ver publicado o seu Quixote, que consta de máis de 250 ilustracións.

O QUIXOTE DE URRABIETA VIERGE






Urrabieta firmaba como Vierge, o seu segundo apelido. É posiblemente un dos mellores ilustradores e gravadores de finais do XIX e principios do XX, adquirindo a consideración de "pai da ilustración moderna", xunto con Howard Pyle. Introduciu elementos de viñeta e composicións moi dinámicas cunha técnica de debuxo en pluma e tinta que posteriormente foi un referente para moitos ilustradores. Estas ilustracións conectan coas novas correntes pictóricas do iniciado século. En 1900 conseguiu o primeiro premio como gravador na exposición Mundial de París.
Sempre será recoradado polo seu Quixote, que aínda hoxe séguese reeditando.


300 ANOS DA MORTE DE CERVANTES

En 1916, con motivo dos trescentos anos da morte de Cervantes, o Estado Español editará unha notable obra do Quixote ilustrada por Ricardo Marín Llovet. Este ilustrador barcelonés colaborou en moitas revistas, como La ilustración Española y Americana, Madrid Cómico, Blanco y Negro, e foi director e fundador de El gran Bufón.

Esta edición contén unhas 200 láminas realizadas en heliograbado, aínda que os orixinais están executados en augaforte.

AUGAFORTES DE RICARDO MARÍN





HISTORIA DUNHA PERDA

En 1918  a Editorial Calpe encárgalle a  Josep Segrelles as ilustracións para o que ía ser unha edición luxosa do Quixote que tiñan en proxecto. A serie de composicións a toda cor Segrelles remátaa en 1920. Esta serie constaba de 54 óleos, 38 acuarelas e 126 debuxos a plumilla. Debido aos sucesivos cambios de domicilio da Editorial, moito deste material gráfico extravíase e o proxecto non se leva adiante. En 1925 Calpe e Espasa fusiónanse e aínda que insisten en atopar toda esta obra o certo é que está perdida entre moreas de caixas.

Segrelles continúa a súa carreira como ilustrador, colleitando éxitos. Colabora coa revista inglesa The Ilustrated London News. En 1929 obtén a medalla de ouro na Exposición Universal de Barcelona na sección de debuxo e ese mesmo ano publica en Nova York ilustracións a toda cor que lle quedaran do Quixote. Os encargos que proveñen de USA son tantos que decide trasladarse á cidade neoiorquina a principios dos anos 30, sendo portada do New York Times no ano 1932.

Pasará a guerra na súa cidade natal e alí permanecerá despois da mesma. Agora os encargos serán sobre todo de corte relixioso.


Ilustración de Segrelles para The ilustrated London News, de gran
influencia para a película de Guillermo del Toro O labirinto do Fauno

No ano 1956, cando residía na súa cidade natal de Albaida, Segrelles recibe un telegrama da editorial Espasa Calpe, as ilustracións do Quixote apareceran. O proxecto dos anos 20 retómase. As ilustracións revísanse, restáuranse as que están deterioradas e realízanse outras novas. No ano 1966 coincidindo co 350 aniversario da morte de Cervantes e cando Segrelles xa ten máis de 80 anos sae á luz, por fin, este Quixote de Luxo. Serán  dous volumes que conteñen 106 ilustracións a toda cor e outras tantas a plumilla.

ILUSTRACIÓNS DE SEGRELLES




O NODO de 1966 anunciaba este evento singular.
Segrelles é sen dúbida un dos ilustradores españois más influíntes do século XX

A INFLUENCIA DE SEGRELLES NA ARTE ACTUAL


O QUIXOTE E AS VANGARDAS

As vangardas, os movementos artísticos que marcan a modernidade, non puxeron especial foco na obra do Quixote, aínda que existen excepcións.
En 1923 o alemán Walter Klemm  fai unha aposta renovadora utilizando un medio moi arcaico, a xilografía. Aínda que pareza un retroceso gráfico, os expresionistas alemáns utilizaron a xilografía como medio moi habitual para cartelismo e ilustración, pola súa immediatez e rotundidade, pola forza que adquiren as imaxes  grazas aos contrastes das luces e sombras. A min parécenme unhas ilustracións preciosas.
Kleimm ten tamén unha serie de ilustracións eróticas en litografía. A quen lle guste este tema gozará moito delas, son unha marabilla.

SERIE DE XILOGRAFÍAS DE WALTER KLEMM



Ilustracións de 1914, edición de 1923
Outra interpretación do Quixote faraa o francés Gus Bofa nos anos 20, que deixa o ideario da representación quixotesca coñecida, nunha sorte de ilustracións realmente orixinais. Estiliza as formas cun debuxo moi hábil en liña. Un debuxo que pon o foco na banda deseñada e dálle un aspecto estético máis desenfadado que todo o visto ata a data. Quizais os grandes amantes do quixotismo non gusten moito desta escapada da iconografía e o concepto do mesmo.

ILUSTRACIÓNS DE GUS BOFA




A publicación dos catro volumes deste Quixote esténdese de 1926 a 1927 e contén unhas 400 ilustracións de Bofa.

QUIXOTE SURREALISTA

O Surrealista André Masson realizou a súa propia interpretación do Quixote en 1935 nun cadro que titulou "Don Quixote e o carro da morte", pero foi Salvador Dalí o que incorpora o universo surrealista ás ilustracións do Quixote que realiza. A figura do Quixote préstase para esa interpretación.

Dalí era un voraz lector e os textos servíanlle de excusa para crear as ilustracións. Inspírase en Rabelais, ilustra os soños de Pantagruel cunha mirada posta en  Francois Desprez e imaxina as fábulas de La Fontaine cunha visión moi particular, pero a súa grande obra como ilustrador será o Quixote.


Visións pantagruélicas. Desprez S. XVI. Dalí. Anos 70

La Fontaine ilustrado por Dalí. Anos 70

O Quixote foi moi recurrente na obra de Dalí desde o ano 1925, cando realizou a primeira imaxe con este motivo para ilustrar un artigo que se publicou en 1927. Facendo un percorrido do seu imaxinario quixotesco podemos destacar as seguintes datas:

OS QUIXOTES DE DALÍ

En 1946 Dalí ilustra o Quixote para a tradución americana de Random House NY nunha serie de acuarelas e debuxos.


Edición de 1946 coa famosa imaxe do interior da cabeza do Quixote


En 1957 publica a edición parisina con Joseph Foret. A obra está realizada en litografía.



No ano 1964 para a revista italiana Tempo de Aldo Palazzi realiza unha serie de acuarelas co tema quixotesco que publicará semanalmente. Tamén aparecerán en España na revista Mateu no ano 1965.




E no ano 1977 realiza unha serie de acuarelas coa mesma temática.
Dalí non só ilustrou o Quixote, identificouse coa súa figura, por iso foi tan prolífico nesta temática.




OUTRAS LINGUAS: ESLOVENO

O Quixote será traducido a moitas linguas ao longo do século, entre elas o esloveno. A primeira tradución do Quixote a esta lingua foi en 1937 por Stanko Leven. O encargado da realización das ilustracións da edición foi Nicolaj Pirnat, coñecido pintor e ilustrador que acadou sona sobre todo como caricaturista. O traballo de Pirnat é cómico, irónico, pero tamén ten unha gran carga tráxica e logra transmitir mediante a interpretación sintética da liña toda a atemporalidade da obra.
No ano 2012 as dixitalizacións das ilustracións de Pirnat expuxéronse en varios centros de Castilla-La Mancha, dando a coñecer en España a obra deste autor.

ILUSTRACIÓN DE PIRNAT PARA O QUIXOTE






MÁIS EDICIÓNS EN ESPAÑOL

Son moitos os ilustradores que posteriormente ás vangardas ilustraron novamente este texto. Destacar en España a Teodoro Miciano, que realiza 432 imaxes a toda páxina para unha edición en catro volumes de 1947, e a Javier Clavo, que en 1985 elabora unha serie de gravados e debuxos, entre todos uns 180, para unha edición de luxo limitada e firmada.

Ilustración de Teodoro Miciano para a edición de 1947

O QUIXOTE DE JAVIER CLAVO. 1985





OUTRAS MIRADAS SOBRE O QUIXOTE. S. XXI

No ano 2005 Mingote realizou as ilustracións do Quixote para a Editorial Planeta. Son catro volumes nos que se seleccionan e recompilan as 400 ilustracións que Mingote foi elaborando para este texto desde a década dos 90.



E coa conmemoración do IV centenario do Quixote no mesmo ano 2005 tamén o Ministerio de Cultura e Deporte publicou unha edición moi especial, unha ollada actualizada desta obra desde a visión de ilustradores recoñecidos como Arnal Ballester, Gusti, Max, Pablo Amargo, Oscar Villán, e na que eu tamén tiven a honra de participar, "Miradas en torno al Quijote". Cada un dos ilustradores achega a súa linguaxe plástica co fin renovar e de seguir indagando nesta figura icónica da cultura universal. A variedade destas linguaxes plásticas vai desde a máis clásica, como fai Javier Serrano, pasando por unha visión máis vinculada ao mundo da banda deseñada, como aporta Max, á sinteticidade e potencia visual de Pablo Amargo ou o intimismo de Óscar Villán.

Na miña achega tomo a imaxe clásica do Quixote fronte aos muíños de vento, e establezo un diálogo de miradas onde os monstros móstranse compasivos avisando ao Quixote de que a violencia non é o camiño... e que ante semellantes criaturas o cabaleiro non ten nada que facer na loita. Daquela, cando realicei a ilustración, dábame por traballar moito as texturas xogando coas diversas técnicas para conseguir composicións que tivesen volume, de xeito que e as formas case sairan do papel, pero sen abandonar o elemental e o sintético das mesmas. Visto agora, prescindiría da imaxea do Quixote co cabalo, concentrando a composición nos monstros, na visión subxectiva do cabaleiro fronte aos muíños... intentando non quedar na foto fixa da escena e buscando unha imaxe máis ensoñadora.
De tódolos xeitos estou contento coa miña achega.
Oscar Villán

Max

Pablo Amargo

A miña achega para o Quixote




Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!