venres, 15 de maio de 2020

O Keum Boo [OURIVARÍA]

O Keum Boo ou Kum-Boo é un técnica coreana ancestral para a decoración de superficies que consiste na unión dunha fina lámina de ouro sobre unha base de prata, normalmente mediante calor e presión e sen soldadura.


Colar de Chao-Hsien Kuo 2017. Prata oxidada, keum boo ouro 24K

Na tradición coreana empregábase para decorar utensilios de prata
con superposición de láminas de ouro de 24 quilates, e
os motivos que se aplicaban transmitían desexos de boa saúde, riqueza ou lonxevidade.

Estes adornos situábanse no interior dos recipientes para que a comida tivese contacto co ouro e así poder asimilar as súas propiedades positivas antes de ser inxerida. 
Ao ouro dende o inicio da humanidade sempre se lle adxudicaron propiedades máxicas,
e ser o símbolo do poder, do sol, da vida, etc.
Estes obxectos empregados polas clases altas eran símbolo de riqueza e status, 
máis alá das súas "propiedades máxicas".

É unha técnica que se retomou nos anos 70 e que traspasou a xoiaría,
proporcionando belos acabados.

Pulseira de prata e ouro de Judith Neugebauer
Para realizar esta técnica teremos que ter rematada a peza de prata, despois se é posible se recoce e decapa entre cinco e oito veces para xerar unha capa de prata fina na superficie, 
debendo as pezas quedar cun perfecto branqueado. 

O seguinte paso será preparar a fina lámina de ouro,
laminándoa cos seus correspondentes recocidos ata que toquen os cilíndros,
para poñela aínda máis fina, laminarase entre dúas chapas de cobre ou papel vexetal.
Esta fina lámina para o Kum boo debe ter un grosor de entre 0,002 e 0,005mm, 
non serve para o caso o pan de ouro
porque ten un grosor inferior a 0,001mm chegando a 0,000001mm,
que sería demasiado fino.

Unha vez preparados os metais cortaríamos os motivos de ouro para adherir.
A unión faise por calor con temperaturas non superiores aos 370ºC, 
con soprete ou sobre unha placa eléctrica e aplicando presión cun brunidor de metal. 

Despois chegaría o acabado final, que normalmente é oxidando a prata con pátina,
para que o ouro destaque,
ou deixándoa branqueada, brillando algunhas zonas co brunidor,
ou coas gomas e mopas pequenas no torno de man. 

É un proceso laborioso e delicado pero achega uns belos acabados enriquecendo as nosas pezas. 

A seguir podedes ver dous vídeos moi didácticos sobre estes procesos, 
un aplicando a calor con soprete e o outro sobre a placa.





Aquí tedes algunhas pezas de artistas, 
o resultado sempre é orixinal e delicado.

Colar de Judith Neugebauer
Broche de Youngji Chi
Pulseira de Marcia Meyers


Pendentes de Andrea Roberts

Aneis de Jessica Briggs
Espero que vos guste e vos inspire!
Grazas por visitarnos ;D


Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!