mércores, 13 de maio de 2020

O personaxe Misterioso [Coiro]

Como sabedes, durante o segundo ano da nosa especialidade, o nivel Superior, no segundo trimestre, na nosa especialidade impartimos a materia complementaria de “Historia do Traballo do Coiro”, na que os alumnos van afondando na evolución do Coiro ó longo da historia e a súa evolución da man do ser humano.

Como traballo final deste trimestre cada un dos alumnos escolle ó azar un personaxe, ó que denominamos “Misterioso” e investiga sobre el e fai unha pequena presentación ó resto dos seus compañeiros. Isto que parece doado ten a súa dificultade xa que non é doado atopar nun só lugar a información que buscamos, dado que o recoñecemento público a estes personaxes dedicado ó Coiro non existe e moitas veces hai que chamar por telefono ou poñerse en contacto por outros medios con coñecidos do personaxe para poder obter algun dato.

Publicamos hoxe un pequeno cuestionario cuberto por cada alumno de nivel superior que realizou esta investigación. Este ano ademais contamos con dúas novas categorías xa que dous alumnos realizaron un mapa do Coiro, buscando puntos de interese a nivel estatal, e outro alumno realizou un glosario de termos técnicos e ferramentas.

A ver que vos parece....

Javier e Paula.
Museo do Coiro de Allariz
-En que consiste o voso traballo?
-Consiste no desenvolvemento dun mapa analítico-temático collendo aspectos do coiro como base de referencia.
Así, foi deseñado a modo de guía, ensinando o seu carácter con obxectivos divulgativos e didácticos, cunha clara finalidade instrutiva.
Esta guía estruturouse dun xeito no que o lector obtén unha visión xeral, tanto dos aspectos divulgativos (museos), como os formativos en todas as súas variantes: artesá, profesional, universitaria e ocupacións relacionadas coa axenda do 2030.
O noso traballo consiste nunha guía aberta e editable de xeito que este primeiro acercamento realizado con información da rede permitirá nun futuro unha edición corrixida e aumentada por parte do alumnado con información gráfica e de investigación solicitada que lle dea propiedade, balance e unidade ao conxunto.

-Coñecías os puntos de interese antes de facer o traballo?
-Non, só fixemos unha visita ó museo de Allariz.

-Por que cres que o teu traballo estaba na lista de interese?
-O interese resulta obvio, xa que ofrece unha ampla visión con inquedanzas para coa actividade, dende os aspectos culturais e de formación.

-Que é o que máis che gustou de facer esta investigación?

-A posibilidade de expoñer o inicio dun proxecto colectivo, un traballo aberto que se enriqueza sucesivamente con achegas futuras do alumnado, a partir de visitas persoais ou colectivas. Tamén a experiencia de traballar en grupo resultou gratificante.

-Que é o que máis te chamou a atención?
-A grande diferenza de información das identidades catalás respecto ó resto de España. Tanto por actividades e divulgación, contido dos seus museos, como nos aspectos formativos, xa que é a única comunidade que ofrece un nivel superior de ensinanza.
Tamén no chamoun a atención o completo e desenvolvido Museo do Bolso (Alacante) a pesar de funcionar de momento só de xeito virtual.

-Que punto de interese te gustaría visitar?
-Gustaríanos visitar o Museo da Pel de Igualada e o Leather Cluster de Barcelona.


Ana C.

Don King. Shoptalk Magazine
-Quen é a personaxe que che tocou?
-Don Kin.

-Coñecíalo antes de investigar sobre el?
-No.

-Por que cres que estaba na lista de personaxes de interese?

-Por crear o seu propio estilo floral tallado e facer cadeiras de luxo personalizadas, fortes, cómodas e funcionais coma se fosen esculturas cosidas en capas perfectas e talladas en coiro coma se estivesen gravadas.

-Que é o que mais che gustou de el?
-Gustoume máis: o seu talento e xenerosidade para ensinar a outros xa que todos os que seguen facendo cadeiras en Sheridan hoxe traballaron con el ou para el.

-Que é o que máis te chamou a atención sobre a súa obra?
-Cando, de mozo, rexeitou o traballo que lle ofreceu o máis famoso fabricante dos Estados Unidos, Edward Bohlin, na época das películas occidentais americanas, e elixiu desenvolver a súa propia idea e estilo de labrado.

-Se puideses telo cara a cara, que lle preguntarías? Por que?
-O que máis me chama a atención sobre o seu traballo: as cadeiras/trofeos para entregar aos gañadores do NFL (campionato nacional de rodeo) e como podería facelos para cada edición se tarda tanto en facer unha cadeira.


Sandra

-Quen é o personaxe que che tocou?
-O meu personaxe é Bernier Soldevilla, Rafael. Nado en La Carlota (Córdoba), 22/11/1894, con data de falecemento o 21/05/1969, en Córdoba.
Licenciouse como perito aparellador e foi profesor de debuxo na Escola de Artes e Oficios cordobesa durante mais de corenta anos, acadando tal prestixio o seu maxisterio que os seus alumnos foron solicitados polos principais arquitectos e empresas.

-Coñecíalo antes de investigar sobre el?
-Non, a verdade é que foi un gran descubrimento.

-Por que cres que estaba na lista de personaxes de interese?
-Creo que estaba na lista porque, ademais de profesor de debuxo, foi restaurador e repuxador do coiro, tanto en cordobáns como en guadamecís.
O seu profundo amor ao pasado e ás súas tradicións levouno a recuperar a perdida tradición da decoración e repuxado do coiro cordobés, para o cal viaxou a París en 1920, onde investigou sobre este particular durante algúns meses.
A súa técnica tan depurada e a súa especialización na confección de pergamiños e miniaturas fixeron que a súa fama se expandise, recibindo encargos das máis altas autoridades civís, eclesiásticas e profesionais.

-Que é o que máis che gustou de el?
-Gustoume a súa versatilidade. Foi un estudoso da arte en xeral e da arquitectura cordobesa en particular. Dirixiu a restauración de numerosos pazos e casas e participou, ademais, como colaborador do seu amigo e prestixioso arquitecto Félix Hernández na restauración de monumentos tales como Medina Azahara ou a mesquita de Córdoba.

-Que é o que máis te chamou a atención sobre a súa obra?
-Aparecen poucas imaxes dos seus traballos en internet, pero chamoume moito a atención a precisión dos seus traballos, xa que conteñen moitos detalles en miniatura.
Un exemplo é este cordobán que forma a tapa deste álbum, onde se recolle o anteproxecto das bases dun estatuto de autonomía para Andalucía, realizado en 1933.

-Se puideses telo cara a cara, que lle preguntarías? Por que? 
-Se tivese a ocasión de coñecelo, preguntaríalle os segredos da súa técnica tan depurada, as ferramentas, tintas e materiais empregados nos seus traballos. O porque é obvio, a adquisición de novos coñecementos para a autoaprendizaxe.


José Lapayese. Miscelanea Turolense.
Ana D.

-Quen é a persoa sobre a que che tocou investigar?
-Chámase José Lapayese Bruna. Foi un pintor – escultor e artista polifacético que naceu en Calamocha (Teruel) no 1899 e faleceu en Madrid no 1982.
Formouse na Escuela de Artes y Oficios de Zaragoza entre os anos 1913-1918 e traballou como aprendiz no obradoiro dos Albareda na mesma cidade. No ano 1919 continuou a súa formación na Escuela de Bellas Artes de San Fernando de Madrid, obtivo o carné de copista do Museo do Prado e montou un pequeno obradoiro de restauración na Plaza Santa Ana. Entre o 1927-1929 viviu en París, onde coñeceu as novas correntes artísticas.
A partir do ano 1929 viviu en España. Primeiro en Madrid, onde a súa obra foi premiada con varias medallas de ouro; é a partir de aquí cando comezaron as exposicións da súa obra tanto en España coma no estranxeiro. No 1939, despois de pasar as penurias da Guerra Civil, exerce de novo a restauración e a decoración traballando para a Biblioteca Nacional e para as casas e palacios das mellores familias, chegando a ser coñecido como o Restaurador da nobreza. Tamén exerceu nestes anos como docente na Escuela de Artes y Oficios de Madrid.
Dirixiu a decoración xeral da casa-palacio de Bartolomé March, onde hoxe se atopa a Fundación que leva o seu nome (Palma de Mallorca), e colaborou en diversas decoracións como na do Val dos Caídos ao carón de dous dos seus fillo Ramón e José Lapayese del Río.
No 1964 funda o Museo del cuero de Cordobanes y Guadameciles en Inca (Mallorca). Posteriormente regresa a Barcelona para retornar novamente a Madrid e proseguir os seus traballos artísticos e de restauración.

-Coñecíalo antes de facer este traballo?
-Non.

-Por que cres que estaba na lista de persoas de interese?
-Porque entre a diversidade da súa obra se atopan importantes pezas de coiro como guadamecís e cordobáns. O nome de guadamecil vén da primeira cidade onde os árabes estableceron as fábricas para traballar o coiro dunha forma particular e o nome de cordobán procede de Córdoba, sede dos obradoiros de repuxado en coiro máis importantes da España musulmá.
A partir do século XVIII, a industria do coiro deixou de estar de moda na Corte así que a maior parte dos talleres de cordobáns pecharon. José Lapayese Bruna reuniu unha colección de guadamecís antigos e decidiu revivir técnicas antigas formando no seu obradoiro de Madrid unhas serie de alumnos que popularizasen de novo o cordobán. As técnicas que usaban Lapayese e os seus discípulos eran as mesmas que os antigos artesáns persas, árabes e españois utilizaron ao longo dun milenio: tallado, gravado, repuxado, rebaixado, estampado, ferreteado, dourado e pintado, recortado e pespuntado. Habitualmente realizábanse en pel de cabra e, no menor dos casos, en pel de vaca xa que era un material máis forte que permitía facer incrustacións de fragmentos e/ou incisións

-Que é o que máis che gustou del?
-Seguro que me falta por ver a meirande parte da súa obra e da pequena parte da súa obra que tiven ocasión de coñecer hai moitas cousas que me gustan; por pór algún exemplo, destaco estas dúas: Os cordobáns e os guadamecís e a pintura sobre táboa.

-Que é o que máis te chamou a atención da súa obra?
-A enorme cantidade de materiais e técnicas que sabía traballar, xa que ademais dos xa nomeados cordobáns e guadamecífs, tamén facía talla de madeira, pintura sobre táboa, murais sobre táboa e sobre cemento, restauracións de imaxes policromadas e táboas primitivas, ocasionalmente resaturación de mobles antigos e elementos de ornamentación arquitectónica, deseño e creación de ambientes, estucos e lacas, escultura e escultopintura, e esmalte e cerámica esmaltada.

-Se tiveses a ocasión de falar con el, que che gustaría preguntarlle e por que?
Gustaríame saber cal é o material e/ou técnica preferida e cales son as pezas da súa obra que máis lle gustan e por que. Tamén me gustaría saber que influencia tivo o contexto socio-político que lle tocou vivir na súa obra.


Santiago.
Serge Volken
-Quen é a persoa sobre a que che tocou investigar?
-Serge Volken

-Coñecíalo antes de facer este traballo?
-Non, en absoluto, nin a el nin a ningún outro artesán internacional do Coiro.

-Por que cres que estaba na lista de persoas de interese?
-Pola súa obra e os sus traballos innovadores en Coiro.

-Que é o que máis che gustou del?
-Tanto os deseños de cinturóns coma os asentos de motocicleta.

-Que é o que máis te chamou a atención da súa obra?
-Os deseños de textura orgánica.

-Se tiveses a ocasión de falar con el, que che gustaría preguntarlle e por que?
-Como é que o deixou todo para dedicarse ó coiro en corpo e alma... porque, penso que é moi complicado gañar a vida neste mundo da artesanía do Coiro.


Marta.
Felipe Prieto. Lne.es
-Quen é a persoa sobre a que che tocou investigar?
-Felipe Prieto García.

-Coñecíalo antes de facer este traballo?
-Non.

-Por que cres que estaba na lista de persoas de interese?
-Pola súa relevancia á hora de defender, ante outras, a metodoloxía e os procesos máis puristas do oficio de artesán do Coiro.

-Que é o que máis che gustou del?
-A súa personalidade como artesán, creativa, multifacética e humanista. Ademais de como se fragua a súa traxectoria laboral, grazas ás súas inquietudes culturais que o levan a vivir do oficio do coiro nun entorno administrativo sociolaboral que infravalora e deosta os traballos artesáns, creativos e culturais.

-Que é o que máis te chamou a atención da súa obra?
O coidado á hora de escoller as materias primas para a confección dos produtos.


Pepe. 
Ferramentas para a decoración do Coiro.
-En que consistiu o teu traballo?
-O meu traballo consistiu en buscar información sobre a corioplastia, nome que agrupa as diferentes técnicas de decoración do coiro.

-Coñecías todas as técnicas expostas no traballo?
-Sinceramente non. Coñecía moitas delas, pero non todas. Algunhas son especialmente relevantes e requiren dunha gran aprendizaxe para poder levalas a cabo.

-Por que crees que o teu traballo estaba na lista de intereses?
-Porque a corioplastia é esencial e altamente relevante na terminación dunha peza de coiro. Onde se demostra o grao de coñecemento extremo de cada unha das técnicas.
-Que é o que máis che gustou desta investigación?
-En ocasións a diferenza de criterios aplicados nalgunhas técnicas e a nomenclatura xeralmente cambiante en pequenos matices. Tamén me gustou ver traballos realizados con cada unha das técnicas.
-Que é o que máis te chamou a atención?
-O feito de que algunhas técnicas son practicamente inexistentes debido á súa complexidade e á gran cantidade de tempo que leva, co cal subiría o prezo final do produto.
-Que técnica te sorprendeu máis?
-A min, persoalmente, pola súa complexidade, o policromado. Onde non soamente se traballa o coiro, senón tamén as diferentes cores empregadas.


Ricardo.
Tony Laier
-Quen é a persoa sobre a que che tocou investigar?
-Tony Laier

-Coñecíalo antes de facer este traballo?
Non, en absoluto, non tiña lido nin escoitado nada da súa persona.

-Por que cres que estaba na lista de persoas de interese? Quero pensar que unha persona vencellada ó mundo do coiro e agasallada co premio Stohlman merecería do noso interese por coñecer as suas vivencias e inquietudes.

-Que é o que máis te chamou a atención da súa obra?
-O que mais me chama a atención non é a súa obra en si, senón que a maiores dunha capacidade tfécnica e artística excepcional soubo e tivo o máximo interese en partillar e transmitir á vez os seus coñecementos e capacidades.

-Se tiveses a ocasión de falar con el, que che gustaría preguntarlle e por que?
Se puidese ter un cara cara cunha persona da súa categoría, gustaríame saber que cousas o levaron a entrar no mundo do coiro e facer deste un horizonte de vida. Tanto de vida profesional como personal xunto á compañeira, porque penso que esa é unha decision dunha importancia capital no desenvolvemento vital.


Maica.

- Quen é o personaxe que che tocou?
-O artesán Juan Ignacio Martínez Esco, nado en Zaragoza o 6 de xaneiro de 1946. De maneira autodidacta iníciase no debuxo, a pintura e a composición plástica, reforzando estes coñecementos con etapas de traballo en estudos de deseño na cidade de Zaragoza.
En 1970 trasládase a Barcelona onde compaxina a súa formación coa realización no campo do deseño e creación plástica.
En 1978 empeza a elaborar obra e dar a coñecer os seus traballos, e investigar cun material pouco usado neste tipo de obra, como é o coiro. Este artesán autodidacta foi descuberto nun mercadillo ao aire libre de Eivissa, foi tal a impresión das súas obras, que lle propuxeron desde a Escola de Igualada facilitarlle os materiais necesarios para a realización das súas obras para despois facer unha Exposición das mesmas.
Exerceu como profesor da Escola Municipal D´Art Gaspar Camps de Igualada.

- Coñecíalo antes de investigar sobre el?
-Non

- Por que cres que estaba na lista de personaxes de Interese?
-Porque a súa forma persoal de traballar supuxo un concepto novo do artesanal, pola súa orixinalidade e atrevemento, tanto das ideas e motivos, como pola técnica e estilos (árabe, mudéxar, gótico).

- Que é o que máis che gustou del?
-As obras que expuxo na súa exposición “Coiros”:  lámpadas de mesa, cofres, taboleiros de xadrez, tabaqueiras, xoieiros, escritorios, etc., en todas as súas técnicas e estilos (árabe, mudéxar, gótico), murais e tapices, executados estes coun concepto novo do artesanal, tanto pola orixinalidade e atrevemento das ideas e motivos como pola técnica. Os tapices rompen totalmente coa tradición. Tamén me gustou que era unha persoa autodidacta e manifestábao nas súas obras.

- Que é o que máis te chamou a atención da súa obra?
Os seus tapices (rompen totalmente coa tradición) e obxectos repujados-trenzados (lámpadas de mesa, cofres, taboleiros de xadrez, tabaqueiras, xoieiros, escritorios, etc.) sorprenden pola súa exquisita realización técnica e o seu barroquismo.

- Se puideses telo cara a cara que lle preguntarías? Por que?
-Por que houbo un cambio tan drástico das obras que expuxo na súa primeira exposición “Coiros” ás obras da súa última exposición “Cavas”? Por que o cambio foi tan drástico que non parecía o mesmo artesán?
Porque a impresión que deixou na súa última exposición “Cavas” foi moi distinta ao que el tiña afeito á xente, chocou moitísimo, a xente que quería comprar algunha obra súa, atopouse que dera un cambio importante na súa liña (non tivo o éxito ou a aceptación que tiveron exposicións anteriores).


Sonia
Robert Beard

- Quen é o personaxe que che tocou?

-Robert Beard.

- Coñecíalo antes de investigar sobre el?
-Rotundamente non.

-Por que cres que estaba na lista de personaxes de Interese?
-Creo que é un gran mestre cunha gran bagaxe e recoñecemento no gremio, posuidor entre outros dun premio Aa Stohlman, que se fixo a si mesmo, autodidacta e creador de ferramentas…

-Que é o que máis che gustou del?
-Resultou ser unha persoa moi amigable, accesible e xenerosa; se necesitas algo, sen coñecerte de nada, bótate unha man.

-Que é o que máis te chamou a atención da súa obra?
-Que foi capaz de crear as súas propias ferramentas (hai que lembrar que viviu só nun pantano) e de manexalas con sobrada destreza incisando e labrando o coiro.

-Se puideses telo cara a cara que lle preguntarías? Por que?
-Coñecéndome a min mesma non me atrevería a preguntarlle nada, véxoo como alguén grande ao meu lado no que ao coiro se refire, pero si o escoitaría e observaríao atentamente, e tería moita curiosidade por ver as súas ferramentas de traballo, a súa obra, e velo traballar nunha masterclass ou ir a unha das súas clases.


Verónica
Peter Main. Pinterest
-Quén é o personaxe que che tocou?
-Peter Main, é un artesán do coiro australiano e actualmente reside en Texas.

- Coñecíalo antes de investigar sobre el?

-Non, non o coñecía, o mundo do coiro é moi extenso e aínda me queda moito por descubrir.

-Por que crs que estaba na lista de personaxes de interese?
-Considero que é un artesán do coiro destacable debido á súa ampla taxectoria a nivel mundial e á súa obra.

-Qué é o que mais che gustou del?
-Gustoume que os seus deseños se inspiran na natureza, ademais da sutileza coa que emprega as cores nas súas pezas.

-Que é o que máis te chamou a atención da súa obra?
-Chamoume a atención a súa forma de traballar con pezas en pequena escala, repuxadas, labradas e dándolles volume. Despois, recórtaas e úneas. Creando desta maneira unhas composicións marabillosas.
O seu taballo é moi amplo debido á súa diversidade da aplicación das técnicas.

-Que lle preguntarías se o tiveses cara a cara e por que?
-O primeiro daríalle os parabéns polo seu traballo.
Logo preguntaríalle como conseguiu entrar neste marabilloso, pero á súa vez complicado mundo da artesanía.
Preguntaríallo porque é un referente a nivel mundial con moitos anos de experiencia, penso que os seus consellos e vivenzas axudaríannos a todos os que esteemos intentando formar parte deste mundo.


Paco

Ann y Al Stohlman. Wikipedia
- Quen é o personaxe que che tocou?
- Al Stohlman.

- Coñecíalo antes de investigar sobre el?
- Realmente non, tiña anotado o seu nome no meu caderno de apuntamentos, pero non lera nada sobre el.

- Por que crees que estaba na lista de personaxes de Interese?
- Porque máis que “un” referente, é “o” referente, tanto no mundo da artesanía do coiro como no da docencia do mesmo.
Ao meu entender, se só puidefse coñecer ou estudar un personaxe, debería ser el, que queréndoo ou non, foi o precursor do ensino da artesanía do coiro.

- Que é o que máis che gustou del?
- A forma rápida, emocional e intuitiva na que toma as súas decisións:
Licéncianse no exercito trala II Guerra mundial e instálase nunha cabana que fai nun galiñeiro abandonado.
Coñece á que será a súa muller na primavera do 63 e casa con ela no mes de agosto dese ano.
Múdase a Los Ángeles, traballa dous anos para Craftool Co., logo múdase a un rancho en Hemet, California, onde se converte nun artista independente.
Non parece custarlle moito tomar decisións, e contrariamente ao dito galego de "pedra movediza non cría brión", este home fíxose un oco na historia do coiro.

- Que é o que máis te chamou a atención da súa obra?
- O que mais fme chama a atención das súas creacións é que narran historias, contan algo, creo que o detallismo das mesmas transcende o soamente estético, e ensina unha realidade que el quere mostrar.
Vendo "The Brush Popper", cadro de coiro, cuxo labrado levoulle máis de dous meses, pódense apreciar, velocidade, forza, fuga, loita, natureza ...

-Se puideses telo cara a cara que lle preguntarías? Por que?
- Creo que a pegada que recibes na túa infancia márcate o resto da túa vida; na súa nenez Al Stohlman debuxaba todo o que vía, e isto acompañouno sempre. En YouTube pódense ver os debuxos das “accións bélicas” das que foi testemuña sendo mariñeiro na segunda guerra mundial.
A miña pregunta sería:
¿Vostede é un debuxante que utiliza o coiro como medio de expresión, ou pola contra é un artista do coiro que utiliza o debuxo como unha ferramenta mais?
Faríalle esta pregunta porque en ocasións un artista coñécese por unha faceta, poño por caso a Leonard Cohen, ao que todo o mundo coñece como cantante, cando o que realmente era é poeta, aínda que descubriu na illa de Hidra, cando vivía alí con Marianne, que da poesía malamente se vivía, pero que se cantaba as súas poesías os ingresos crecían e mesmo se podía subsistir.

1 comentario:

¡Anímate a participar cos teus comentarios!