luns, 25 de maio de 2020

CIEC [SERIGRAFÍA]


Moito falamos no obradoiro da Fundación CIEC e da sorte de ter o Centro Internacional da Estampa Contemporánea en Galicia. O CIEC é unha plataforma onde concorren creación, exposición, investigación e formación da man de artistas consagrados, novos creadores e público, situado no casco histórico de Betanzos. Trátase dunha fundación privada creada o 7 de Abril de 1997 froito da teima do artista Jesús Núñez co obxectivo de promocionar e difundir as artes plásticas en xeral e a arte gráfica en particular.

“Un Centro-Museo Vivo, onde o nacemento e desenvolvemento da obra gráfica está representado dun xeito diáfano a un gran nivel didáctico, teórico, visual e práctico” (Jesus Nuñez)

A Fundación CIEC realiza numerosas actividades e iniciativas entre as que destacan a formativa e a expositiva. A organización de cursos e talleres ao longo de todo o ano e a creación no 2003 do Máster da Obra Gráfica fálanos da importancia desta actividade así coma do número de profesoras/es, artistas e estudantes que teñen participado e o seguen facendo. A exhibición dos fondos da Colección, a realización de exposicións temporais, as visitas guiadas e as visitas didácticas para centros formativos e público en xeral, os talleres para nenas/os e a asistencia a feiras de arte contribúen notablemente ao mellor coñecemento e difusión da arte gráfica e das/os artistas. A isto hai que sumar as publicacións, edicións, conferencias, presentacións de libros, concertos e demais eventos que converten á Fundación CIEC nun referente da Gráfica contemporánea. Dende 2006 recoñécese  este labor e a do seu Presidente coa creación do Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez que convoca a Deputación da Coruña.


A Colección da Fundación CIEC ofrece unha ampia visión da gráfica contemporánea, dende as linguaxes máis realistas á abstracción, variantes que se acentúan pola diversidade de técnicas na consecución dunha estampa.
Nela atópanse representadas/os grandes mestras/es que ceden relevo a artistas consolidadas/os e a novas/os creadoras/es formados nos talleres do centro ou nas facultades e escolas de arte de todo o mundo. Barjola, Canogar, David de Almeida, Genovés, Jordanov, Gabriella Locci, Antonio Lorenzo, Maruja Mallo, Picasso ou Saura son só un exemplo das súas máis de 3000 obras.
Esta importante Colección segue a ampliarse cada ano grazas á xenerosidade de moitas/os artistas e ao programa expositivo que desenvolve o equipo do CIEC ao longo do ano. Especial atención merecen pola importancia do seu autor e número de estampas as salas Amadeo Gabino, François Maréchal, Jesús Núñez e Luis Seoane.
Se premes neste enlace podes consultar as actuais exposicións. 

 En 1997 Jesús Núñez funda na súa casa natal de Betanzos, aportando equipamento e parte da súa colección particular, así coma un importante número de gravados da súa autoría. Esta Sala que leva o seu nome mostra dende as súas primeiras obras feitas no Berlín de 1952 ata as súas obras máis recentes, manténdose aínda en activo e pleno de enerxía creadora. o conxunto de máis de cen obras é a maior colección que se pode visitar deste importante gravador galego.
Jesús Núñez compartiu a súa experiencia creativa con profesionais e estudantado nos numerosos cursos que impartiu, moitos deles son hoxe artistas destacadas/os no mundo da gráfica e profesoras/es desta disciplina, o que proba a importancia da docencia na vida deste creador.

 "A obra gráfica constitúe un pilar fundamental da creatividade de Jesús Núñez, tanto pola importancia da súa pezas como polo dilatado da súa traxectoria. Pódese dicir que a estampa é a verdadeira vocación do artista, o seu amor por este medio de expresión materialízase nunha ampla produción con presenza en museos e coleccións privadas e na creación da xa citada Fundación CIEC, Centro Internacional da Estampa Contemporánea, así como nos numerosos cursos impartidos. Quizais este xénero sexa o máis coñecido da súa produción, levando a obra gráfica a cotas de investigación e creación únicas. Trata a cada serie, sempre de curta tirada, con mimo xa que é o mesmo autor quen realiza o tiraje da mesma controlando todos os estadios da produción. O dominio técnico permite esquecerse dos medios para centrarse nos fins, na obra en si mesma, nas súas cores e formas. Atopámonos ante un creador e investigador nato. Con independencia do soporte no que traballe: lenzo, papel, bronce, madeira, ouro..., e a escala na que se mova, desde o gran formato da obra pública aos colgantes de ouro, transmítenos o impulso vital dun artista que non se esgota, que sempre sorprende." Pedro Galilea.

Os cursos que se imparten no CIEC son de técnicas gráficas tradicionais e as súas derivacións, así coma as derradeiras tecnoloxías aplicadas á estampa. Están impartidos por eminentes profesoras/es e artistas, estando dirixidos a licenciadas/os e/ou estudantes de Belas Artes, Facultades ou Escolas de Arte, artistas e estudantes dos diferentes campos artísticos. Os principais cursos son de xilografía, litografía, calcografía e serigrafía. 
En Serigrafía  traballan a técnica de estampación dende múltiples perspectivas. Tras unha introdución teórica pásase á práctica e traballo sobre a pantalla, ben por procedementos manuais: obturación directa ou mediante modelos ou ben por procedementos mecánicos: mediante emulsións fotosensibles e o seu posterior insolado e revelado. Rexistros de cor, superposicións cromáticas mediante bases transparentes, novas tecnoloxías: fotografía, electrografía e procesos dixitais, selección de cor por ordenador, etc., iranse debullando de forma práctica para poder ser realizados por cada alumno/a nos traballos de seu.
Impartiron estes cursos artistas e profesores como Soledad Barbadillo, José Carrasco, Mariano Durante, Héctor Francesch, Erik Kirksaether, Alberto Marci ou Manuel Silvestre, entre outros.

A continuación, algunhas imaxes de hai dous anos da visita do alumnado da Emao ao CIEC. Saúdos a Jesús, María e Pedro. Esperamos repetir!:



Ánimo, saúde e moita tinta!

2 comentarios:

  1. Qué suerte tiene Galicia de tener el CIEC! Estuve de visita aprovechando una estancia en Coruña y me he quedado con muchas ganas de ir a un cursillo de verano!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A verdade e que sí que é unha sorte ter en Galicia a posibilidade de traballar con grandes mestres e poder acceder a interesantes exposicións. Graciñas Martine por comentar, un saudo!

      Eliminar

¡Anímate a participar cos teus comentarios!