venres, 29 de maio de 2020

FMR. A Revista Máis Bela do Mundo [BIBLIOTECA]



Hai uns meses recibimos de mans da prestixiosa bibliotecaria Carmen Pérez Pais, a doazón dos primeiros 40 números dunha revista mítica, FMR. Desde aquí agradecémoslle este precioso agasallo.
A revista publicara o seu primeiro número en 1982 en Italia e foi posteriormente editada en inglés, francés e alemán. En 1989 publícase o primeiro número da edición española que se imprime en Barcelona en colaboración coa editorial Ebrisa. O seu editor Franco Maria Ricci púxolle o slogan: A revista máis bela do mundo. O certo é que era unha revista de arte diferente, exquisita, cunhas fotos fantásticas, e unha evidente inclinación pola arte italiana. Respiraba exclusividade no seu continente e no seu contido, os seus subscritores recibíana cunha periodicidade bimensual nunha solemne embalaxe negra cuberta de trevos grises.



Definida polo seu editor como un "símbolo do espírito cosmopolita" e concibida, sen falsa modestia, "como pezas para coleccionar nos museos", presentaba importantes estudos iconolóxicos e históricos, achéganos ás pintoras Tamara de Lempicka, Artemisa Gentileschi, ao tipógrafo Bodoni, aos códices medievais ou á relación entre arte e artesanía.



En palabras do seu editor... Durante anos FMR acubillou esfinxes, hipogrifos, labirintos, cabezas cortadas, grutas renacentistas, pagodes, códigos esquecidos, hipoxeos misteriosos, xardíns fantásticos, chafarices alegóricos, danzarinas Qajar, diagramas tántricos, turquerías, anatomías abertas, dianas manieristas, bancos alquimistas, trompe-l'oeil, figurines de moda, animais heráldicos, máquinas utópicas, anxos, diaños, panteras déco, vaidades preciosas, vía crucis barrocos, unicornios, slot- machines, arquitecturas visionarias, leóns hidráulicos... 
 
Nas súas páxinas publicaron firmas tan importantes como José Saramago, Umberto Eco, Italo Calvino, Julio Cortazar, Federico Fellini, etc.
Franco Maria Ricci explícanos que elixiu as súas iniciais FMR para darlle nome á súa revista como Ferrari chamara Ferrari aos seus automóbiles, esta elección que podería parecer presuntuosa, contiña unha parte de ironía. Lido en francés o tigrama FMR soa ephémère, é dicir efémero, de vida breve. As revistas son efémeras por natureza. Así foi como despois dunha traxectoria de 27 anos publicou o seu último número en decembro do 2009.

Espero que cando se superen as restricións impostas pola crise do Covid-19, poidades gozala como merece.

3 comentarios:

¡Anímate a participar cos teus comentarios!