mércores, 13 de maio de 2020

Exercicio - O ritmo e a acumulación [OURIVARÍA]


Esta nova proposta de exercicio é para tódolos grupos,
é un exercicio de deseño, composición e creación con papel,
para o cal imos explorar as posibilidades que nos ofrece a acumulación de elementos e o ritmo visual.

Aneis de prata de Ute Kolar
Ritmo
Cadencia producida polo ordenamento de elementos diferentes, implica unha sucesión ou repetición transmitindo tamén a sensación de movemento.



Colar de Sam Tho Duong. Prata oxidada e perlas.

Acumulación
É o agrupamento de elementos dentro dunha composición seguindo unha orde, un ritmo,
interactuando e relacionándose entre eles e coa súa contorna.
O elemento repetido pode ter pequenas diferenzas de cor, tamaño, forma, etc.
As variacións dun mesmo elemento posúen un atributo común
e baséanse en similitudes de forma, tamaño, textura, cor, ton, etc,
xeran unha unidade, achegan textura e transmiten sensacións visuais.

Estes elementos da creación artística son un recurso habitual que forma parte da creación compositiva en moitas pezas de ourivaría.
Algúns artistas fan deles o seu modo de expresión, como é o caso de Junko Mori,
da que falamos no artigo anterior que podedes consultar AQUÍ.



Pezas de Junko Mori

PROPOSTA DE EXERCICIO

Ritmo e acumulación

Observando o traballo de Mori e o modo de crear desta artista ocorréuseme que podíamos 
construír unha peza libre; non ten por que ser unha peza de xoiaría, pode ser un obxecto escultórico, empregando como material o papel. 
Materiais: 
  • Papel, de calquera tipo, branco ou de cor. 
  • Tesoira ou coitela para dar forma ao material.
  • Pegamento universal, de barra ou o que teñades, para unir os distintos elementos.

Tedes que cortar elementos básicos similares e repetidos, 
que poden ser dun mesmo tipo ou de varios tipos distintos, 
que se irán unindo entre eles ou a unha base para xerar esa composición volumétrica.
Imos crear improvisando, engadindo elementos, cubrindo toda a superficie, 
hai que lograr ese horror vacui.


Construín como exemplo esta pulseira toda chea de elementos;
empreguei tres clases de formas, que repetín con lixeiras variacións de tamaño e forma. 





Non é a primeira vez que pido crear unha peza con papel, na proba de acceso para o curso extraordinario requiríase a construción dunha pulseira que tivese elementos volumétricos 
totalmente construída con papel, e como ferramentas tesoira e pegamento. 

Aínda que o obxectivo neste caso non era o seu paso ao metal, 
algunhas delas chegaron a materializarse con éxito durante o curso,
e vouvos pór como exemplo unha delas que tamén xoga coa repetición e a acumulación, 
e a pulseira de Henar Quintas.



O bosquexo en papel era unha banda á que se unían parellas de mans perpendiculares 
que enchían toda banda arredor do brazo. 
Desa idea inicial Henar decidiu construír unha estrutura ríxida de prata 
con forma de escaleira, a ela uníronse mans de prata e de coiro cru tinguido, 
ensamblándoas por remache a unhas charnelas, 
todas con mobilidade de esquerda a dereita,
creando un efecto de aplauso. 


É unha pulseira moi orixinal e divertida, 
que está moi ben pensada e construída, 
a idea é xenial. 

Pulseria de prata e coiro cru tinguido. Henar Quintas.

 Espero que vos guste a proposta, que vos animedes a crear o voso obxecto,
pulseira, colar, pendentes, etc.
Xa sabedes que podedes enviar as imaxes das vosas obras ao correo
sandra.dejesus@vigo.org

Moitas grazas ;D

4 comentarios:

  1. Un exercicio moi interesante son estupendas as propostas que fas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas ;D a min encantanme as de encaixe penso que ainda que parezan especialidades moi afastadas, temos moito en común.

      Eliminar

¡Anímate a participar cos teus comentarios!