Continuamos coas entradas dedicadas ao fondo histórico da nosa biblioteca. Hoxe veremos algunhas obras curiosas, algunhas delas saíron dos talleres dos mellores impresores españois do século XVIII (Joaquín Ibarra e Benito Monfort entre outros). Como introdución sinalar que neste século créanse as seguintes institucións:
- A Biblioteca Nacional, en 1711.
- A Real Academia Española, fundada en 1713 por Juan Manuel Fernandez Pacheco e Zuñiga.
- A Real Academia da Historia, que se inicia oficialmente no ano 1738.
A imprenta española renóvase na últimas décadas deste século grazas ás
medidas protectoras de Carlos III e á actividade de notables talleres
como a Imprenta Real.
Vexamos algunhas obras
Flora española ó Historia de las plantas que se crían en España / su autor D. Joseph Quer . 1762-1764. 4 v.
José Quer e Martínez foi botánico e cirurxián. Ao desenvolver a súa profesión médica dentro do Exército, puido percorrer varias rexións españolas e participar en diversas campañas por Italia e polo norte de África. Froito desas expedicións e viaxes foi a recompilación dun monumental herbario, que anos máis tarde, en 1755, axudaríao a crear o Real Jardín Botánico de Madrid. En 1762 emprendeu a publicación da súa «Flora española ó Historia de las plantas que se crían en España», da que só alcanzou a publicar catro volumes e que quedou
inconclusa á súa morte e foi continuada por Casimiro Gómez Ortega. A obra conta con numerosas láminas de gravados calcográficos.
Elementos de toda la architectura civil : con las mas singulares observaciones de los modernos / impressos en latin por el P. Christiano Rieger, de la Compañia de Jesus ... , los quales, aumentados por el mismo ; da traducidos al castellano el P. Miguel Benavente... Madrid : por Joachin Ibarra, 1763
Esta obra converteuse nun dos principais referentes da renovación da
teoría da arquitectura na España de Carlos III, onde o pensamento
arquitectónico español comeza a cambiar radicalmente, a arquitectura xa
non é concibida nin difundida como a práctica dun oficio, senón que é
integrada ás artes liberais.
Encadernada en pergamiño. É unha bela edición de Joaquín Ibarra con grandes
marxes. 10 follas de preliminares incluída portada con gravado calcográfico. Ao final do libro inclúe 21 láminas pregadas, con gravados calcográficos, a maioría deles de Juan Minguet, outros de Fernando Palomino.
Arte de escribir por reglas y con muestras : según la doctrina de los mejores autores ... : acompañado de unos principios de Aritmética, Gramática y Ortografía castellana / compuesto por Torcuato Torio de la Riva y Herrero.-- Madrid : en la imprenta de la viuda de don Joaquin Ibarra, 1798
Esta obra é de Torcuato Torio da Riva, un recoñecido calígrafo. Unha obra enciclopédica que abarca todos os saberes que se debían adquirir ao longo do primeiro ensino. Por Orde Real, serviu de manual nas escolas de primeiro ensino desde 1801. Ten 58 placas gravadas deseñadas polo autor, que mostran a costrución xeométrica do alfabeto e as proporcións para varios tamaños de escritura, así como mostras de diferentes tipos de letras, algunhas cunha decoración elaborada. A sección de aritmética tamén é notable.
Crónica del señor don Juan, segundo de este nombre en Castilla y en Leon / compilada por... Fernan Pérez de Guzmán ... ; corregida, enmendada y adicionada por ... Gonzalo Galindez de Carvajal.-- En Valencia : en la imprenta de Benito Monfort, 1779
Esta crónica do rei Juan II de Castela é obra do poeta e historiador Fernán Pérez de Guzmán, impresa en Valencia por un dos grandes impresores españois do século XVIII, Benito Monfort. Ten un gravado calcográfico na portada, o texto a dúas columnas con iniciais gravadas e adornos xilográficos ao longo do texto. As ilustracións son gravados calcográficos cos retratos de Enrique III e Juan II, coa lenda: "Rafael Ximeno delineó, Mariano Brandi grávoo"
Colección de trajes de España : tanto antiguos como modernos : que comprende todos los de sus dominios : dividida en dos volumenes / Juan de la Cruz Cano y Holmedilla.-- Madrid : casa de M. Copin, 1777
É a obra máis popular do gravador madrileño Juan de la Cruz Cano y Holmedilla
(1743-1790). Proxectouse como unha obra por entregas dividida en dous
volumes con oito cadernos de 12 estampas cada un. No primeiro volume
aparecen os traxes máis comúns do pobo e no segundo
aparecen os máis raros da nobreza. A obra quedou incompleta pola morte
do autor.
Coñécense, ademais, outras tres estampas dun “Caderno de traxes de
teatro” que se anunciou como suplemento á colección. Juan da Cruz gravou
todas as láminas e é autor dalgúns dos debuxos orixinais. A técnica de
gravado utilizada é a augaforte.
Continuará
Interesantísimo, coma sempre. É unha sorte poder disfrutar deses tesouros na nosa biblioteca. É unha das actividades que máis lle gustan ao alumnado, cando fas visita didáctica pola biblioteca e apreciamos estes tesouros, sobretodo os gravados pola parte que nos toca aos de serigrafía. Unha aperta!
ResponderEliminar