A Biblioteca Imperial de Constantinopla foi a última das grandes bibliotecas do mundo antigo. Tras a fundación de Constantinopla no ano 330 d. C., Constantino I quixo reunir unha colección de libros digna dunha nova capital. Dábase a circunstancia de que a maior parte dos textos
clásicos que se gardaban na cidade estaban escritos en papiro, un
material difícil de preservar. Constantino o Grande decidiu que eses clásicos tiñan que ser copiados en pergamiños, moito máis resistentes.
Esta tarefa foi continuada polos seus fillos Constantino II e Constancio II, este último crea a biblioteca imperial.
Constancio II |
No scriptorium da biblioteca confiouse aos escribas o
arduo proceso de copiar os volumes dos rolos de papiro a materiais máis
estables como o pergamiño. Crese que o home encargado dos escribas foi
un filósofo pagán, chamado Themistius, que comezou a traballar na supervisión da biblioteca.
O emperador Valente, cara a 372 d. C., continuou os esforzos do seu predecesor Constancio II, empregando catro calígrafos
gregos e tres latinos. É por iso que a maioría dos textos clásicos
gregos que se coñecen chegaron a nós a través das copias bizantinas orixinarias da Biblioteca Imperial de Constantinopla.
Algúns historiadores opinan que a Biblioteca Imperial puido
albergar ata 120.000 volumes manuscritos, algúns dos cales quizais
procedesen da antiga Biblioteca de Alexandría, rescatados do lume que a
destruíu. Cando Bizancio se converteu na nova capital do Imperio Romano baixo o nome de Constantinopla
durante o reinado de Constantino o Grande, a biblioteca de Alexandría,
que xa estaba en descomposición, sería "desposuída" de valiosos
manuscritos que foron levados á nova capital.
De forma similar á Biblioteca de Alexandría, a historia da destrución da Biblioteca Imperial de Constantinopla
está envolvida no misterio. Segundo algunhas fontes, a maior parte, ou mesmo a totalidade, dos volumes que formaban parte dela, foron
destruídos nun incendio no ano 477 d. C.
As crónicas informan de incendios posteriores que provocaron unha
deterioración aínda maior da colección ao longo do milenio no que a
biblioteca permaneceu en pé.
De forma similar, algúns historiadores suxeriron, sen proba documental
algunha, que parte da colección que se atopaba no interior da biblioteca
foi adquirida máis tarde por Carlomagno, no século VIII.
Aínda que o máis probable é que as obras que deron pé a un renacemento
cultural nos séculos VIII e IX na corte de Carlomagno non proviñesen da biblioteca imperial senón que tivesen a súa orixe en copias realizadas na Biblioteca de Aquisgrán.
En 1202-1204 volveu ser destruída e arrasada durante o saqueo de francos e venecianos na Cuarta Cruzada. Finalmente, desapareceu en 1453 tras a caída de Constantinopla
en mans turcas. Pouco se sabe do destino dos libros tras a anexión
otomá, moitos dos seus volumes perdéronse e outros tantos foron
destruídos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!