venres, 22 de maio de 2020

Novos Títulos para a Sección de Novela Gráfica e Álbums Ilustrados. 1 [BIBLIOTECA]


Hai un par de anos que inauguramos, no noso fondo moderno, unha nova sección de novela gráfica e álbums ilustrados. É aínda unha pequena sección, pero conta con autores moi relevantes: Will Eisner, Moebius, Mike Mignola, Alan Moore, Richard Corben, etc. E títulos como Maus, Hellboy, Persépolis, etc.
Non faltan autores españois e galegos, varios Premios Nacionais de Cómic como Miguelanxo Prado, Antonio Altarriba, Paco Roca, Alfonso Zapico, Ana Penyas, etc.

A continuación imos ver algunhas das últimas adquisicións:

La balada del norte / Alfonso Zapico.-- Bilbao : Astiberri, 2019. Vol. 1 e 2


Alfonso Zapico, Premio Nacional do Cómic 2012 con Dublinés, lanza nesta ocasión a súa mirada a unha realidade que lle toca de preto, para recrear con pulso firme uns tempos convulsos de grandes desigualdades, onde se sitúa a xestación da Revolución asturiana do 34 como pano de fondo. 
A través de dous dos seus personaxes principais, como son Tristán e Apolonio, contaranos o conflito entre dous estratos sociais, os terratenentes, marqueses, empresarios e xuíces, por unha banda, e os mineiros pola outra. Recentemente publicouse La balada del Norte 3


El ala rota / Antonio Altarriba, Kim.-- Barcelona : Norma, 2018 

 
El ala rota é a outra cara El arte de volar (Premio Nacional de Cómic 2010), dúas obras que forman un díptico onde os autores, Antonio Altarriba e Kim, repasan a historia política española do século XX —a caída da monarquía, a segunda república, a guerra civil, a ditadura de Franco, o exilio, a II guerra mundial e o retorno do exilio— a través das vivencias dos seus dous protagonistas.
A nai de Petra morreu ao dar a luz á súa filla, e coa desgraza, o seu propio pai tentou matala. Desde entón Petra ten o brazo inmóbil agora, nos seus últimos días de vida, o seu fillo, Antonio Altarriba, descobre que ela o mantivo en segredo. A percepción de Antonio cambia radicalmente, e entón reconstrúe a historia da súa nai, muller devota e sufridora, que foi maltratada por un país dominado por homes.
Premio Asociación de Librerías especializadas Zona Cómic ao Mellor cómic publicado en 2016. Premio Splash 2017 á Mellor novela gráfica nacional.
Premio ao Mellor guión no Salón do Cómic de Zaragoza.
Premio Expocomic 2016 a Mellor obra nacional e Mellor guionista nacional.


El vals del gulag / [guión], Lapière ; [dibujos], Pellejero ; traducción, Aliénor Benoist y Pedro Riera.-- Bilbao : Astiberri, 2018 


En setembro de 1946, como consecuencia dunha denuncia anónima, Víktor Kolomeytsev é detido e deportado a Siberia. Atrás quedan a súa muller, Kalia, e os seus dous fillos, Serioya e Yulia. Kalia escribe regularmente ao seu marido ata que este lle pide que deixe de facelo para non avivar a ignominia da súa situación. Kalia, considerada como a esposa dun zek, un inimigo do pobo, tratará de saír adiante por todos os medios. 
En marzo de 1953 morre Stalin e, nos meses que seguen, milleiros de prisioneiros regresan dos campos. Excepto Víktor. Kalia decide ir a Siberia a buscalo. Na súa viaxe descubrirá todo o horror das súas condicións de vida e a instauración dunha práctica particularmente perversa: o valse do gulag.


La guerra de Alan : según los recuerdos de Alan Ingram Cope / Emmanuel Guibert ; [traducción del francés de Julia Osuna Aguilar].-- Barcelona : Salamandra Graphic, 2019 


Arquetipo do antiheroe que nin sequera merece un pé de páxina nos anais da Historia, Alan Ingram Cope foi un soldado anodino máis entre os centos de miles de mozos chamados a filas para combater na segunda guerra mundial. 
Medio século despois, á idade de sesenta e nove anos, o seu encontro fortuíto co mozo Emmanuel Guibert na illa de Ré foi o xerme desta marabillosa historia. Fascinado pola profunda autenticidade do relato de Alan, Guibert propúxose plasmar en imaxes as vivencias deste veterano combatente. 
As tres partes que compoñen os recordos sobre a súa participación na guerra reuníronse por primeira vez en castelán neste volume que dá inicio ao espléndido fresco que Emmanuel Guibert lle dedicou a Alan. O azar quixo que Alan Ingram Cope morrese sete meses antes do lanzamento do primeiro libro da triloxía.

2 comentarios:

  1. Grazas, Federico, nesta selección ti tamén tes moito que ver.
    En seguintes entradas irei subindo os títulos recentemente adquiridos.

    ResponderEliminar

¡Anímate a participar cos teus comentarios!