mércores, 20 de maio de 2020

Pequenos Tesouros da Biblioteca García Barbón da Escola Municipal de Artes e Oficios. 6 [BIBLIOTECA]


Dedicamos algunhas entradas deste blog a comentar algunhas das publicacións máis interesantes e curiosas que se conservan no fondo histórico da nosa biblioteca. Hoxe imos ocuparnos das publicacións periódicas. Neste fondo a biblioteca conta con máis de 430 títulos. 
Vexamos algúns...

La Oliva : periódico de política, literatura e intereses materiales. — Vigo : [s.n.], 1856- (Imp. de La Oliva)


Comezou a publicarse o 2 de febreiro de 1856. De periodicidade bisemanal, estaba vinculado aos sectores máis rexionais do Partido Progresista. Imprimíase nos talleres de Juan Compañel. Elaborado entre outros por Alejandro Chao. Esta publicación concedeulle especial importancia á historia e á literatura galega. Contou con Manuel Murguía como director literario, encargado de redactar un folletín e dar a coñecer os máis destacados autores da época en Galicia. Foi suspendido por orde gobernativa o 11 de abril de 1857 e substituído por El Miño. Reapareceu o 1 de outubro de 1868 e aínda se publicaba en 1873. 


La Mode illustrée : journal de la famille.-- Paris : Firmin-Didot, 1860-1937


Revista semanal publicada en París por Firmin Didot. Entre os seus contidos aparecían figuríns, debuxos de tapicería, crochet e patróns... É unha publicación profusamente ilustrada con gravados referidos a vestiario, prruquería e mobiliario, que ampliaba con textos explicativos. Contén así mesmo artigos variados, folletíns, contos, pasatempos e textos en verso. Na nosa biblioteca conservamos encadernados en dous volumes o período de 1864 a 1867.


La Ilustración española y americana : museo universal: periódico de ciencias, artes, literatura, industria y conocimientos útiles.-- Madrid : Abelardo de Carlos, 1869-1921 


Revista editada en Madrid entre 1869 e 1921. O seu fundador e primeiro editor e director foi o gaditano Abelardo de Carlos e Almansa. Seguía o modelo de prestixiosas publicacións europeas como as francesas L' Illustration ou Le Monde Illustré, Illustrirte Zeitung de Alemaña ou a italiana A Illustrazione Italiana. Aparece o seu primeiro número nunha época de reformas políticas, como é a do Sexenio Democrático, marcará un fito nas primeiras décadas da Restauración, sobrevivirá ata o 30 de decembro de 1921, día no que publica a súa última entrega. Caracterizouse pola profusión de ilustracións representando variados aspectos da vida cotiá de España e dos países hispanoamericanos, onde tamén tivo difusión. Iso faríaa «auténtica escola de mestres gráficos», debuxantes e gravadores, pintores. A variedade de temas provocou que entre os artistas colaboradores se desenvolvesen especializacións.

La Ilustración gallega y asturiana : revista decenal ilustrada.-- Madrid : [s.n.], 1879-1882


A Ilustración de Galicia e Asturias, despois coñecida como A Ilustración Galega e Asturiana e finalmente como A Ilustración Cantábrica, foi unha revista ilustrada editada en Madrid entre 1878 e 1882. O propietario foi Alejandro Chao Fernández, a parte literaria era dirixida polo intelectual galeguista Manuel Murguía e a artística por José Fernández Cuevas. Nela publicaron textos autores como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal ou Manuel Curros Enríquez. Ademais, nas súas páxinas saíu a primeira novela en galego, Majina ou a filla espúrea, de Marcial Valladares Núñez.

Continuará

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!