mércores, 20 de maio de 2020

A Gaita MIDI SGM200 e a Master Gaita Electrónica. [CAIM GAITA]

José Angel Hevia, gaiteiro asturiano, foi o artífice da primeira gaita denominada MIDI ou electrónica, polo que loxicamente estaba inspirada na gaita asturiana.
A idea xurdiu porque os alumnos de Hevia tiñan dificultades para practicar na casa, polo volume e estridencia do son da gaita, asturiana neste caso, pero podemos extrapolalo perfectamente á gaita galega.

Entón o noso protagonista foi un pouco máis alá, deseñando un instrumento controlado por un disparador MIDI (Musical Instrument Digital Interface), pero con forma case de gaita asturiana pero sen ronco e que ofrecía múltiples posibilidades. Como dixen antes, estaba baseada na asturiana, pero podía reproducir sons de 32 gaitas diferentes, o punteiro con dúas oitavas de rexistro abarca a dixitación de calqueira gaita existente, ben sexa asturiana, galega, balcánica, escocesa, centroeuropea, etc. Programable para cada tonalidade, a súa escala é enteiramente cromática, con tons e semitons, consegue os requinteos, soa coma dúo de punteiros, acompáñase de roncos se se desexa, permite o vibrato e pódese efectuar o stacatto. Tamén é posible a composición directa por ordenador.
O punteiro electrónico, libre de ruídos ou falsos contactos, funciona a 12.500 impulsos por segundo e non ten furados, senón sensores ópticos. Como é electrónico nunca desafina. Tamén dispón dun mini teclado posterior que se manexa co polgar dereito con sensores deslizantes, para cambiar programas, acender ou apagar os roncos, ou cambiar ao son doutra gaita.
Ten un fol de forma similar ó asturiano, que non precisa de soprado, e é semirríxido, polo que se fai presión sobre el. Está construído en fibra de carbono e contén os controladores independentes de volume do punteiro, os roncos e a ronqueta. Implementa control de cambio de canal e un disparador MIDI, e incluso percibe a execución dos dedos e a presión do brazo e cóbado sobre o fol, especialmente para o requinteo. A información recibida é enviada pola interface MIDI a un sistema informático que a procesa e emite o son preprogramado.
Para todo isto o equipo completouse cun técnico electrónico, Alberto Arias, e un técnico informático, Miguel Dopico.
Ademais de Gaita MIDI SGM200, que é da que falabamos, existe tamén a Master Gaita electrónica ou controlador MIDI con conexión USB. Este controlador non ten son propios senón que reproduce os son que foron gravados previamente procedentes dunha gaita convencional.
Ademais das vantaxes (ou inconvenientes) que a cada un se lle poidan ocurrer destes aparatos, o propio Hevia salienta un non pouco importante, xa que el mesmo é asmático, polo que á parte doutras posibles solucións, esta sería interesante para todos aqueles que non poden tocar unha gaita tradicional por padecer algunha insuficiencia respiratoria.
Por suposto este foi o xerme, hoxe en día xa existen máis variantes deste instrumento, algún feito aqué en Galiza.

Neste vídeo podedes escoitar unha das versións máis recentes desta gaita, a MBS-300


Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!