martes, 12 de maio de 2020

As Bibliotecas da Antigüidade III. A Vila dos Papiros [BIBLIOTECA]


A erupción do Vesubio no ano 79 arrasou Pompeia e Herculano e coa súa cinza sepultou a chamada Villa dos Papiros, unha luxosa residencia campestre situada nos arredores de Herculano, chamada así porque aloxaba unha magnífica biblioteca formada por máis de 1.800 papiros. Trátase da única biblioteca da Antigüidade clásica que se "conservou".


Unha explosión de gas do volcán a 400° C carbonizou os rolos de papiro, antes de que dita erupción chegará a cubrir os edificios de Herculano con 30 metros de cinza e roca. O fluxo piroclástico do volcán co tempo endureceuse formando unha toba volcánica que dalgún modo protexeu tanto aos restos da cidade como aos contidos da biblioteca dos saqueadores, sorte coa que a gran maioría dos obxectos arqueolóxicos da Idade Clásica non contaron.
A vila foi propiedade do sogro de Xulio César, Lucio Calpurnio Pisón Cesonino. A biblioteca foi descuberta a mediados do século XVIII polo arqueólogo Karl Jakob Weber. Ademais de papiros atopáronse estatuas de todo tipo, incluídas de orixe romana e grega. Moitas destas hoxe poden verse no Museo Arqueolóxico Nacional de Nápoles. A estrutura arquitectónica da vila consta dun atrio, o cal se utilizaba polos visitantes como vestíbulo. Unha entrada de columnas co pórtico dando ao mar. Á súa vez contaba con varios peristilos, o primeiro posuía dez columnas a cada un dos seus lados cunha longa piscina no centro. Esta parte da vila posuía varias hermas. Na biblioteca creada por Calpurnio Pisón, a maioría dos textos son de carácter filosófico. Crese que a biblioteca foi reunida e seleccionada polo amigo da familia e cliente de Pisón, o epicúreo Filodemo de Gadara. Ata o século XVIII só se coñecían 36 poesías súas conservadas na Antoloxía Palatina. Debido ao estudo dos papiros aquí atopados agora hai noticia de máis de trinta obras escritas en prosa dedicadas á literatura, á estética, á teoloxía, á historia, á biografía, á ética, á lóxica e á política.

Papiros carbonizados

Cando os escavadores e cazadores de tesouros exploraron a vila no século XVIII, confundiron os rolos con anacos de carbón e troncos queimados. Usaron algúns como fachos. Unha vez que se deron conta do que eran, o desafío foi ver como abrilos. Algúns foron cortados cun coitelo de carniceiro, con resultados predicibles e lamentables

Máquina para abrir os papiros de Antonio Piaggio

O pai escolapio Antonio Piaggio (1713-1796), inventou unha máquina para abrilos delicadamente. Pero era un labor lento: tomou catro anos desenrolar o primeiro, e os rolos tendían a desfacerse.
En 1999, científicos da Universidade Brigham Young, en Estados Unidos, examinaron os papiros con luz infravermella. A unha lonxitude de onda de 700-900 nanómetros, foi posible lograr un bo contraste entre papel e tinta. Empezaron a aparecer as letras. En lugar de tinta negra sobre papel negro, vían liñas negras nun fondo gris pálido.
En 2008, logrouse outro avance por medio de imaxes multiespectrales. No canto de tomar unha soa imaxe dun fragmento de papiro con luz infravermella (a 800 nanómetros), a nova tecnoloxía toma 16 imaxes diferentes de cada fragmento a distintos niveis de luz e crea unha imaxe composta.
Brent Seales, profesor de informática da Universidade de Kentucky (EEUU) continúa analizando datos producidos pola tomografía de 2009. Tamén empezou a probar unha nova forma de ler os rolos, usando un feixe dun acelerador de partículas.
Os rolos apareceron en varios lugares da vila. Aínda que algúns estaban en estantes e armarios, outros estaban amontoados no chan e empacados en cilindros (capsae) nos que os transportaban. Levaríanos a outra parte descoñecida do edificio, onde hai máis rolos?
Aínda non se escavou toda a biblioteca, quedan máis de 2800 metros cadrados por escavar esperando a tecnoloxía para poder extraer todo sen destruír os achados arqueolóxicos. Parece que ademais o goberno italiano puxo gran cantidade de impedimentos ás escavacións, xa que esta priorizando a preservación dos tesouros arqueolóxicos xa obtidos.

Villa Getty en California

 No presente a Villa Getty, en California, é unha reconstrución directa a Vila dos Papiros. Un centro dedicado ás artes e culturas da Antiga Grecia, Roma e Etruria.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!