luns, 11 de maio de 2020

Escultores hiperrealistas (parte 3): Peter Demetz [TALLA E ESCULTURA]

Peter Demetz

o novo realismo





A obra de Peter Demetz podémola encaixar dentro dun novo realismo. Retrata o cotián, situacións normais e correntes, escenas nas que crea un baleiro entre a figura e a súa contorna lembrando aquelas pinturas de Hopper nas que os seus personaxes son observados na súa cotiandade; pero a diferenza do pintor, Demetz deixa que nós imaxinemos a historia, xa que elimina o ornamento das súas obras, nas que os personaxes se sitúan en escenarios abstractos que o espectador debe completar dende a súa mirada.


“Os meus personaxes de madeira non saben que están a ser observados, por iso actúan naturalmente, sen condicionamentos”.

Peter  Demetz (1969, Bolzano, Italia) comeza desde moi pequeno a interesarse pola talla na madeira, tradición artesanal do seu pobo na produción de imaxes de Santos. Comeza formándose no taller do artesán Heinrich  Demetz, máis tarde estuda Belas Artes adquirindo a súa Mestría en escultura.

Nas súas obras os personaxes observan encaixados nunha relación fondo/forma, que teñen moito de escenografía teatral.  Xérase un baleiro entre a figura e a súa contorna, unha contorna encaixada.


Zona privada, 2015


“O que me inspira é a linguaxe corporal da xente, como se paran, como se moven”





O seu proceso escultórico baséase nunha imaxe fotográfica inicial, fai fotos a modelos no seu estudo ou en exteriores buscando pousados naturais:

“Busco unha linguaxe corporal espontánea e sincera, algunhas veces cústame máis de media hora que os modelos actúen de maneira natural e esquecer que están a pousar”.




Demetz non realiza unha escultura baseada no retrato, cando nas súas composicións aparecen máis de un personaxe, estes xeralmente teñen procedencias diferentes que relaciona na composición creando unha situación para eles na que se estableza un diálogo.

Unha das principais características da súa escultura é que nas súas obras os personaxes sempre son observados dende atrás, non hai contacto visual figura-espectador.

“Os meus personaxes de madeira non saben que están a ser observados, por iso actúan naturalmente, sen condicionamentos”.

As súas figuras son presentadas en madeira natural, tallada en  tileiro cun realismo espectacular que contrastan cunha contorna case abstracta como nun estudio, no que a cor acrílica aplícase como unha mancha plana iluminada por leds, pequenas caixas que como cápsulas do tempo atrapan aos personaxes no seu propio mundo, un mundo cotián representando situacións normais, non hai adornos nin distraccións, só está a figura e o fondo en permanente diálogo co espectador que observa dende atrás nun acto de voyerismo, completando o discurso e elaborando o seu propio relato a partir das súas sensacións, recordos ou vivencias.




"Peter  Demetz: a metafísica da vida cotiá

... As obras de  Demetz parecen cadros dunha serie que aínda temos que descubrir e dos cales o artista nos proporciona anticipacións. Non se trata de crear historias recoñecibles, senón que o artista mostra actitudes, algo que aínda non se fundiu nunha historia. ...

... O tempo tamén se retarda nas súas esculturas porque é o espazo o que determina todo. Son as relacións visuais e  perceptivas as que abren a lóxica de cada traballo ao espectador e convídano a participar nunha narración que sempre está por comezar ou que acaba de terminar..."
Valerio  Dehó
Bologna


Enlaces web:

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!