venres, 8 de maio de 2020

As Bibliotecas da Antigüidade II. A Biblioteca de Pérgamo [BIBLIOTECA]

Continuamos coa serie grandes bibliotecas da historia, hoxe é a quenda da Biblioteca de Pérgamo.

Restos arqueolóxicos da Acrópole de Pérgamo

Situada na actual Turquía, fronte á illa de Lesbos, Pérgamo garda na súa antiga acrópole as ruínas das antigas construcións que a fixeron situarse como unha das urbes máis brillantes e poderosas do imperio dos atálidas. Entre os séculos III e II a. C. Pérgamo gozou da súa época de máximo esplendor. Nela alzáronse os templos helenísticos de maior envergadura, pero sen dúbida un dos seus maiores tesouros foi a súa biblioteca.

O que se coñece sobre esta biblioteca é o que achegou o escritor e viaxeiro romano Plinio o Vello na súa obra Historia Natural. A Biblioteca de Pérgamo foi unha das máis soadas da Antigüidade, competindo en importancia coa de Alexandría. Do mesmo xeito que outras dinastías do período helenístico, os reis de Pérgamo foron uns grandes mecenas da cultura e a arte. Grandes coleccionistas que brillaron especialmente polo seu carácter bibliófilo, rivalizando nisto último cos Ptolomeos de Exipto. A súa gran ambición foi converter a súa capital Pérgamo nunha cidade como Atenas na época de Pericles.

Pintura da acrópole de Pérgamo por Friedrich von Thiersch en 1882.

A construción da biblioteca iniciouse no século II a. C. co rei Atalo I, pero foi o seu fillo, Eumenes II, o que puxo os recursos para alcanzar os 200.000 volumes que parece que chego a ter esta biblioteca. Non só era un lugar de almacenamento, alí déronse cita algúns dos grandes eruditos e estudosos da época, atraídos polos libros e polas escolas que se fundaron no seu interior. O seu primeiro director foi Crates de Malos, cartógrafo, gramático e filósofo estoico grego.


Cóntase que a confrontación entre a Biblioteca de Alexandría e a de Pérgamo supuxo un cambio radical na historia do libro. Fartos da crecente influencia de Pérgamo, desde Alexandría promoveuse un bloqueo da exportación de papiro, o que motivou a adopción dun soporte pouco coñecido ata a época, a pel de animal tratada, que, a partir de entón, comezou a chamarse pergamiño, precisamente pola biblioteca. Outros historiadores aseguran que se elixiu voluntariamente o pergamiño polo feito de ser este un material máis cómodo, duradeiro e que permitía escribir por ambos os lados.
No ano 47 a. C. tivo lugar o incendio de Alexandría e parte da súa biblioteca. Segundo narra Plutarco nas súas Vidas paralelas, Marco Antonio, para compensar as perdas, trasladou ao Serapeo de Alexandría os volumes da Biblioteca de Pérgamo. Este feito unido aos anteriores saqueos sufridos por causa das loitas políticas que houbo en Asia Menor naqueles anos, provocou a súa decadencia definitiva. 

Relacionada:
As Bibliotecas da Antigüidade I. A Biblioteca de Alexandría

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!