As bibliotecas naceron nos templos das cidades mesopotámicas, onde tiveron en principio unha función conservadora, de rexistro de feitos ligados á actividade relixiosa, política, económica e administrativa, ao servizo dunha casta de escribas e sacerdotes. Os documentos escribíanse en escritura cuneiforme en taboíñas de barro, un soporte basto e pesado, pero que garantiu a súa conservación. A primeira biblioteca da que temos noticia é do terceiro milenio a. C., e estaba no interior do templo da cidade de Nippur, na antiga Babilonia. Tamén destacaron as bibliotecas-arquivo de Mari, Lagash e Ebla, así como a do rei asirio Assurbanipal.
Restos arqueolóxicos da Biblioteca no Templo de Nippur |
En Exipto existiron dúas clases de institucións: Casas dos Libros, que facían as veces de arquivos para a documentación administrativa e Casas da Vida, que eran centros de estudos para os escribas e que posuíron coleccións das que se podía facer copias. As máis coñecidas crese que estaban en Karnak, Tebas e Tell-El-Amarna, aínda que non se conservou rexistro arqueolóxico de ningunha delas nin dos materiais que albergaban debido á súa escasa resistencia aos axentes físicos. A escritura, nas súas diversas formas, xeroglífica, hierática ou demótica, recollíase en rolos de papiro.
Na antiga Grecia, o libro e as bibliotecas alcanzaron un gran
desenvolvemento. As bibliotecas adoptaron formas que poden considerarse
como antecedentes das actuais. A escritura grega, derivada do alfabeto semítico,
permitiu xeneralizar en certa forma o acceso á lectura e ao libro e que
aparecesen, por primeira vez, bibliotecas desvinculadas dos templos. O
período helenístico foi o do nacemento de grandes bibliotecas lendarias, como a Biblioteca de Alexandría ou a da Biblioteca de Pérgamo, que se crearon coa vontade de reunir todo o coñecemento social do seu tempo e poñelo ao dispor dos eruditos.
Recreación do exterior da Antiga Biblioteca de Alexandría. |
Alexandría foi fundada por Alexandro Magno no 332 a. C.,
tras ocupar Exipto e poñer fin ao dominio persa. Pronto se converteu na
segunda cidade máis grande de Exipto, e sede do seu porto principal. Á
morte de Alejandro Magno en 323 a. C., Ptolomeo I Sóter,
un dos seus xenerais máis destacados, foi nomeado gobernador de Exipto.
Con el iniciouse unha longa dinastía que administrou o país dos faraóns
durante máis de trescentos anos. El foi o encargado de levar á práctica
o soño de Alexandro de facer de Alexandría un centro de coñecemento e
aprendizaxe. Asistido polo arquitecto Demetrio de Falero, Ptolomeo I iniciou a construción do denominado Museo (santuario das Musas) cara ao 290 a. C., que foi concluído baixo o mandato do seu fillo, Ptolomeo II Filadelfo.
A biblioteca foi, sen dúbida, o eixo destacado do santuario, o de maior
crecemento e difusión ao longo da historia. A medida que foi adquirindo
importancia e aumentando os seus volumes, foi necesaria a construción
dun edificio próximo que albergase o resto dos libros, o Serapeum.
A mediados do século III a. C., baixo a dirección do poeta Calímaco de Cirene,
crese que a biblioteca posuía preto de 490.000 libros, unha cifra que
dous séculos despois aumentara ata os 700.000. Son cifras discutidas e
probablemente esaxeradas pero que dan unha idea do extraordinario
patrimonio literario e científico que bibliotecarios como Demetrio de Falero, o citado Calímaco ou Apolonio de Rodas souberon atesourar ao longo de decenios. Cada un dos manuscritos era catalogado, referenciado e colocado no estante (bibliothekai) preciso destinado a ese saber. O primeiro catálogo temático da historia (Pinakes) atribúese a Zenódoto,
o primeiro bibliotecario de Alexandría.
As persoas que traballaban na
biblioteca afanábanse na procura de libros de todas as culturas
coñecidas, a maioría eran comprados ou doados (como a biblioteca de
Aristóteles), pero outros eran copiados. Todo buque que atracaba en
Alexandría era rexistrado pola garda, no caso de que se atopasen libros,
estes eran confiscados e levados á biblioteca; en ocasións,
compensábase aos seus donos pola perda, mentres que noutros casos os
libros eran copiados e devoltos os orixinais. As copias eran
especialmente ricas polas anotacións críticas que se facían nas marxes.
Durante a rexencia de Ptolomeo II Alexandría e a súa
biblioteca viviron o seu máximo esplendor, inmersas nun ir e vir
constante de libros e estudosos. Entre os visitantes máis soados
atópanse Arquímides, Euclides, Hiparco, Claudio Ptolomeo e Galeno.
O reinado de Ptolomeo IV, supuxo o declive da dinastía e da gran biblioteca. Agora, a biblioteca de Pérgamo rivalizaba coa de Alexandría, e o crecente poder romano debilitaba aos ptolomeos.
A desaparición da Biblioteca de Alexandría constitúe un dos máis simbólicos desastres culturais da historia. En realidade, descoñécese o motivo ou momento exacto da súa desaparición, pero todo apunta a que foron diversos motivos os que a causaron. O feito está envolvido en mitos e tebras.
Crese que a primeira destrución foi durante a disputa entre Cleopatra e Ptolomeo XII, cando Xulio César acudiu a Alexandría para axudar á raíña exipcia. Produciuse un incendio a gran escala no castelo e destruíronse máis de 40.000 escritos que Xulio César pretendía transportar a Roma. Hipólito Escolar na súa obra "A Biblioteca de Alexandría" cualifica de lenda o episodio no cal a Biblioteca se incendiou durante a Guerra de Alexandría na que César queimou os seus propios barcos do porto para que os exipcios non se puidesen apoderar deles e os empregasen no seu favor. Trala morte de Xulio César, Marco Antonio entregou a Cleopatra 200.000 libros da biblioteca de Pérgamo en compensación polos volumes perdidos. A morte de Cleopatra no ano 30 a. C. puxo fin á era ptolemaica, e Alexandría converteuse en capital dunha provincia romana.
Recreación do incendio da Biblioteca |
O final do período helenístico supuxo unha crise para a Biblioteca e o Museo en consonancia coas vicisitudes sociopolíticas. Con todo, estas institucións sobrepuxéronse ás circunstancias recuperando unha actividade tan destacada como a anterior. Nese momento, os emperadores ocuparon o lugar de protectores e promotores destes recintos emblemáticos, resaltando a axuda do emperador Adriano. Con todo, o sostemento económico foi diminuíndo co tempo.
Cara ao 200 d. C. Alexandría enfrontouse a numerosos saqueos que contribuíron á paulatina destrución da biblioteca. No 391 d. C. o emperador Teodosio prohibiu o paganismo, os templos non cristiáns foron destruídos. Ese mesmo ano o bispo de Alexandría demoleu o Serapeum e sobre as súas ruínas construíu un templo cristián. É probable que fronte a un previsible ataque, os libros fosen dispersados.
Algúns historiadores manteñen que a Biblioteca perdurou ata a conquista por parte dos musulmáns, que no ano 641 invadiron Alexandría. Segundo conta Alí ibn al-Qifti (1172-1248) o xeneral conquistador Amrú preguntou ao califa Omar por unha autorización para o uso dos libros incautados. Ante isto o califa respondeu a soada sentenza: “se o contido está de acordo coa doutrina do Corán, son inútiles, e se teñen algo en contra, deben destruírse”. Así, queimáronse os libros e destruíuse a Biblioteca. Doutra banda, tamén hai quen afirma que nese momento xa non existía a Biblioteca, pois foi destruída con anterioridade polas contendas militares e o fanatismo relixioso. É máis que improbable que a biblioteca sobrevivise ata a conquista musulmá e que, por conseguinte, a suposta destrución por parte dos musulmáns non sexa máis que unha lenda.
A Bibliotheca Alexandrina
A idea de recuperar a antiga Biblioteca de Alexandría na era contemporánea foi proposta por primeira vez en 1974, durante o mandato de Nabil Lotfy Dowidar como presidente da Universidade de Alexandría. En 1987 púxose en marcha un ambicioso proxecto co apoio da Unesco: a Bibliotheca Alexandrina. O edificio está situado no dique de Alexandría, a pouca distancia de onde supostamente estivo a biblioteca orixinal. Ten unha superficie de 36.770 metros cadrados e mide 33 metros, dispostos en once niveis. Calcúlase que pode chegar a albergar 20 millóns de libros, aínda que de momento conta con 200.000, na súa maioría doazóns. Unha moderna homenaxe á que hai dous mil anos aspirou a ser o centro do saber universal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!