Aínda que o termo albogue (do árabe al-buk, trompeta) pode utilizarse para designar algúns Idiófonos sinxelos, o seu uso máis xeneralizado denomina a diversos tipos de instrumentos aerófonos de lingüeta simple, tubos sonoros e provistos de pavillón amplificador.
Tódolos albogues teñen un ou dous tubos sonoros de trade cilíndrica, aínda que en moitas ocasións, e curiosamente, o corte pola parte externa é cadrado. Acostuman ser de cana ou madeira e, en ocasións, de fóso. Nun dos seus extremos insértanse as lingüetas feitas de cana, palla de cereal ou unha ramiña de madeira, á que se lle practica un corte lonxitudinal separando unha lámina que vibra ó pasar o aire. É o órgano sonoro do instrumento.
No outro extremo do tubo presenta un pavillón que serve de amplificador, é de forma cónica, truncado e insertado polo vértice, lugar por onde se acopla ó resto do instrumento, ou ben fabricado dunha peza co propio instrumento. O pavillón constrúese con cortiza vexetal, madeira... aínda que a hasta de vaca ou touro, polas súas características acústicas e morfolóxicas, é o material máis utilizado para esa función. O corno trabállase con certa facilidade, é resistente a golpes, duradeiro, e convenientemente rebaixado adquire unhas características sonoras excelentes. Ademais, préstase a elaboradas decoracións.
Algúns albogues, presentan ademais outra peza, tamén de corno ou madeira, que protexe ás lingüetas e nalgunhas ocasións serve como recipiente de aire cando as técnicas de execución do instrumento o require.
Aínda que poden atoparse albogues en case toda África, Europa e parte de Asia, hai una grande variedade deles no norte de África e Oriente próximo, onde podemos atopar instrumentos con todo tipo de tamaños e formas.
Os instrumentos deste xenero atopados na península Ibérica demóstrannos que foi un instrumento moi popular, así como os gravados de libros antigos (Cantigas de Afonso X) ou esculturas de colexiatas e catedrais que nos indican que o seu uso non só foi pastoril.
Alboka de Euskadi |
Téñense atopado exemplares en moitos lugares, sendo de maior abundancia en ambientes de montaña e pastorís, pois ó estar menos influídos polas músicas 'modernas' tardan máis en ser substituidos por instrumentos 'actuais'. Por desgraza o emprego destes instrumentos ten case que desaparecido, e aínda que nalgúns casos puidose recuperar a partir de exemplares antigos, na maioría perdeuse definitivamente.
A excepción máis importante é a Alboka, instrumento que se conservou e potenciou en Euskadi (non hai moito tocábase tamén en Cantabria, Navarra e A Rioxa). Grazas a algúns construtores, estudosos e músicos puidose salvar e aínda máis, perfeccionarse e integrarse en grupos musicais.
Tradicionalmente acompañábase da pandeireta e presenta una morfoloxía especial. Consta de dous tubos de cana (algúns exemplares antigos tenos de óso de pata de cegoña), que posúen 3 e 5 furados. A dixitación é pechada, é dicir, destapando tan só a posición que corresponde e tapando o resto e ambos os tubos á vez, o que produce bonitos efectos ó ser diferente o número de furados nun e noutro tubo. As notas máis agudas do tubo dereito acompáñanse das máis graves do tubo esquerdo, respectivamente, suxeitos entre sí mediante cera e a súa vez xunguidos a unha peza semicircular de madeira chamada xugo (semellante á dalgúns gravados das Cantigas). A decoración desta peza equivale á sinatura do construtor, que a repite en tódolos exemplares que fabrica. Dous anacos de corno colócanse, de pavillón o maior, e de protector-recipiente o menor; así como o primeiro está tan só suxeito mediante uns cravos ou sinxelamente encaixado (únese ó xugo mediante unha cadea para non perdelo), o segundo está selado con cera, pois compre unha función de receptáculo de aire xunto coa boca do instrumentista, pois a técnica de interpretación require un sopro continuo de aire (semellante ó de moitos dos albogues norteafricanos), cuxo dominio require moita práctica e exercicios de respiración
Gaita serrana |
Outro albogue que ten sido recentemente recuperado é a Gaita Serrana, que procede da Serra de Madrid, onde era bastante abundante ata os anos 40 nos que foi desaparecendo. Grazas a uns estudos publicados polo profesor García Matos en 1954 e restos de exemplares atopados, puido ser reconstruída e volve a soar. Consta dun tubo de madeira, preferentemente de figueira (pola facilidade de perforar a súa médula branda) con 4 ou 5 furados, un deles na parte inferior, separados por pequenos tabiques tallados na madeira. A sección externa pode ser cuadrada ou circular. Presenta tamén dous cornos, o pavillón, máis pequeno que o da alboka, é o que protexe a lingüeta, que neste caso é a súa única función, pois tócase en picado, é dicir, sopro discontinuo. E unha afinación en modo menor. Como é lóxico interprétanse con el pezas sinxelas pois non ten conseguido a perfección do seu parente vasco.
Instrumentos semellantes á gaita serrana teñen aparecido noutras zonas como Burgos, os Pirineos ou Guadalaxara, e presenta moitas semellanzas con instrumentos como o Pibgorn do País de Gales.
Outro curioso albogue e é a Gaita gastoreña, da que xa falamos nunha anterior entrada neste mesmo blog, que aínda se constrúe e toca na aldea de El Gastor e oturos da serra de Cadiz, posúe un tubo relativamente pequeno con 4 furados, de sección externa cadrada e un fino trade interior duns 5
Pibgorn, País de Gales |
mm, adoita estar decorado ó lume ou con algún gravado sinxelo ou talla. A lingüeta é fina e máis longa que noutros albogues e non está protexida. Mais a súa principal característica é o tamaño do pavillón, adoita ser dun grande corno de vaca ou touro completo, puído e con algún adorno, a dixitación faise cunha soa man, sendo necesaria a outra para suxeitar a hasta. Posúe un son profundo e grave nas notas máis baixas.
A seguir déixovos un vídeo onde se pode observar a técnica da respiración circular na alboka, da man do músico vasco Kepa Junkera.
E neste outro vídeo tedes unha mostra da Gaita Serrana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!