venres, 3 de xullo de 2020

Alicia II. Sir John Tenniel [DEBUXO]

Alicia no país das marabillas é un tesouso da fala inglesa e un clásico da literatura universal.  Foi escrito por Lewis Carroll, ou mellor dito polo Reverendo Charles Lutwidge Dodgson... aínda que o reverendo insistía en que el e Carroll eran personalidades diferentes... unha sorte de duplicidade aceptada, incluso buscada polo excentrico reverendo. Ademais o reverendo Dodgson era poeta, gran escritor e coleccionista de cartas, fotógrafo, matemático... e estaba moi interesado polos fenómenos psíquicos. A esta personalidade tan enxeñosa tocoulle vivir na época victoriana, gran momento de esplendor para o imperio británico, comandado pola raiña Victoria, e gran momento para a súa literatura... Dickens, Brontë, Wilde... momento no que Londres era a capital do mundo, sendo a cidade máis poboada ata que foi superada por NY en 1925.f
Alicia é unha obra grande, difícil de encaixar nun xénero literario. Como di Teresa Barro e Fernando Pérez-Barreiro na introdución da Alicia de 1984 para a ed. Xerais:  "...deixando a cuestión da forma, o material imaxinativo non ten tampouco precedentes, nin a ausencia de moralexas. Tense insistido moito neste último contraste con toda a literatura infantil anterior e gran parte da seguinte" ... " Alicia é ... "outra cousa" da literatura.

Lewis Carroll




É ben coñecida a historia de como Carroll comezou a escribir o texto de Alicia. O seu amigo Henry Liddell tiña tres fillas, Lorina, Alice  e Edith de trece dez e oito anos. Un día do ano 1862 o reverendo Dogson levou as cativas a dar una paseo polo río Isis, que é como se chama o Támesis antes de pasar por Oxford, e para entretelas no paseo contoulles un conto inventado que lle gustou especialmente á pequena Alicia Liddell. Esta pediulle que cando chegase a casa llo escribise. E así foi. Consérvanse fotos realizadas por Carroll da verdadeira Alicia. A afección do reverendo por fotografar cativas ten dado moito que falar, eu vexo unha afección inocente dun home excéntrico namorado da infancia pero sen ningunha outra connotación.

Alicia Liddell fotagrafada por Carroll

AS PRIMEIRAS ILUSTRACIÓNS

Carroll era tameén debuxante afeccionado. Tiña xeito. As ilustracións do primeiro manuscrito de Alicia "As aventuras de Alicia no sochán" realizounas o propio Carroll. O modelo de nena non se inspira na verdadeira Alice Liddell, máis ben na súa irmá pequena Edith, que semellaba sacada  dunha pintura prerrafaelista, estética moi presente na época e nas fotografías de Carroll.

De esquerda a dereita: Alice, Lorina e Edith
Alice tiña o cabelo liso, curto e penteado en franxa sobre a frente. A nena dos debuxos ten o cabelo  longo en troques e ten franxa sobre a fronte.

A Alicia de Carroll

Carroll entendeu que a súa limitación artística no debuxo era un impedimento para un bo traballo de ilustración. O mesmo pensaron os amigos aos que lles pediu consello como o poeta John Ruskin.  O ilustrador suxerido polos seus coñecidos foi John Tenniel, que daquela tiña moita sona como caricaturista na revista Punch. A través do dramaturgo Tom Taylor, que posteriormente sería director de Punch, Carroll contactou con Tenniel. Este maravbilloso ilustrador aceptou o encargo en abril de 1864.

Taylor fotogrfiado por Carroll

JONH TENNIEL. O PRIMEIRO ILUSTRADOR DE ALICIA

Posiblemente Tenniel hoxe fose recordado como un grande ilustrador e caricaturista británico do XIX aínda que non ilustrara Alicia... pero este traballo sublime encumbrouno á universalidade. A súa Alicia segue sendo un referente para o resto dos ilustradores que se enfrontan a este texto. É como un farol, unha guía de inicio que hai que coñecer e estudar. O mesmo Carroll seguiu paso a paso o traballo gráfico de Tenniel, aconsellando, opinando, criticando... algo que aos ilustradores moléstanos moito, pero cando o autor o ten tan claro esa conxunción da xenialidade de un e a insistencia e a visión clara do outro dá como resultado ese tipo de obras mestras como da que estamos a falar.

Capítulo XII. ALICIA DECLARA


Tenniel comezou a realizar ilustración satírica na revista Punch no ano 1850. Existen caricaturas deste ilustrador que son un exemplo hoxe en día no estudo do xénero, como a caricatura que lle fixo a Darwin en 1870. Foi un traballo, o de ilustrador e caricaturista, que inicialmente non colleu con moita motivación, xa que as súas pretensións eran artísticas, con ansias de dedicarse á pintura. Pero o seu humor e as composicións clásicas adoptadas nas ilustacións pronto tiveron acollida e a carreira de Tenniel en Punch  prolongouse como colaborador ata 1901, ano  no que se xubilou. Deixou máis de 2.000 viñetas coas que se pode facer un percorrido da política británica por toda a segunda metade do século XIX en Inglaterra.
Ruskin  dixo de Tenniel:
"Hai no Tenniel moito da imaxinación ampla e dotada de misterio simbólicoque pertence ós grandes guieiros da arte clásica. Nas masas de sombra e nas liñas enlevadoras das súas grandes composicións apuntan tendencias que poderían terlle dado dereito a ser adoptado pola escola do Tiziano"

Darwin por Teniell
Tenniel entregou as ilustracións en xuño de 1865, con máis dun ano de atraso, xa que a Editorial Macmillan agardaba poder sacar o libro no Nadal de 1864. O libro publicouse a principios de xullo e ía ter unha tiraxe de 2.000 exemplares pero só se encadernaron 48 que Carroll regalou a coñecidos e amigos. Dúas semanas despois Tenniel expresoulle a Carroll o seu descontento pola impresión das imaxes. Carroll de inmediato retirou da circulación a tiraxe e intentou recuperar tódolos exemplares regalados. Recuperou 34.  O resto da edición enviouse sen encadernar a Estados Unidos. O que atope hoxe un deses 14 exemplares encadernados ou un deses exemplares americanos ten unha xoia. En decembro de 1865 saiu por fin a edición de Alicia coa que Tenniel quedou contento... os expertos ainda non logran adiviñar que foi o que non lle gustou a Tenniel desa primeira impresión.

Capítulo I. POLO TOBO DO COELLO ABAIXO
Capítulo VII. UNHA MERENDA DE TOLOS

Xa no ano 1866 Carroll comezou a escribir "Alicia a través do espello", pero Tenniel ás primeiras non quixo ilustrar este texto, quedara farto do excéntrico autor... os dous debían de ter o seu.  Dous anos despois aceptou ilustralo pero coa condición de que o faría "segundo fose tendo tempo para iso".
Tenniel non traballou máis con Carroll.

A TRAVÉS DO ESPELLO. 1872



Esta primeira Alicia, a máis coñecida, é só  produto da imaxinación de Tenniel xa que non atendeu as recomendacións que lle fixera Carroll, o cal insistía en que tomase como modelo unhas fotos que lle enviara para desenvolver a personaxe. Tenniel fixo como que non se enteirara.


Eu teño esta edición en galego que se editou coas ilustracións orixináis de Tenniel en 1984 e que recibiu o premio de tradución outorgado polo Minsterio de Cultura. Esta é unha reedición do ano 1993. Tomei o relato introdutorio de Teresa Barro e Fernando Pérez-Barreiro para poder facer esta entrada. Encantoume lelo novamente e compartilo convosco.

2 comentarios:

  1. O marabilloso mundo de Carrol. Cando lin con oito anos a miña edición de Brugera de "Alicia no pais das marabillas", sentinme atrapada polo seu imaxinario. Axiña me identifiquei coa protagonista que, como expectadora da creatividade do autor, sorprendíase con cada persoaxe e situación absurda e marabillosa á vez. Todos os anos leía unha ou varias veces este libro e o de "Através do espello". Porque sempre que lía outro libro, non me proporcionaba a mesma sorpresa. Non recordo que idade tiña cando lin a miña primeira edición ilustrada por Tenniel, pero si recordo que cando vin as ilustracións quedei marabillada. Como resolvía as persoaxes en canto ás súas expresíóns, xestos (moitos moi esaxerados por ser caricarurista) e tamén os deseños dos seus vestiarios. Prestando moita atención aos detalles de adornos e bordados, á fluidez dos pliegues nos tecidos, á rixidez dos traxes dos naipes coa raíña de corazóns entre eles. A humanización dos personaxes animais... Creo que eran o tándem perfecto, ainda que tivesen problemas entre eles. Encántanme estas entradas, Federico!! 😊

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas...eu tamén disfrutei moito con Alicia, primeiro como lector, logo como ilustrador e agora disfruto preparando estas entradas. É un texto que da para moito e son tantos os ilustradores que o teñen abordado que seguiremos indagando.

    ResponderEliminar

¡Anímate a participar cos teus comentarios!