mércores, 1 de abril de 2020

Invención e Difusión da Imprenta [BIBLIOTECA]




A historia moderna sería inconcibible sen a invención da imprenta xa que o seu uso cambiou por completo a cultura occidental e posteriormente, a historia do mundo.  Ata 1450 e aínda en anos posteriores, os libros difundíanse en copias manuscritas por amanuenses, moitos dos cales eran monxes e frades dedicados exclusivamente ao rezo e á réplica de exemplares por encargo do propio clero ou de reis e nobres.

Johann Gutenberg inventou a imprenta moderna a mediados do século XIV
Aínda que xa os romanos 400 anos a. C. utilizaban moldes de arxila e os chineses no século XI utilizaban pezas de porcelana para facer reproducións. En Europa utilizábase a xilografía como método para estampar teas, naipes, calendarios e todo aquilo que se imprimía en follas soltas. Para facelas traballábase o texto en oco sobre unha tablilla de madeira, incluíndo os debuxos unha vez confeccionada, axustábase a unha mesa de traballo, tamén de madeira, e impregnábanse de tinta negra, azul ou vermella (só existían esas cores). Despois aplicábase o papel e cun rodete fixábase a tinta. O desgaste da madeira era considerable polo que non se podían facer moitas copias co mesmo molde. O traballo era moi laborioso e se se desgastaba algún anaco ou cambiaba parte do contido había que volver repetir o molde completo.
O mérito de Gutenberg foi perfeccionar as técnicas de impresión existentes, fundiu en metal cada unha das letras do alfabeto por separado, e ideou un sistema para poñelas unha a continuación doutra e suxeitalas. Desta forma podíanse compoñer máis rápido as páxinas e reutilizar os moldes para compoñer outras.
En Maguncia asociouse con Johann Fust, que lle concedeu un préstamo para desenvolver o seu invento, froito do cal en 1449 publicouse o “Misal de Constanza”, considerado como o primeiro libro impreso con tipos móbiles en occidente. En 1452 iníciase a impresión da “Biblia de 42 liñas” ou “Biblia de Gutenberg”, chamada así polo número de liñas impresas en cada páxina, producíronse  180 exemplares (45 en pergamiño e 135 en papel). A Biblia de Gutenberg non foi unicamente o segundo libro impreso, senón que, ademais, foi o máis perfecto. A súa imaxe non difire en absoluto dun manuscrito.


Os incunables 
O termo «incunable» fai referencia a esta época en que os libros se achaban «no seu berce», é dicir na primeira «infancia» da técnica moderna de facer libros a través da imprenta. Así, son recoñecidos como incunables os libros impresos entre 1453 (data da invención da imprenta moderna) e 1500, procedentes dunhas 1200 imprentas, distribuídas entre 260 cidades, cun lanzamento aproximado de 35 000 obras distintas.
Os primeiros libros impresos trataban de parecerse todo o posible aos manuscritos, xa que era a forma de libro a que o home do século XV estaba afeito. Así utilizaba a letra gótica e abreviaturas. As iniciais deixábanse en branco co fin de que fosen realizadas máis tarde por especialistas: non é difícil atopar incunables onde as iniciais non se chegaron a poñer nunca. Tamén carecían de portada. Predomina a temática relixiosa e a literaria . A lingua maioritaria é o latín, aínda que lle seguen o italiano e o alemán.
As primeiras ilustracións son xilografiadas. O primeiro libro con ilustracións xilografiadas é unha colección de fábulas de Albert Pfister en 1461.


Durante o primeiros trinta anos, a imprenta expandiuse por Europa occidental. Na difusión da imprenta aliáronse dous factores alleos por completo a ela: as guerras civís en Alemaña que forzaron á diáspora a moitos impresores e o auxe experimentado polos roteiros comerciais europeos, verdadeiras vías de intercambio de bens materiais e culturais. A imprenta foi, de feito, a primeira revolución tecnolóxica de gran calado que, ao modificar a recepción e relación dos cidadáns cos textos escritos, abriu a porta a todas as revolucións posteriores xa fosen ideolóxicas, relixiosas ou políticas. 
Noutra entrada falaremos da introdución e expasión da imprenta en España.

2 comentarios:

  1. En esas datas se edita tamén unha obra ilustrada fantástica "As crónicas de Nuremberg"...probablemente a primeira enciclopedia universal ilustrada.

    ResponderEliminar
  2. Como curioside dicir que Gutenberg era orfebre é aplicou os seus coñecementos de fundición e traballo cós metais e as técnicas de nielado para levar a cabo esta invención.

    ResponderEliminar

¡Anímate a participar cos teus comentarios!